Acordos do Pleno da Deputación na sesión ordinaria de abril de 2024

Plácido Álvarez Dobaño (Vicepresidente da Deputación Ourense) garda un minuto de silencio pola muller asasinada, supostamente pola súa exparella no concello coruñés de Santa Uxía de Ribeira e acompañado polos outros grupos políticos que forman a pleno da Deputación Ourense e por traballadores do Pazo Provincial.

Ourense, 26 de abril de 2024.

A Corporación provincial de Ourense celebrou hoxe, baixo a presidencia de Luis Menor, o pleno ordinario correspondente ao mes de abril, no que se trataron e aprobaron os seguintes asuntos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Declaración Institucional

Ao comezo da sesión, o pleno adheriuse á declaración institucional da FEMP con motivo do Día Nacional da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade que se celebra o día 3 de maio de 2024.

Neste documento faise un chamamento aos gobernos locais para que formulen as súas políticas a partir de sete piares de inclusión: non discriminación; fomentar a inclusión; garantir a accesibilidade en todos os ámbitos da vida pública; promover programas de formación que incrementen a concienciación e comprensión sobre os dereitos das persoas con discapacidade; traballar activamente en cambiar as actitudes sociais e combater os estereotipos negativos; integrar unha perspectiva de xénero en todas as políticas e accións relacionadas coa discapacidade; e promover unha nova regulación regulamentaria do acceso ao emprego público das persoas con discapacidade.

Data das comisións informativas en maio

Modificouse a data das comisións informativas do mes de maio, quedando todas para o xoves día 23 a partir das 16.30 horas. A orde das comisións será a seguinte: Administración Provincial, Transparencia e Emerxencias; Especial de Contas, Facenda e Recursos Humanos; Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural; Políticas Sociais; Turismo, Termalismo e Medio Ambiente; e Cultura, Educación, Deportes e Mocidade.

Plan estratéxico de subvencións

Aprobouse definitivamente o Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación e do Inorde para o período 2024-2027, que establece as liñas estratéxicas para a concesión de subvencións neste mandato.

A vixente ordenanza xeral de subvencións da Deputación establece (título III; artigos 12-14) a obriga de elaborar e aprobar un plan estratéxico de subvencións, como instrumento de planificación das políticas públicas que teñan por obxecto o fomento de actividades de utilidade pública ou interese social, co contido mínimo e réxime de tramitación, aprobación, seguimento e avaliación alí recollido. Así, a aprobación dun plan estratéxico resulta imprescindible para posibilitar a concesión de subvencións nos vindeiros exercicios.

As liñas de subvención que contempla o Plan Estratéxico son as seguintes: cooperación ás obras e servizos de competencia municipal; fomento da cultura; do deporte; reto demográfico; benestar social; desenvolvemento económico da provincia; e asociacionismo veciñal

Delegación de competencias do Concello de Punxín

Delegáronse na Deputación as competencias do Concello de Punxín en materia de recadación executiva dos gastos derivados de execucións forzosas e do Imposto sobre construción, instalación e obras (ICIO).

Modificación de crédito do Inorde

Aprobouse inicialmente unha modificación de crédito do Inorde por importe de 238.000 euros, financiados con cargo ao seu remanente de tesourería. Esta modificación afecta a 9 partidas destinadas fundamentalmente a poñer en marcha novas accións de promoción económica na provincia e atracción de investimentos, accións de promoción e desenvolvemento turístico e para reforzar os servizos que tanto o Centro Agrogandeiro como a Unidade de Razas Autóctonas prestan aos agricultores e gandeiros.

Tamén se prevé a redacción de novos proxectos encamiñados a obter financiamento para futuros investimentos nos sectores turístico e agrogandeiro.

Modificación de crédito da Deputación

O pleno aprobou un expediente de modificación de crédito por importe de 36.212.443,19 M€ con cargo ao remanente de tesourería, dos que algo máis de 23 millóns corresponden a suplementos de crédito e o resto a créditos extraordinarios.

Entre os principais datos que figuran no documento e no referido á cooperación cos concellos destacan os máis de 3 M€ destinados ao Plan CooperOU, que alcanza así os 17 M€ previstos neste ano. Tamén figuran 5,9 M€ en axudas nominativas para todos os concellos da provincia, aplicándose criterios de poboación para o seu reparto: as entidades locais de menos de 1.000 habitantes recibirán 50.000 euros; entre 1.000 e 5.000 habitantes, 60.000 euros; e os de máis de 5.000 habitantes, 70.000 euros. Destínanse ademais 440.000 euros para gastos de funcionamento e proxectos en materia de cooperación coas mancomunidades de municipios da provincia.

No tocante a colaboración con entidades, a modificación recolle 3,5 M€ para unha vintena de entidades sociais, culturais e do ámbito económico, entre outros colectivos, así como entidades deportivas e clubs de alta competición.

Tamén referida á propia actividade da institución provincial figura a ampliación do programa de mantemento e mellora de vías provinciais e cuxa dotación económica pasa de 1,5 a 4,5 millóns de euros.

Destaca tamén a colaboración con outras administracións, como en materia de infraestruturas deportivas dotando con 1,5 millóns de euros o convenio de colaboración coa Xunta de Galicia. Ademais figura o convenio ampliado de 1,3 millóns de euros coa Xunta para seguir desenvolvendo iniciativas de prevención de lumes coa adquisición de 12 novos tractores, maquinaria pesada e a implantación de brigadas piloto en mancomunidades, cunha duración de 6 meses. Neste apartado de cooperación inclúese a consignación de 1,5 millóns de euros para unha nova fase do parque acuático do complexo de ocio e deportivo de Monterrei.

Comisión executiva do Consorcio de Augas de Valdeorras

Aprobouse a encomenda de xestión aprobada pola Comisión Executiva do Consorcio de Augas de Valdeorras, relativa á contratación dos seguros de responsabilidade civil do consorcio, de responsabilidade medioambiental e civil por contaminación derivada da actividade das estacións depuradoras de augas residuais, e o seguro colectivo de vida que cubra os riscos de falecemento derivado de accidente, incapacidade permanente e absoluta.

Delegación de competencias do Concello de Boborás

Aceptouse a delegación de competencias formulada polo Concello de Boborás para tramitar o expediente de expropiación das parcelas necesarias para executar a rehabilitación de vivendas na aldea modelo do Penedo, para uso vivenda pública.

MOCIÓNS

Desmantelamento da seguridade na provincia

Acordos:

  1. Apoiar e recoñecer o labor que realiza a Garda Civil, comprometéndose a manter a súa presenza en todos os Cuarteis da Garda Civil na provincia de Ourense, dotándoa de máis medios persoais e materiais.
  2. Colaborar cos Concellos da provincia de Ourense no mantemento da seguridade cidadá.
  3. Proceder á atención presencial dos ourensáns nos cuarteis da provincia de Ourense as 24h do día.
  4. Paralizar urxentemente o traslado da Unidade de Fronteiras e Fiscal de Lobios.
  5. Non pechar ningún posto na provincia de Ourense.
  6. Reforzar de maneira urxente os postos da Garda Civil en todas aquelas zonas que carecen de Policía Local.
  7. Ocupar as prazas totais que aparecen no catálogo de postos de traballo para a provincia de Ourense e que estean libres na actualidade.
  8. Elaborar un plan de incentivo profesional e económico para que os axentes queiran ocupar os postos de baixa demanda no medio rural.
  9. Empregar urxentemente as vacantes de persoal en reserva sen destino, para dotar de máis axentes á provincia de Ourense.

Comité de Empresa de Ilunion

A Deputación de Ourense e todos os grupos políticos con representación na mesma acordan:

  1. Instar a ILUNION ONCE a garantir o mantemento das instalacións que actualmente funcionan en San Cibrao das Viñas.
  2. Así mesmo ínstase á empresa ILUNION ONCE ao mantemento, recuperación e incremento dos postos de traballo no sector industrial de Ourense, ligados ás persoas con discapacidade no polígono industrial de San Cibrao das Viñas.
  3. Instar a ILUNION ONCE á readmisión do persoal recentemente despedido.