Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo



Este  mes de  maio de 2024 trae á actualidade, no lugar da Ponte, dúas novas que veñen de vello: a celebración da festividade da Virxe d´A Fátima, que, -segundo “parece”-, é a patroa do concello do Irixo e, polo tanto festivo local a efectos laborais.

AVANTAR ACTIVIDADES
Capela d´A Fátima. Casa dos de Lagarto na que se colocou a placa “Camiño NÓS”

Por outro, a sinalización d´O Camiño Nós que ten como punto de referencia senlleiro a placa que se colocou na fachada da casa dos de Lagarto, de cando alá no lonxano 1926 os membros do grupo NÓS, maiormente ourensaos, cruzaron o concello, seguindo o Mapa de Galicia de Fontán desde A Ponte do Eixán ata O Espiño na estrema co concello de Lalín.

 Deste xeito veremos, como noutros casos, que os motivos profanos e os relixiosos van da man. Así, anque puideramos cabilar que a memoria máis recente nos puidera transladar ata ese 1926 ou a de 1915, tal e como consta na documentación escrita sobre  O Camiño Nós, e a inscrición que consta na lumieira da casa coa placa, respectivamente, o certo é que,  a pouco que un afonde no pasado atopamos algunhas consideracións que ao mellor poden ser de interese.

 En primeiro lugar, e con respecto á toponimia actual, obsérvase certa confusión -non sei se interesada ou por razóns que descoñezo- sobre os nomes que concorren neste punto. Estou a referirme ao lugar das Laxas -parroquia de Dadín-, ao da Ponte -parroquia do Campo- e ao do concello, O Irixo.

 Non é nova esta “polémica”, porque, a pouco que se revise algunha documentación moderna (XVIII-XXI), comprobamos como a mediados do século XVIII a parroquia do Campo diferencia dous lugares: “Erixo de Abaxos”, “Erixo de Arriva”, segundo o informe do párroco Juan Bernardo Bello en 1790, pero, antes en 1753, no Catastro de Ensenada xa se diferencia un  “Puente Eirijo” dos anteriores. Isto pode interpretarse como que a administración  eclesiástica ía por un lado e a civil por outro, ademais do desdeixo lingüístico, como poñen de manifesto outros documentos posteriores como a de identificar o concello baixo o nome de  “IRIJÓ”  (BOP: 5 de xullo de 1836).

 Ademais, segundo a demarcación entre as dúas parroquias, a do Campo e a de Dadín, e tal e como se recolle no catastro da Ensenada, a liña divisoria natural entre as dúas poboacións actuais: As Laxas e A Ponte, é o río Viñao, que recolle as augas que veñen desde Nabás que separa con respecto á Cidá, e as do regato da Condomiña  con respecto a Dadín. Unha mostra desta estrema é a que aínda se conserva na clave do arco central da ponte que pola cara sur mantén a imaxe de San Pedro -patrón da parroquia de Dadín-, mentres que polo norte sería a da virxe da Asunción -desaparecida-, como patroa da do Campo.

 O caso é que a finais do seculo XIX, comenzos do XX,  nos libros da igrexa de Dadín prodúcese unha certa confusión entre os nomes de  “As Laxas” e “A Ponte”, de tal maneira que, se desde o punto de vista civil “A Ponte/ Puente Irijo” estaría identificada co Campo, non así o estaba segundo a igrexa, ou, ao menos, habería como unha coexistencia dos dous nomes, quizais algunhas casas das Laxas actual co nome da Ponte que pertencerían a Dadín ata que se xeralizou o de “As Laxas”, e o da Ponte exclusivamente para O Campo. A razón destas consideracións previas teñen que ver co que vén de clarificarse, aínda que  non se repercuta no Nomenclátor actual en vigor, con respecto á Toponimia dos dous nomes dos lugares, isto é, que a capitalidade do concello, “O Irixo”, confórmana “As Laxas”   e  “A Ponte”, e, polo tanto, deben seguir mantendo a súa identidade a todos os efectos, tal e como marca a tradición, como o é a nivel parroquial e debe ser a nivel administrativo, de tal xeito que a  sinalización aplicada para os demais lugares, na que consta o nome do lugar e da parroquia, se aplique para “As Laxas” e “A Ponte”, ou, polo menos, como  se vén de facer para a sinalización do Camiño Nós na que á entrada das Laxas aparece a única manifestación escrita “oficial”da súa existencia actualmente. O caso da Ponte, é semellante, pero coa particularidade de que este pode evolucionar a “ O Irixo”  e desprazar a ambos os dous topónimos diferenciados como núcleos de poboación separados historicamente polo Viñao (Os sinais “O Irixo” á entrada-saída das Laxas deberían ser revisados).

 En 1926  na crónica de Xavier Pardo Bedia sobre o Camiño Nós, a confusión está viva porque non se menciona para nada “As Laxas”: “Eran âs doce cando chegamos à Ponte Irixo”.

Apartamos da estrada para irmos ao pobo, e o pirmeiro que nos chamou a atención, foi unha caravilla-petador, no portón de unha cas. A caravilla de un aer exipcio, semellando unha momia enfeixada, ollada de perto, era a estilización de un labrego antigo con monteira, chaleque de colo rubido e chaqueta con botóns. Fixemos foto de esta caravilla, que ven a aumentar o número que de elas tiñamos xa dibuxadas, tal vez pensando no Fermín Bouza Brey , que fai tempo anda recadando dibuxosd-elas.

 Logo pasamol-a ponte do mismo feito e imitante â de San Fiz, anque o ollo central non é oxival.

 Na crave do arco central, ten unha imaxe  [a da Asunción, quizais pola parte norte?]que se non ve ben e de feitura moi primitiva.

Mesmo â entrada da ponte, pasamos a unha casa con tenda no baixo, e outro cuarto     pequeno onde traballaba un zapateiro, co que, ao tempo que un arregraba as botas do Feixoo, estivemos de tertulia”.

 Á vista destes parágrafos da crónica, todo parece indicar que naquel tempo, os camiñantes, identifican A Ponte Irixo –ou en conxunto coa Ponte ou coas Laxas- porque esa “caravilla-petador” estaba na casa dos de Rei xusto no cruce actual da estrada que segue á Ponte, que,  daquela sería un camiño maís que conduciría ata onde se asentaba a casa do concello, preto da capela, porque aínda non fora construída a actual casa consistorial nin a capela.. Unha vez pasada a ponte medieval -que foi desprazada ao lugar actual-, que ademais lembra a outra imaxe, van petar na casa que debe ser das máís antigas da Ponte, na que se vén de colocar a placa conmemorativa daquela andaina. 

Polo tanto, e procurando sermos o maís fieis posible á tradición, e aínda que nin o nome das Laxas nin A Ponte -si o de Ponte Irixo que máis ben semella As Laxas- consten no relato de Xavier Pardo, aqueles deben ser ben acollidos e respectados como así se fixo na señaléctica actual do Camiño Nós.

Sobre a capela d´A Fatima, aínda que foi inaugurada no ano 1964, despois da popularidade acadada polos milagres atribuídos coa aparición da virxe na Cova de Iria en Portugal aos tres pastores en 1917, a cidade de Ourense foi das primeiras en facerse eco da sona popular, despois da translación dunha imaxe en 1948 á recén inaugurada igrexa homónima no barrio do Couto. Así, a talla percorreu varios sitios da provincia – O Irixo tamén- durante dous anos contando coa aprobación co daquela bispo da diocese Monseñor Blanco Nájera.

 Sería a popularidade e a actualidade acadadas pola Virxe d´A Fátima a que, probablemente, conducise á súa advoción na capela da Ponte, idea que se viña xestando  por iniciativa do presbítero  don Manuel López Suárez da familia dos de Dona Manuela, quen, desde 1906 viña traballando nesa liña ata que o bispo Monseñor Temiño  en 1950 a ía autorizar. Aquel deixaría unha esmola  de 25.000 pesetas á súa morte para tal fin e o matrimonio formado por Francisco Parada e a súa esposa Dosinda Covela ceden o soar, segundo consta na placa que colga na fachada lateral esquerda de 1964. Na outra fachada lateral dereita, a dia de hoxe, maio de 2024, bótase en falta o “retabliño-peto” policromado das ánimas que foi anterior á construción da capela, quizais procedente dalgunha doazón ou peto que existiría nese mesmo lugar tal e como se sinala na crónica de Nós. As últimas noticias con respecto á ausencia da talla son que está en restauración e que pronto será devolta ao seu lugar orixinal para o que haberá que adoptar as medidas de seguridade pertinentes ou reubicalo no interior da capela?.

Como dato singular, ao respecto do antropónimo feminino de Fátima, resulta que é un topónimo portugués derivado do árabe “Fâtimat, nome da irmá do profeta Mahoma, casada co seu curmán, Alí. Significa “ a que desteta os meniños”, ou ben “doncela”, de fats=moza”.

 O caso é que este nome feminino musulmán, tamén foi adoptado como cristián a partir do primeiro terzo do séc.XX, a resultas das aparicións da Virxe na Cova de Iria aos tres pastorciños que declararan que viran a Virxe María, toda vestida de branco sobre unha aciñeira naquel lugar. Aínda se sucederan outras manifestacións milagreiras como foi o chamado “baile do sol” e unha serie de misterios entre os que estaban a visión do Inferno, a conversión de Rusia…  ata culminar no inmenso centro de peregrinaxe  actual.

 Feitas estas consideracións previas con respecto á capela e a devoción á virxe de Fátima, ata o punto de nomeala patroa do concello, -cando ningunha das outras igrexas-capelas tiña acadado tal recoñecemento e a pesar da longa tradición do seu santoral-, todo fai pensar que xunta o centralismo administrativo tamén había que incorporar un elemento sagrado para que a capitalidade -As Laxas-A Ponte- conte cuns sólidos alicerces.-O que non tiña por que supoñer o menosprezo das demais festividades locais a efectos de “festivo local”, revisable anualmente-.

 Xa fora uns cantos anos antes, en 1867 (ás portas do Arreglo Parroquial-1893) cando nun intento de agregar algúns dos lugares do Campo a Dadín e á Cidá se manifestara a vontade  dos veciños de “Puente del Irijo, Irijo de Arriba, A Condomiña do Campo, Marnotes e A Ermida” en seguir pertencendo ao Campo, despois de suplicarllo ao arcipreste de Boborás os veciños, e para o que tivera que intervir  don Ramón Suárez, eclesiástico da Ponte. Polo tanto non sería nada novidoso que se voltase a vivir un novo cisma entre as parroquias que desde o arranxo parroquial de 1893 se veñen mantendo así ata a actualidade. –Deus non o queira!  

 Polo tanto, aínda que a tradición do Camiño Nós vai cumprir o seu centenario no próximo 2026, as raiceiras da capela xa virían de 1906, anque descoñecemos a advocación para a que estaría pensada nese momento. A capela tamén incorporou unha talla de S. Isidre, o Labrego, que se atopaba na antiga Casa da Cámara Agraria, e outra a tamaño natural do Padre Pío de Pietrecelcina que foi traída desde este lugar de peregrinaxe desde Italia.

 A actualidade nestes días pasa pola celebración da  novena na honra da Virxe, e o día trece do presente mes a misa cantada con procesión ata o cruce das Laxas e co  acompañamento musical como de costume. 

 Con respecto ao Camiño Nós, xa se aproveitara na crónica anterior sobre o San Marcos do Concieiro para sinalar que os primeiros pasos en ser percorridos son sobre a parroquia de Corneda, pasando pola Pedriña, O Concieiro ata A Bugalleira de Riba. Os do grupo Nós non inclúen referencia ningunha nin á Bugalleira, nin ao peto, pero tampouco á Pena da Sela polo que se dá a entender que seguiron a estrada O Carballiño-Silleda que xa empezaba a ser transitable ata As Laxas.

 A nova sinalización diríxenos á Pena da Sela, que acolle  o camiñante cunha fermosa carballeira, á entrada da que se atopa un cruceiro cunha longa inscrición de 1907: “HECHO A COSTA DE AVELINO DE SAAVEDRA”. Será abondo coñecido -dos sempre amables lectores- que este santuario na honra da Virxe do Carme ou da Pena

Mouteiras á entrada do Irixo e de Lalín. Placa na casa da Ponte. Lugares de paso da Sela pertence á parroquia de Dadín e todos os anos o primeiro domingo de xullo realízase o translado da talla desde a igrexa parroquial ata este punto, á que segue unha afamada romaría de tradición máis que bicentenaria segundo se recolle na lumieira da entrada principal co nome do párroco -Andrés de Portas- e ano de 1757.

 O roteiro Nós diríxenos ata o lugar da Seara, seguindo o itinerario que tradicionalmente se utiliza para a “Baixada da Santa” ata Dadín. Neste tramo, denantes de chegar á Seara, á esquerda hai un microtopónimo que nos fai pensar, como noutros casos, na existencia dalgunha construción castrexa: O Pico do Castro; e outro, o Penedo do Cuco, cando este estaba visible porque escaseaba a vexetación arbórea. Á  saida do lugar, á dereita, hai un muíño tradicional, “Da Casanova”, en ruínas cunha cruz na lumieira, que suxire a propiedade da igrexa.

 Xa en Dadín, os pelegríns despois de observar algunha lápida que ao Risco lle chama a atención pola decoración: “No adro hai unha sepultura con estela adornada con rosáceas. As campas por toda ista terra, non acostuman  a ter estela. O Risco, fíxase e apunta unha que di: “Florinda da Juana”. A este respecto podo sinalar que aínda na actualidade perdura este alcume familiar, ademais de ser moi común na parroquia o apelido “Dejuane/z”, que sería probablemente unha variante.[Os meus intentos de localizar tal sepultura, ata agora foron en van]. Fan unha breve descrición do interior da igrexa que, practicamente, responde ao estado actual.

 Do campo da festa, ao que precede un cruceiro, van para alá uns cincuenta anos que deixou de acoller o que era o obradoiro dos canteiros de Saavedra, dos que hai boas mostras dos seus coidados traballos nos panteóns. Estes son, na súa maioría,  posteriores á data de 1926, e entre os que destacan os que foron obra de Jesús Gónzález  G., alias “O Saavedra” ou “O Santeiro”, polo que se entende que non foran obxecto de atención polos ilustres camiñantes. Do outro lado da estrada uha senlleira reitoral queda como exemplo dunha inmensa ruína, como no resto das parroquias.  [As proféticas palabras que Emilio Duro Peña quería empregar nunha medalla  para describir o estado do mosteiro de San Pedro de Rocas en 1970, condensan de xeito rotundo o estado de conservación do noso Patrimonio local: SITU ADMIRABILIS: ANTIQUITATE VENERABILIS: STATU DEPLORABILIS].

 Tampouco se nomea a que é coñecida como “Casa Grande” de Dadín que nese intre debía estar en construción e a punto de acoller a Casa Cuartel da Garda Civil. Alguén -pretencioso- colocou unha placa na fachada coa inscrición de Calle Cervantes.

 Diríxense ao lugar das Laxas -como xa se dixo, A Ponte Irixo-, despois de pasar polas Fonteiriñas onde Edelmiro Ferradás elaborou as gaseosoas coa súa marca, sen esquecermos que, O Coto, ata hai uns anos contara con  dous serradoiros e dous muíños. Actualmente son varios servizos -tanto publicos como privados-  dos que se pode botar man. Unha vez na casa de Lagarto na Ponte, como ademais de taberna era zapateiro o seu dono,  aproveitan para facer a “toilette” dos pés, soben ao sobrado en cuxa sala  hai unha gran mesa con bancos aos lados e : “O patrón, home serio,  de bigote fíxonos rubir por unha moza, ovos duros partidos a mitade, guiso imitante ao do pulpo, e dimpois, xamón cocido con patacas ao xeito de cachelos, queixo, pan e viño e café con uha botella de augardente do Ribeiro”.

 Despois dunha curta soneca: “Enantes de surtir, do Irixo, inda fixemos unha foto de un peto de ánimas, e outra de unha vista da aldea, na que retratamos a xente de alí, entre eles un vello de bigote e óculos pequeneiros con mandil de coiro, con todo o aer dun zapateiro. [A mención ao peto das ánimas é unha proba máis da existencia deste, anterior á capela de Fátima, como se dicía máis enriba]. -Mágoa que non se puidesen  localizar algunhas das fotos que din que realizaran tanto a algunhas persoas como da paisaxe!! Ou da cerámica que se cita noutros traballos de Risco.

Interior da igrexa parroquial de Dadín. A Pena da Sela

 O paso pola Ponte é fuxidío porque nin a casa do concello nin a praza formaban parte da paisaxe. Sen embargo si existía a que hoxe é coñecida como de Dona Manuela, (BIC), se temos en conta a data de “1880-PL”,que consta na balconada de ferro, e unhas chancadas máis en diante o pombal e o hórreo.

 Coa previsión de chegar a Silleda nesta segunda etapa antes de que fose noite, e sen preocupación de “en ista etapa ir na búsqueda de belezas arqueolóxicas”apuran o paso e chegan “ao alto do Irixo onde xa emprincipian os gneis, pizarras e micaquistos, ollamos unha casa de lonxado ano 1777, con algúns detalles curiosos”[Quizais Irixe (O Irixo de Arriba), pero falta por localizar a casa…,ou a non ser que se trate da venta que nalgún tempo había no alto da Romiña].

  Nese punto”o hourizonte é mais eistenso e fermoso, persenta por unha banda, as derivacións do Testeiro, que van de iste monte ás de Dozón, e o Faro de Avión; e pola outra a Madanela, por riba do Irixo en terceiro termo. A dereita do noso camiño pol-a serra, deixamos un monte outo que se chama Foxo do Cabrito.

Efectivamente, na actualidade, desde o alto da Romiña cunha visión ao lonxe de 360 graos, alcánzase a ver, por un lado un exército de xigantes que avanzan desde O Testeiro-O Candán, e outro desde O Coto do Marco-O Pico Seco liderados polo deus Eolo. Mentres que pola parte de Pena Negra as torres reemisoras permiten recibirmos  os sinais da “modernidade”. E aínda hai outras penas célebres, ou como réplicas  unhas doutras: Pena Albura (local Alghura) (que se pode entender en contraposición á Pena Negra); Pena Grande (Por enriba de Marnotes); Pena Alba, Pena Furada ( Pola Felgueira); Solleiras Penas (Ben expostas ao sol polas Penas do Pedrouzo), así como outras moitas que encerran algún misterio e información sobre lindes parroquiais.

 “Ollamos ao rubire, ata sete mámoas, algunhas apiruladas,con sinal de non ter sido abertas. Á esquerda deixamos un castro” [O castro de Orros]

 “As cinco e meia chegamos á Hermida do Fondo, onde hai casas de laxas bastante boas, inda que son poucas todas teñen moi bos cabaceiros. A hermida estaba pechada, e foinos imposibre o sabere que santo tiña”

“Ten diante un bo pendello cubrindo un adro, enlousado, arrodeado dun muro con bancada de pedra, con colunas de capités toscanos e na fachada a reixa de pau tradicional. Ten bóveda de meio cano de pedra”

[A ermida é na honra da Purificación de nosa Señora, segundo informe do párroco en 1790.Na actualidade a de maior devoción é a da Candeloria. A descrición da capela coincide esencialmente coa actualidade, agás algunhamodificación a base de formigón no que serían as “colunas de capités toscanos”] 

 “As sete e dez, estamos no punto mais outo da serra, camiño do Espiño; marca o altímetro que levamos, 880 metros” .

 Neste punto hai certa confusión ao sinalar que a “Hermida do Fondo” “é a derradeira aldeia do Irixo e tamén da provincia de Ourense; a de Pontevedra escomenza xa na Hermida do Medio, para a que ainda temos moito que andar”, para a continuación sinalar que “Chegamos ao Espiño ás sete e vinte…O Espiño é outro pobo da montana, imitante aos outros de ista serra. Á esquerda de iste pobo, vemos o monte Candán.[Sabido é que o Espiño na actualidade é un lugar mixto, unha parte pertence a Lalín e outra ao Irixo e neste punto está polo tanto  a estrema entre estes concellos, o que non quita a outra estrema coa Hermida do Medio de Lalín].

 Cando xa empeza a esconderse o sol polo Candán, despois de deixar á esquerda Couso-A Espiñeira, As Liñeiras-Zobra, e pasados “Os Espiños”: “Seguimos polo lugar de Castiñeiras, na parroquia de Lebouzán. De eiquí imos a Saborida e Dodeirón da mesma freguesía. As nove e quince, estamos en Vilatuxe, dende onde se olla, tamén a esquerda o monte Chamor”. [Á esquerda, o lugar de Chedas resulta nestes días primaverais un paraíso, ademais da lenda que o encerra].

 A partir de aquí, xa dentro do concello de Lalín e de deixar de subir, atópanse na terra de Trasdeza, despois de cruzar polo campo da feira de Carballiñas (sic) cuxa carballeira “xunta as ponlas convertindo o campo en un fermoso túnel”.

 Á unha da madrugada chegan a Silleda, despois de “seis legoas de camiño” desde  o Carballiño, punto de partida da xornada.

  En todo caso, cremos que a travesía polo concello do Irixo, é das máis fértiles, como memoria cultural -sen menosprezo ás demais- e das máis longas se a comparamos con calquera das outras desde Ourense ao seu paso por Amoeiro-Maside-O Carballiño-Lalín-Silleda-A Estrada-Vedra-Boqueixón e Santiago, desde o punto de vista do patrimonio cultural, incluíndo dentro deste, ese senlleiro menú local e así poder contribuír ao esforzo dos intrépidos camiñantes, máis alá das “sabedoiras cereixas e o chiculate rillado” á ocasión.

Trabazón- A Espiñeira

  Como diciamos máis enriba, ademais da actualidade, tamén se trata é de que os dous topónimos, “AS LAXAS” e “A PONTE”  sigan vivos  -aínda que xa ten habido as súas tirapoxas para un lado ou o outro do río con respecto á capitalidade- (en Nomenclátor de España, 1888, Irijo-O Campo fronte a As Laxas-Dadín;  en 1923 consta Irijo-O Campo  como capital na Xeografía do R. de Galicia- de V. Risco e As Laxas-Dadín), aínda que hai precedentes (1774: Apeo de Saavedra: “Lugar dela puente dela laje-Dadín, pero tamén P. Vázquez del lugar dela Puente do Campo feligresía de San Pedro de Dadín”)!!!. O caso é que neste intre parece estar asumida a capitalidade compartida, o que non quita que aínda recentemente se propuxera reducir aquela ás “Laxas” dados os cambios substanciais que a nivel socioeconómico se teñen producido, o que non quere dicir que historicamante “A Ponte” siga sendo “A Ponte”, pero tampouco pode  quedar en dúbida que “A PONTE”  e  “AS LAXAS” foron dous espazos diferenciados da parroquia de Dadín, aínda que o ámbito do primeiro, “A PONTE” puidese compartir topónimo coa marxe dereita. Deixamos a modo de curiosidade estes dous manuscritos da igrexa de Dadín, asinados polo mesmo párroco, que deixan ver ás claras que hai un “PUENTE  o LAJAS”   e outro “LAJAS”  (“a secas”) en Dadín. Aínda admitindo que son de datas diferentes, pero, curiosamente, o máis antigo é o que recolle expresamente o de “LAJAS”, mentres que o outro,  aínda en 1918 recolle “LAJAS o PUENTE” e o “Arreglo parroquial” xa data de 1893.

-En fin.  Doutores ten a S. M. Igrexa!

O Irixo. Maio de 2024 . Xulio Dobarro Ferradás.


Outros artigos de Xulio Dobarro

Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “

Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “

Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”

Xulio Dobarro: “O Irixo: xúbilo dos “guillotes” ou riadaguenses. A garda civil restitúe o ladroízo, coincidindo coa festa do San Lourenzo”

Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”

Xulio Dobarro: “O Instituto de Estudios Carballiñeses na cimeira das publicacións en lingua galega en Galicia”

Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”

Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)

Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”

Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”

Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “

Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “

Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme

Xulio Dobarro. O Irixo: Francisco Ferradás da Pena, ágrafo, mais, filántropo-promotor da primeira escola do concello (1828)

Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “

Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “

Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?

Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III

Xulio Dobarro: Escolma artesanal II

Xulio Dobarro: Outono de vida e morte

Xulio Dobarro: Escolma artesanal

Xulio Dobarro. O Irixo: A Pena da Sela plató de “Carballeira” -Tvg: fusión de tradición e modernidade.

Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”

Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “

Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”

Crónica de Xulio Dobarro: O monte de Saavedra (o Irixo):”o Penedo dos Corvos”: un ben cultural e natural calcinado

Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro

Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)

O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria

A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )

O Irixo-Dadín, berce da poeta Carmen Conde Abellán, mártir, heroína e primeira muller en sentar na R.A.E.

O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu

O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado

O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I

O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “

O Irixo, escaparate centenario da emigración

O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)

O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).

O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)

O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)

O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono

O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”

Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.