O sábado 26 de novembro tera lugar a xornada técnica organizada de Asoporcel

A IV Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta en Galicia ofrecida pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo o sábado 26 de novembro, en horario de mañá.
Entre os relatores desta edición, presentada polo xornalista da Televisión de Galicia Manuel Cruz, atópanse os investigadores Guillermo Ramis (director do departamento de Produción Animal da Facultade de Veterinaria da UM) e Ignacio Ortolani (veterinario do departamento técnico e de formulación de Agrifirm España).
Na súa exposición, Ramis abordará a influencia da xenética nas enfermidades emerxentes ou reemergentes aparecidas nos últimos anos no porcino, cunha especial mención ás razas minoritarias e concretamente ao Porco Celta, sobre o que se tratará a súa rusticidade e a posible endogamia. Fará, así mesmo, un repaso á influencia da xenética dos patógenos e dos propios porcos.
Pola súa banda, Ortolani centrarase nas claves de manexo da porca reprodutora de Porco Celta. En concreto, profundará nos aspectos sanitarios de maior relevancia e enunciará unha batería de pautas básicas e complementarias. Así mesmo, tamén tratará os criterios para un manexo correcto da alimentación, área na que achegará unha serie de recomendacións nutricionais axustadas a cada fase produtiva.
A Ramis e Ortolani uniránselles os expertos Francesc Accensi (profesor do departamento de Sanidade e Anatomía Animais da Facultade de Veterinaria da UAB e investigador do Centro de Recerca en Sanitat Animal), encargado de presentar a situación actual da peste porcina africana, e José Manuel Ferreiro (xefe do Servizo Territorial do FOGGA en Lugo), que enunciará as especificidades da nova PAC para a raza Porco Celta.
INSCRICIÓNS ATA O 24 DE NOVEMBRO
A asistencia á xornada é gratuíta para todo o mundo, pero é necesario realizar inscrición previa. As persoas solicitadas en asistir pódense apuntar chamando ao 982 226 252 antes do 24 de novembro ás 14:00 horas.