O Concello empeora o servizo de limpeza

O GOBERNO DO CARBALLIÑO EMPEORA INTENCIONADAMENTE O SERVIZO DE LIMPEZA COMA ESTRATEXIA PARA XUSTIFICAR A SÚA PRIVATIZACIÓN

Aínda que resulte díficil de crer, hai días en que hai menos varredores nas rúas da vila que concelleiros cobrando no Concello.

AVANTAR ACTIVIDADES

Namentres se desvían cartos para festexos, a imaxe que se ofrece aos visitantes deixa moito que desexar por causa da suciedade que invade o pobo.

De novo, están a chegar datas senlleiras no almanaque e nas que as rúas do Carballiño reciben a un bo número de visitantes, nos máis dos casos, veciños e veciñas que por motivos laborais pasan a meirande parte do ano fóra do noso pobo.

E, ao igual que aconteceu nos meses de verán, tristemente, o primeiro que chama a atención aos recén chegados é a suciedade que invade de xeito descontrolado a maioría das rúas e prazas.

É este un mal que xa levamos meses sufrindo os que vivimos aquí e que leva provocado numerosas queixas e denuncias da cidadanía por tódolos medios posibles sen, que dende o Concello se ofreza resposta nin reacción algunha para mellorar un servizo tan básico e imprescindible.

A visible imaxe de abandono é desoladora en moitas zonas por onde hai xa tempo que ninguén lembra que pasara un operario municipal a realizar tarefas de limpeza viaria.

A insostible situación, que xa foi denunciada en varias ocasións por Espazo Común, chegando incluso a por enriba da mesa solucións efectivas aos ficticios problemas para a contratación de persoal esgrimidos polo goberno para non poder cubrir as vacantes existentes, non semella preocupar en demasía ao alcalde Fumega e á concelleira responsable Rita Soto.

Así, a día de hoxe na plantilla municipal só quedan dous varredores con contrato e só a presenza temporal de tres traballadores temporais que rematan contrato nuns días, amortigua minimamente o desastre nas rúas máis céntricas. Se se teñen en conta días de descanso e vacacións, a realidade é que en moitas ocasións son só tres os que están na rúa. Curiosamente, menos do número de concelleiros con soldo que hai hoxe por hoxe no Carballiño.

Para confirmar o que dende o noso grupo sostemos, baste con suliñar que hai pouco máis dun ano, había unha dúcia de traballadores no servizo de limpeza viaria e, aínda así, non eran abondo para chegar a ofrecer unhas prestacións óptimas.

A realidade que subxace baixo esta irresponsable actitude, obedece a unha clara estratexia de deixar empeorar o servizo público de limpeza a ollos da veciñanza para nun futuro moi próximo, xustificar unha nova privatización por parte do alcalde Fumega quen pasou en pouco tempo de teórico progresista defensor do público a abrazar a tódalas empresas que se ofrecen ao Concello do Carballiño tentando obter algún beneficio das arcas públicas.

Esta afirmación non é gratuita pois o própio rexedor xa anunciou a súa intención de privatizar o lixo e a limpeza, así coma a súa intención de non remunicipalizar o servizo de recadación a pesares dos compromisos adquiridos e as promesas feitas nos catro anos anteriores.

A constante intención manipuladora do goberno municipal e o costume de recurrir día sí e día tamén a medias verdades e a mentiras completas comeza a resultar xa tediosa pero neste caso ademáis, ocasiona un inmenso perxuizo á imaxe do Carballiño e á vida diaria dos que vivimos aquí e temos que sufrir as ocorrencias dun alcalde desnortado e con intereses que non concordan cos do pobo ao que debería defender.

Dende Espazo Común, e facéndonos eco da gran cantidade de queixas recibidas por esta sensible problemática, esiximos que dende mañá mesmo se tomen medidas urxentes para recuperar o servizo de limpeza viaria e a xente deste pobo non teñamos que pasar o Nadal sufrindo a vergoñenta imaxe que se está a dar por causa de intereses díficiles de entender.