A EMPRESA ADXUDICATARIA DA OBRA DAS RÚAS QUE BAIXAN CARA AO BALNEARIO XA COBROU DO CONCELLO, COMO MÍNIMO, 215.000 € E ESTA SEGUE LONXE DE REMATARSE
É de agardar que os vínculos desta co PSOE de Lalín non teñan nada que ver coa incomprensible actitude condescendente do alcalde Fumega.
O retraso no prazo de execución, que xa case duplica o fixado, e as numerosas e evidentes chanfainadas detectadas fan insostible a situación que demanda explicacións públicas e non máis excusas nin falsidades.
Está moi claro que as obras máis relevantes acometidas polo goberno municipal carballiñés, todas elas iniciadas con moita présa antes das eleccións de maio, son un fidel reflexo do funcionamento deslabazado e errático do ente local nos últimos tempos.
Primeiro foi a chapuza sen límites da Alameda e agora, con clara tendencia a superala en canto a despropósitos, temos a surrealista execución das obras de acondicionamento das rúas Cuba, Brasil, Uruguay, Venezuela e República Arxentina.
Por estas datas, está a piques xa de cumprirse un ano dende que a mesma foi adxudicada a unha empresa de Lalín e, aínda que pareza difícil de crer, daquela fíxabase un prazo legal para o seu remate de seis meses.
Despois de tanto tempo, como é de supoñer o grao de desesperación dos moitos veciños afectados é considerable.
No derradeiro pleno de 2019, o Grupo Municipal de Espazo Común levou á orde do día unha moción para que se esixira a súa finalización e para tentar clarexar os cartos xa cobrados pola empresa así coma esixir a aplicación das sancións correspondentes polo retraso.
Incriblemente o grupo socialista no goberno votou en contra da mesma e a súa maioría absoluta imposibilitou que esta fora aprobada.
Agora sabemos que xa daquela o Concello do Carballiño tiña aboados á empresa pagos por un montante de 215.000 euros como mínimo.
Se a esto engadimos a excepcionalidade de que a dirección de obra se contratara a unha persoa allea por 9.000 € cando soe facelo o arquitecto municipal; todo o que aínda falla por executar e as innumerables deficiencias detectadas e que deben ser subsanadas, o desatino acada dimensións, cando menos, preocupantes.
A continuación detallamos tan só algunhas destas anomalías que nos foron transmitidas por veciños das mesmas rúas.
-A deficiente recollida de pluviais dos numerosos edificios, resolta deixando á vista unhas antiestéticas tubaxes nos bodillos das beirarrúas. De xeito, ademáis, que se deixa sen resolver o problema das inundacións da Avenida do Balneario.
-A impresentable solución de deixar unha canle á vista entre a beirarrúa e o asfaltado para a recollida da auga destas tubaxes.
-Continuan dende hai meses as reclamacións, escritos e denuncias por parte de residentes por problemas xerados nesta obra para poder acceder ás súas garaxes.
-Pola contra, fixeronse rebaixes en bordillos onde non hai garaxes e mesmo para dar acceso a vaos sen legalizar o que semella un contrasentido.
-Na rúa Cuba o pintado de aparcamentos de quita e pon causou gran perplexidade entre os usuarios da mesma.
-Hai tramos de beirarrúa, sobre todo en República Arxentina, que xa se están a desfacer de xeito ostensible.
-Na mesma República Arxentina hai zonas onde se reduciu a beirarrúa que había anteriormente, non quedando apenas paso para unha cadeira de rodas ou un carriño de bebé.
-Na rúa Venezuela a pedra empregada dun lado e doutro é totalmente diferente.
-En varios puntos hai recurtes abruptos da beirarrúa para manter tapas de rexistros de diversas compañías co conseguinte perigo para os peóns.
Ante todo o exposto e vista a actitude do goberno municipal, é o momento de demandar responsabilidades e de que alguén ofreza explicacións á veciñanza.
Queremos pensar que non se está a levar este tema con permisividade cara á empresa e ocultismo cara á cidadanía polos vínculos da adxudicataria co PSOE lalinense polo que esiximos unha comparecencia pública do alcalde para dar conta da situación real desta nova chanfainada, xustificación dos pagos feitos, inicio dun expediente sancionador, prazos urxentes para o remate…