Non Deixemos que a FEIRA esmoreza

Adolfo Nogueira Portavoz do Grupo Municipal de Espazo Común

Artigo : ” Non Deixemos que a FEIRA esmoreza “

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende logo, a vida évos ben curiosa. Atópome agora, ante este papel, no paradoxo de namentres teño a oportunidade de darlle unha agarimosa benvida a Badal Novas, ter que escribir estas liñas pola preocupación de que teñamos que  despedirnos, case para sempre, dunha desas marcas de identidade que nos definen e nos distinguen históricamente coma pobo, a feira.

Temos logo que, por unha banda, O Carballiño vai ter maior presenza na inabarcable nube informativa da rede, en tanto a escura e densa brétema do esquecemento vai envoltando e pronto, de continuar camiño por esta congostra, engulirá sen remedio unha das nosas máis senlleiras referencias.

Non me considero en absoluto máis preparado ca ninguén en materia algunha pero si podo afirmar que teño un certo coñecemento de causa á hora de falar desta cuestión concreta.

Non é unha afirmación gratuita xa que, case igual ca este pobo, nacín na feira.

 Meus pais foron uns de tantos que tiveron que marchar da Galicia dos anos 70 a buscar remedio para a miseria, tristemente, igualiño ca a xuventude de agora. Acompañándoos na venda de calzado nos mercados de Granollers, Terrassa ou Castellar del Vallés, foi como tiven o meu primeiro contacto con este mundiño.

Despois, a mediados dos 80, tiveron a fortuna de poder retornar á terriña, e montar unha zapatería no Carballiño. Dende o Hipercalzados vivín, sendo aínda neno, como se agardaban tódolos meses con expectación os días 16 e derradeiro de mes xa que eran dos de maior afluencia de clientes.

Á xente máis nova custaralle crélo pero eran xornadas nas que non se podía pechar tan sequera para xantar, pois había clientes indo e vindo da mañá á noite, era un ledo rebumbio que deixaba moita riqueza en tódolos negocios da vila.

Eran tempos nos que a, daquela, moitísima xente que vivía nas aldeas, viñan nesas datas, moitos deles no coche de liña, para facer a compra do mes, por exemplo, no Pachó, no Labrador ou no Julito Pereira.

Eran tempos nos que baixos que só se abrían os días feriados no entorno do Campo da Feira (onde hoxe están o colexio que leva ese nome e o Auditorio Manuel María)  convertíanse nun fervedoiro de persoal comendo pulpo e carne ao caldeiro e facendo correr o Ribeiro cunha algarabía díficil de esquecer.

Eran tempos nos que aínda quedaba certo movemento de gando e resultaba frecuente ver becerros e vacas percorrendo as rúas entre os coches, nun contraste que adiantaba o cambio de ciclo, e no que se impuxeron estes últimos.

Eran, claro está, tempos que non han voltar.

Se ben non debemos perder nunca de vista as nosas orixes e tradicións, sería absurdo pensar que se pode manter un modelo de feira como era hai 30 ou 40 anos e menos aínda como era hai 80 ou 90. As costumes, o xeito de vida, o abandono absoluto do agro, as prioridades, a présa, todo evolucionou moito e rápido, ás veces non se sabe se para ben ou para mal pero…

O caso é que a feira non evolucionou cara a ningures . Foise convertendo nun simple mercadiño quincenal disgregado por diversas e alonxadas rúas e, con sorte, se fai bo tempo, nunha excusa para quedar a comer o pulpo.

Xa apenas ten repercusión para o comercio, ten moi pouca na hostalaría e ningunha no almanaque de moita da veciñanza de toda a contorna para os que antes era relixión e tiñan suliñadas en vermello as datas para non faltar á feira do Carballiño.

Todos sabemos que non é sinxelo, non hai variña máxica para á súa recuperación, non vai voltar a ser que foi. Pero non debemos resignarnos a perdela. Temos que acadar que eses días volten a significar algo nas vidas da xente, temos que buscar un modelo de presente e de futuro que volte a convertilas en puntos de encontro e en fonte de riqueza para as tendas, para os pulpeiros, para os bares. Hai que buscar fórmulas dende xa, porque noutros lugares foron quen de atopalas e nós non imos ser menos. Porque somos O Carballiño.

Vémonos o 16 para comer un pulpiño e celebrar que somos un pobo nado na feira.