- O luns presentará os resultados do Estudio socioeconómico e Estratéxico financiado pola Deputación Provincial de Ourense.
- O traballo, desenvolvido por doce expertos das tres universidades galegas, marcará o devir enoturístico da comarca.
- O evento celebrarase dende as cinco da tarde na Museo do Viño de Galicia e será aberto ao público.
A Asociación Ruta do Viño do Ribeiro contará cunha estratexia propia para a dinamización enoturística do seu territorio. O estudio se enmarca no “Documento socioeconómico e estratéxico da Denominación de Orixe Ribeiro” elaborado por unha equipa de doce expertos pertencentes ás tres universidades galegas. Este traballo foi financiado integramente pola Deputación Provincial de Ourense e contou cun orzamento de 41.500 euros.
O estudio enoturístico estivo liderado por María do Mar Pérez Fra, Doutora en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora no Departamento de Economía Aplicada desa mesma universidade.
Con este traballo a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro dótase dunha ferramenta que lle permitirá coñecer polo miúdo a súa realidade ao tempo que dispón dun instrumento para a toma de decisións cara a potenciación do enoturismo no territorio ribeirán.
Xornada de presentación dos resultados
Os resultados deste traballo sobre enoturismo no Ribeiro expoñeranse publicamente o vindeiro luns día 2 de marzo no Museo do Viño de Galicia a partir das cinco da tarde con entrada libre e de balde.
O programa consistirá na presentación dos datos socioeconómicos da actividade enoturística no Ribeiro así como a exposición polo miúdo das fortalezas e oportunidades que se lle brindan cara o futuro. Asemade propoñeranse as grandes liñas estratéxicas dirixidas á consolidación do Ribeiro coma destino enoturístico.
A Ruta do Viño do Ribeiro
A Asociación Ruta do Viño Ribeiro foi creada no ano 2007 coma unha entidade destinada á xestión e promoción dos recursos enoturísticos do territorio co obxecto de que este sector contribúa ao desenvolvemento da comarca. Hoxe en día conta con 54 socios entre os que hai 18 adegas, 7 establecementos de restauración, 18 aloxamentos, balnearios, termas, guía turística e oficinas de turismo, e museos.
Conta tamén cunha activa participación pública representada por 9 concellos (Boborás, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Leiro, Ourense, Ribadavia, San Amaro e Toén) así como o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro que ostenta a presidencia.
DATOS SOBRE A RUTA DO VIÑO DO RIBEIRO no período 2008/2018
A Ruta do Viño do Ribeiro leva recollendo datos de visitas a adegas dende o ano 2008. No período 2008/2018, teñen pasado polo Ribeiro preto de 100.000 persoas, tendo en conta os datos que se rexistran nas adegas. O número exacto é 97.361 persoas.
O mellor dato rexistrouse no ano 2018 onde os visitantes chegaron aos 13.343 persoas. O incremento medio de visitantes por ano sitúase no 12-14% tendo en conta que o incremento é ascendente dende o 2012, ano no que houbo o menor número de visitantes de toda a serie rexistrada.
No tocante aos perfiles dos visitantes, o Ribeiro é destino preferente en colectivos de 45 a 65 anos que supoñen o 47% dos visitantes, se ben é certo que nos últimos anos, a franxa de idade que comprende os 30-45 vai aumentando ata situarse no 28%.
Os nosos enoturistas viaxan en parellas ou en grupo de non máis de 4 a 6 persoas cun nivel de renda medio, e proveñen sobre todo, no 90% de Galicia, un 8% do resto de España e un 2% de países europeos. Valoran moi positivamente en primeiro lugar, a atención nas adegas e o viño, as explicacións sobre a historia da adega e ao adegueiro/a.