MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. CORONAVIRUS E XESTIÓN DE REFUGALLOS

Xulio Álvarez Crespo Biólogo e docente

Artigo : ” MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. coronavirus e xestión de refugallos ”

AVANTAR ACTIVIDADES

Hoxe, cando xa levaba uns días buscando materiais e bibliografía para os futuros artigos da serie que estou a facer con certa periodicidade, descubrín publicacións nos xornais e na páxina web da Consellaría de Medio Ambiente que me parecen moi interesantes na época de crise e pandemia da COVID-19 que estamos a padecer.

É por isto que decidín redactar agora este artigo e deixar para mellor ocasión outros que terán a súa disposición no futuro.

En tempos de crise sanitaria, os cidadáns podemos contribuír de xeito adecuado para así evitar contaxios no manexo dos refugallos. Non debemos esquecer, doutra parte, que os operarios de traballo de recollida e transporte de lixo están totalmente expostos, e eles, ao igual que o persoal sanitario, persoal das residencias, traballadores sociais ou persoal do sector alimentario, necesitan da nosa colaboración e, por suposto, do noso recoñecemento.

Non sei até que punto o confinamento cambiou os hábitos respecto do consumo e, por conseguinte, da produción de refugallos a nivel doméstico. Certo é que observo como nos colectores de lixo hai menos volume de depósitos, mais sería importante que todos nós tomásemos conciencia da situación e tentásemos non producir moitos residuos nin acumulalos sen control algún nos colectores. Ao respecto dos colectores, a idea de mantelos abertos para non ter que tocalos ao levar as bolsas paréceme adecuada, aínda cando podería darse un problema de cheiros segundo a cantidade acumulada e os tipos de refugallos que se depositan. Tamén poderiamos manter os colectores pechados e usar luvas para depositar o lixo no colector correspondente sen ter contacto directo coas superficies. A idea de fixar un horario paréceme acaecida, aínda cando se poida manter certa flexibilidade.

Naturalmente, as valoracións que estou a facer son sempre moi relativas. Non esquezamos que a hostalaría e moitos outros servizos están pechados e, por tanto, a redución de residuos é considerable. Supoño que no futuro as autoridades e técnicos competentes farán unha análise da produción de lixo (cantidade e variedade), da súa recollida e do seu tratamento neste tempo de pandemia. Seria importante facelo para valorar  o acontecido en relación cos refugallos e sacar as conclusións oportunas

Na Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático), publicouse o 17 de marzo do 2020 unha instrución para os domicilios sobre xestión de residuos domésticos e COVID-19.

Dada a súa importancia, paréceme pertinente divulgala o máximo posible. Resúmoa brevemente no seguinte cadro:

EN LARES CON POSITIVOS OU CORENTENA POR COVID-19 EN LARES SEN POSITIVOS OU CORENTENA
Os refugallos, incluído o material desbotable de pacientes, depositaranse nunha bolsa de plástico (BOLSA 1). Separar os refugallos como se vén facendo habitualmente.  
Débese pechar ben a BOLSA 1 e introducila nunha BOLSA 2 que tamén será pechada adecuadamente. Optimizar a selección dos distintos refugallos: separar papel, cartón, vidro latas, lixo orgánico…
A BOLSA 2 depositarase co resto dos residuos domésticos na bolsa do lixo (BOLSA 3), correspondente ao colector da fracción resto (verde). Esta tamén se pechará como é debido. Depositar os distintos refugallos nos seus colectores correspondentes.  
Inmediatamente procederase a unha completa hixiene das mans con xabón e auga quente. A BOLSA 3 depositarase no colector verde. Cómpre ter moito coidado en non facelo nos colectores de recollida separada, e nunca se deberá abandonar a bolsa na contorna. As luvas de látex ou nitrilo non son envases e, polo tanto, non deben depositarse no colector amarelo, senón no verde.

Polo demais, actuemos sen temor ás dificultades e perigos, con seguridade en nós mesmos e apoiando decididamente a quen nós está axudando a superar esta pandemia:  Sanidade publica, panadeiros, servizos de residencias, servizos de limpeza, centros de alimentación, farmacias, persoal de recollida de lixo…

Unha grande aperta para todos.

Obrigado e até a próxima.

——————————————————————————————————-

Outros ARTIGOS de Xulio Álvarez Crespo:

Artigo : ” Medio Ambiente: O Noso Compromiso “

Artigo : ” Medio Ambiente: Pasado, Presente e Futuro “

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (1)

Artigo : ” Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (2): A Vila do Carballiño “

Artigo : ” Medio ambiente : O Noso Compromiso. Reducir e Reutilizar “