O Psoe de Ribadavia urxe ó concello a realización do campamento de verán

O PSdeG-PSOE urxe ó Concello de Ribadavia a que busque a fórmula máis axeitada para a realización do campamento de verán na vila, ou no caso de non organizalo, ofrecerlle os pais e nais alternativas de ocio para as súas crianzas, sempre cumprindo coas normativas de seguridade e hixiene vixentes nestes momentos. Os socialistas lembran que noutros concellos “xa se están abrindo as inscricións para os campamentos e facendo públicos os pliegos de condicións para poder organizar este tipo de actividades”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende o grupo municipal socialista, da man do seu voceiro Ignacio Gómez, pídenlle o grupo de goberno do Partido Popular que “busque os mecanismos, como xa fixeron na apertura do pavillón, para que o campamento de verán poida celebrarse”. Lémbranlle tamén o alcalde que “nesta situación o máis normal sería ir todos da man e non tomar decisións sen ter en conta a oposición, como xa aconteceu nos últimos meses” e insístenlle en que “o PSOE está disposto a colaborar para que se poidan acadar acordos e se cumpra a normativa existente”.

O voceiro socialista, tamén afirma que “chegou a hora de que as autonomías e os concellos asuman as súas competencias” e lembra que “o Goberno vai ser o encargado de velar que se cumpran e executen as condicións de seguridade, pero non lle toca agora tomar decisións”. Gómez conclúe facendo alusión a toma de decisións por parte da administración local e afirma que “é hora de actuar e non de agardar a que outras administracións lles quiten as castañas do lume, xa que a cidadanía agarda medidas de impacto trala crise sanitaria da COVID-19”.