O DOG publica a resolución pola que se declara a área Rexurbe de Ribadavia, que comprende o conxunto histórico da vila

Trátase da terceira área Rexurbe declarada en Galicia, despois da de Mondoñedo, que foi aprobada no pasado mes de febreiro, e a da Coruña, declarada no Consello do 19 de xuño

No ámbito da área Rexurbe de Ribadavia existen 263 inmobles con deficiencias, ademais de espazos públicos necesitados de melloras

AVANTAR ACTIVIDADES

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se declara a área Rexurbe de Ribadavia. Grazas a este trámite poderanse realizar actuacións públicas e privadas dirixidas á mellora dos inmobles existentes e dos espazos públicos xunto con medidas sociais, ambientais e económicas dirixidas a mellora das condicións de vida, a creación de riqueza e postos de traballo e a dinamización demográfica.

A área Rexurbe é unha nova figura creada pola lei de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia, aprobada en 2019, que vai máis alá das tradicionais áreas de rehabilitación integral, xa que ademais da rehabilitación edificatoria inclúe medidas de dinamización social, demográfica e económica.

A de Ribadavia é a terceira área Rexurbe que se declara en Galicia despois da de Mondoñedo, declarada no pasado mes de febreiro, e da correspondente á cidade da Coruña, que foi declarada polo Consello da Xunta do pasado 19 de xuño.

A área Rexurbe de Ribadavia incluirá todo o ámbito do Conxunto Histórico da vila, que tamén conta con área de rehabilitación integral (ARI). A superficie total da área é de 0,108 quilómetros cadrados, existindo na mesma, segundo a memoria presentada polo concello, 459 edificios cun total de 709 vivendas. Dese total existen 263 edificios que se atopan en estado deficiente, malo ou ruinoso.

Plan de dinamización para a zona

A través desta nova figura, o Concello de Ribadavia pretende realizar actuacións de rehabilitación e mellora de edificacións e trama urbana, que incidirán sobre a situación económica e social dos ámbitos da área Rexurbe e de toda a vila de Ribadavia.

Unha vez realizada a declaración da nova área Rexurbe, o concello deberá redactar un plan de dinamización da mesma, no que se indiquen as medidas a adoptar e as actuacións que se deben levar a cabo, o custe estimado das mesmas e as fontes de financiamento, público e privado, para levalas a cabo.

No caso da Xunta de Galicia o financiamento procederá de diversos departamentos, xa que as actuacións nunha área Rexurbe son transversais e afectan a competencias de diversos departamentos.

Para a redacción do plan de dinamización o concello conta cun modelo elaborado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, segundo o establecido na Lei de rehabilitación. Para a redacción deste modelo de plan de dinamización o IGVS contou coa colaboración, a través dun convenio, da Universidade de Santiago de Compostela e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

O plan de dinamización que redacte o Concello de Ribadavia será sometido a consultas cos organismos incluídos no mesmo antes de sometelo á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, aprobación que facilitará o inicio de actuacións na área Rexurbe.