O PSOE levará á comisión antitransfuguismo a moción de censura en Castrelo de Miño

O PSdeG-PSOE de Ourense compareceu esta mañá ante os medios de comunicación para dar conta das decisións adoptadas ante a situación “anómala” e “antinatura” que está a suceder en Castrelo de Miño, onde dous concelleiros socialistas conspiraron co Partido Popular para levar a cabo unha moción de censura que “non avalan” a organización socialista, os militantes e simpatizantes da localidade nin a veciñanza de Castrelo de Miño. Os socialistas esíxenlle a Feijóo que “compareza de urxencia”, como responsable máximo do PP en Galicia e responda se “avala este tipo de comportamentos en política” nos que se pretende empregar os votos do PSOE e as actas de dous concelleiros para levar a cabo a devandita moción de censura.

Dende a organización do PSdeG-PSOE de Ourense avisan que levarán este caso ante a comisión antitransfugismo xa que en palabras do secretario de organización, Juan Carlos Francisco Rivera, “é un caso flagrante de transfuguismo político no que se traizoa a vontade dos veciños e veciñas de Castrelo de Miño que avalan a unha forza política e dita traizón convértese nun transvase de apoios a unha forza antagónica coa que compite o PSOE historicamente en todo o conxunto do estado, e nomeadamente na provincia de Ourense”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Francisco Rivera relatou tamén a situación que se está a producir nos últimos meses nesta localidade de O Ribeiro e tildou a situación “non só de lamentable dende o punto de vista político, senón de deleznable dende todos os puntos de vista”. O secretario de organización dos socialistas ourensáns quixo recalcar que se trata de concelleiros que concorreron as eleccións baixo as siglas do PSOE, “referendados e apoiados polo partido, votados polos cidadáns que elixiron a papeleta do PSdeG e que agora de xeito unilateral e en conivencia co PP deciden apoiar unha moción de censura, enganando deste xeito os seus votantes, compañeiros o traizoando o seu partido”. Ante esta situación e tal e como apunta Francisco, “o PSOE non pode facer outra cousa que expulsalos de xeito inmediato da nosa organización por traizón, deslealdade e por converter a política nun esperpento” e apunta que “agardemos que a veciñanza de Castrelo de Miño tome nota desta situación”.

Pola súa banda, a voceira da agrupación socialista de Castrelo de Miño, Catalina González, denunciou a “campaña de desprestixio” levada a cabo polo voceiro dos populares no municipio, Avelino Pazos, e polos dous concelleiros tránsfugas, Francisco Pérez e Jaime Fontanes, sinalando que “só buscaban desenfocar que se ía presentar unha moción de censura”. A voceira socialista tamén relatou que “estas persoas afirmaron que era eu a que ía presentar a moción de censura fai escasos días e onte destaparon o que todo o mundo sabía que estes dous compañeiros e o PP eran os que preparaban a devandita moción.

González acusou ao PP de “mercar vontades” para tratar de facerse coa alcaldía de Castrelo de Miño, sinalando que este tipo de actos “son totalmente corruptivos e amosan a corrupción total política, sen ter en conta a decisión popular da veciñanza nas urnas, que apostaron maioritariamente por un goberno progresista”, situación que segundo apunta “é un acto totalmente ilexítimo no que a base de prebendas se van facer cunha alcaldía”. A voceira socialista tamén dixo referencia a que “hoxe é un día triste e moi lamentable” e subliñou que “dúas persoas botan por terra o traballo de moitos anos dos socialistas de Castrelo para secuestrar a vontade popular e alzar a Avelino Pazos como alcalde en contra do decidido democraticamente”.

Por último interveu o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafa Villarino, quen apuntou que “imos a seguir loitando pola democracia nesta provincia, por desparasitala e por limpala daquelas persoas e actos que a están a converter nun auténtico depósito de lixo político”. Villarino acusou a Baltar de “estar detrás desta moción”, sinalando que “a tripla empate técnica en Castrelo nas municipais abríronlle os ollos a Baltar para pretender mudar a vontade soberana da veciñanza, co único fin de ter unha alcaldía máis para presumir”. “sempre que se produce unha situación como a de Castelo de Miño, falamos dos corrompidos, pero tamén hai que falar do corruptor, que altera a natureza das cosas botándoas a perder e iso é o que fai Baltar de forma permanente”, denunciou o secretario provincial dos socialistas ourensáns.

O voceiro provincial afirmou tamén que Baltar remata “co pouco creto político que lle queda a provincia”, e apuntou os casos do Concello de Ourense e doutros concellos da provincia, relatando que “incluso elixiu como candidato a Castrelo de Miño, a unha persoa que se negaba a ir nas listas e que dicía que a obrigaban”. Rodríguez Villarino apuntou tamén que “hai un grupo de intereses económicos que se dedica, basicamente, a expandir os seus tentáculos para facerse co control político e social da provincia e degradala aínda máis do que a levan degradando nestes 34 anos”.

O secretario provincial rematou afirmando que “esta é a realidade actual dunha provincia que esmorece, na que o PP perde votos, pero non o ritmo que deberían, pero a veciñanza ten que saber que é posible cambiar este sino e que os socialistas imos tentar facer medrar Ourense a golpe de democracia e traballo e espertala do letargo na que a sumiron os Baltar”.

Os socialistas amosaron tamén o “apoio unánime” de toda a organización provincial da agrupación municipal, de militantes, simpatizantes e da organización a nivel autonómico a súa voceira en Castrelo de Miño, Catalina González, que non cedeu a chantaxes nin presións por parte do PP e que se amosou firme na súa posición de non promover a moción de censura.