A Xunta destinará 340.000 euros para as agrupacións de Protección Civil

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da orde de axudas destinada a financiar os gastos das agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios, ás que a Xunta destina un orzamento de 340.000 euros.

As achegas do Goberno galego permitirán apoiar a un total de 188 agrupacións de voluntarios de Protección Civil da comunidade. Por provincias, 61 asociacións da Coruña recibirán axudas por valor de algo máis de 118.000 euros; en Lugo, serán 33 agrupacións, cun orzamento de máis de 58.200 euros; en Ourense, hai 63 beneficiarias grazas a un financiamento duns 109.200 euros; e en Pontevedra, as axudas chegarán a 31 agrupacións, con máis de 54.600 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

As axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións.

Esta convocatoria inscríbese no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar os medios de emerxencia dos concellos de menos de 50.000 habitantes. Con este obxectivo, tense habilitado o pasado maio outra liña de subvencións en especie con vehículos todo camiño e pick up, remolques de emerxencia, tendas de campaña, quads, embarcacións pneumáticas ou equipos de excarceración ou esparexadores de sal.
A Xunta destinou á convocatoria deste ano 932.400 euros para equipar a estas agrupacións. O investimento do Goberno galego nos últimos anos para dotar e reforzar o material de emerxencias das AVPC no conxunto da comunidade supera os 12 millóns de euros. Ademais, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), os voluntarios reciben formación sobre a atención ás emerxencias.