O Psdeg-Psoe de Pereiro critica o “cinismo” do PP que pretende agora rehabilitar vivendas tras 10 anos votando en contra desta iniciativa orixinaria dos socialistas

Os socialistas lémbranlle os populares que levan anos presentando mocións para o fomento da rehabilitación de vivendas rurais e que de ter aceptado as mesmas, hoxe moitas xa estarían habitadas

O voceiro do PSdeG, Jorge Gutiérrez, destaca que o que “o alcalde vende agora nas redes sociais é o que os socialistas levamos anos demandando coa negativa constante do Partido Popular”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar critica o “cinismo” do grupo de goberno do Partido Popular que pretende agora rehabilitar vivendas rurais nas aldeas do municipio, tras maís dunha década votando en contra desta iniciativa orixinaria dos socialistas. Dende o Grupo Municipal Socialistas lémbranlle o alcalde, Luís Menor, que dende o ano 2010, o partido do puño e a rosa presentou unha moción na que avoga pola rehabilitación destas vivendas en situación de ruína ou abandono no rural, co obxectivo de manter vivos estes núcleos de poboación, loitar contra o despoboamento e fixar nova poboación.

A crise e o confinamento orixinada pola pandemia da COVID-19 puxo de manifesto nos últimos tempos, o interese da poboación das cidades, especialmente familas co fillos, en facerse con casas no rural, cun pequeno terreo, co obxectivo de rehabilitalas e destinalas ben a segunda vivenda ou ben incluso a primeira.

“Nos últimos meses a demanda de vivendas para a súa rehabilitación creceu a gran ritmo en Pereiro de Aguiar, debido á súa proximidade á cidade de Ourense, pero os posibles compradores atópanse con que o concello non lles pode ofrecer suficente información, ao non contar cos medios necesarios para coñecer que vivendas son aptas ou están a disposición dos compradores”, explica o voceiro socialista, Jorge Gutiérrez, que destaca que “se o PP tivese aprobado as propostas socialistas, hoxe moitas casas estarían xa rehabilitadas e habilitadas e os posibles compradores terían a súa disposición información para sua compra o aluguer a través do propio Concello.

Os socialistas presentaron un plan ambicioso o longo dos últimos anos co que pretendían que se puxera en valor os numerosos pobos do municipio, próximo a centena, e que se evitase o abandono do rural. Entre as medidas destacaban a creación dunha bolsa de oferta de vivendas en venda ou aluguer, nunha páxina web, co fin de facilitar a consulta a posibles compradores. Tamén a creación dunha oficina municipal de rehabilitación, a través da cal se facilitaría asesoramento, información e xestións administrativas, como a emisión de informes urbanísticos, licenzas, tramitación da regularización da propiedade do inmoble, historia da vivenda, tipoloxía construtiva, ou a realización dos trámites para solicitar as axudas existentes de todas as administracións, para rehabilitación, compra ou aluguer “a resposta do PP a todas estas iniciativas foi a negativa constante e o voto en contra, perdéndose un tempo moi valioso, como se está demostrando”, explica Gutiérrez.

Dende o Grupo Municipal Socialista destacan que a “sorpresa” chegou esta fin de semana, cunha publicación nas redes sociais, na que o alcalde “anunciaba as mesmas ideas e propostas históricas do noso grupo”, lanzando un comunicado no que puña de manifesto a intención de apostar pola rehabilitación, crear un bolsa de vivendas e unha páxina web para facilitar as consultas dos interesados. “Parécenos unha boa idea, pero non entendemos porque agora si interesa e cando fomos os socialistas os que presentamos a iniciativa fai anos votaron sempre en contra”, reflexiona Jorge Gutiérrez, que tamén apunta que “unha vez máis o tempo danos a razón, co PP apropiándose das nosas iniciativas e vendéndoas como propias, pero chegan tarde, xa que o concello podería haber aproveitado a situación nos últimos tempos e ter novos habitantes e casas rehabilitadas”.

Unha rehabilitación, que os socialistas destacan que tamén “serviría para fomentar o emprego e reactivar o sector da construcción local”, xa que segundo apuntan “son moitas as pequenas empresas do Pereiro que se dedican a construción e rehabilitación de vivendas e veríanse beneficiadas destas actuacións”. O PSdeG-PSOE de Pereiro avoga tamén porque se faa un inventario de vivendas dos pobos, que se axude a legalizar a situación, e que se fomente a rehabilitación a través dunha baixada dos impostos municipaís como o de Construcións, Instalacións e Obras-ICIO e do IBI os primeiros anos tras a rehabilitación da vivenda