O BNG de Barbadás reclámalle ao goberno local garantír a continuidade dos talleres de música tradicional

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Barbadás, rexistrou unha moción para debatir no pleno do próximo luns onde solicita o mantemento dos talleres de música tradicional e a súa impartición en tódalas parroquias do municipio

Ourense, 10 de setembro de 2020. Elementos de cohesión e dinamización social. Así definen os concelleiros do BNG no Concello de Barbadás os talleres de música tradicional impartidos desde a escola municipal de música e implantados no anterior mandato.

Talleres, que coma consecuencia da situación sanitaria actual e derivada da pandemia da COVID-19 tiveron que verse suspendidos durante o periodo de estado de alarma pero que teñen previsto reiniciar a súa actividade neste mesmo curso.

Para os nacionalistas o que non é de recibo son as condicións nas que o goberno local de Barbadás pretende reanudalos. Denuncian desde o BNG que lonxe de rexirse polos protocolos establecidos pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza, o goberno municipal parece querer aproveitar a situación actual de incertidume para desmantelar os talleres.

Entendemos que non pode servir de escusa a situación creada polo COVID para pretender desmantelar de vez, servizos sociais, culturais, educativos básicos que antes se prestaban desde o concello de Barbadás. Todo ao contrario, hoxe é mais preciso que nunca reforzar estes servizos, sempre mantendo as premisas que ordena o Ministerio de Sanidade (distanciamento social, hixiene, etc).

Os concelleiros, Sarín Núñez e Carlos González denuncian o ilóxico de reducir o número de alumnos dos talleres a soamente 2 por curso cando, pola contra, no ensino, esa ratio é moito maior. Non é lóxica unha restricción destas carácterísticas pois o que vai provocar é a expulsión de moitos dos alumnos ao tempo que incrementa notablemente a duración dos cursos e o número de mestres precisos. Entenden os nacionalistas que o lóxico sería adaptalo número de alumnos ao tamaño de cada un dos locais onde se imparten.

Outro dos puntos da moción incide no feito de querer concentrar os talleres nos centros existentes na Valenzá e na escola municipal de música, algo que, segundo o BNG, racha co espírito co cal se instauraron no seu día, xa que coa súa impartición nos locais sociais das diferentes parroquias do concello, permitíase que persoas con problemas de mobilidade ou de avanzada idade puidesen aacceder a eles en condicións máis cómodas, ao tempo que actuaban como dinamizadores sociais das propias parroquias.

Coa eliminación dos talleres nestes locais e a súa centralización únicamente nos de a Valenzá e na escola de música municipal, impedirá, afirman os nacionalistas, que moitos veciños do concello poidan seguir asistindo aos mesmos.

Por estes motivos, o BNG pídelle ao goberno local que revise e aplique os mesmos protocolos que a Xunta emprega no ensino e que adapte a ratio de alumnos as características de cada un dos locais onde se imparten, que se coordinen os horarios e que se conte co profesorado suficiente, xa que do contrario, e segundo afirman no BNG, dera a sensación de que están tentando aproveitar a situación sanitaria e de restriccións para desmantelar os talleres. 
 O interese polo seu mantemento e promoción, é, a ollos dos nacionalistas, practicamente nulo.