O PSOE de Punxín pide á Xunta máis medios para a Axuda no Fogar e a Atención á Dependencia

O PSdeG-PSOE de Punxín defenderá no vindeiro pleno municipal, unha moción na que lle solicita ao Concello de Punxín que inste á Xunta de Galicia a incrementar a aportación orzamentaria para mellorar o servizo de atención á dependencia e axuda no fogar. As socialistas consideran que actual aportación que fai o ente autonómico “é insuficiente” e apuntan que dende o ano 2008, non se fixo ningunha actualización na cantidade que se aporta e que é de 9,70€ a hora. Con este orzamento, o Concello ten que asumir un importe superior, xa que cada ano increméntase o custe do servizo e a cantidade que aporta a Xunta non chega para cubrir as condicións laborais das traballadoras. Unha situación que “está afogando cada ano máis a economía do Concello”, explican as socialistas do municipio.

A voceira socialista en Punxín, Lorena Peleteiro, explica que “esta falla de recursos e a mínima aportación por parte da Xunta de Galicia, tradúcese nunhas precarias condicións para as traballadoras, todas elas mulleres”. Unha situación, que tal e como apunta Peleteiro, “provocou que as traballadoras, da axuda no fogar en Punxín, reciban unha remuneración inferior á que marca o convenio colectivo, a pesares da gran carga de traballo que soportan, e que durante os últimos meses, de forma especial, se puido comprobar”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende o Grupo Municipal Socialista sinalan que o Concello, “é a administración máis próxima á poboación”, xa que tal e como apuntan “está en contacto directo coa veciñanza”. Ano tras ano, os concellos galegos asumen cada vez máis competencias impropias e tal e como destacan as socialistas “non veñen acompañadas do suficiente ou correspondente financiamento”.

O servizo de Axuda no Fogar “é unha desas competencias impropias”, afirma Lorena Peleteiro, que tamén apunta a que “corresponde ás administracións autonómica e estatal”. “Cada vez, e de xeito máis preocupante, está a supoñer unha carga orzamentaria, que resulta inasumible para os presupostos locais do noso Concello”.