O Museo Etnolóxico acolle unha exposición sobre San Cipriano o mago

O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, inauguraron hoxe no Museo Etnolóxico de Ribadavia a mostra San Cipriano o mago. De oracións, ciprianillos e tesouros que expón máis de 150 obxectos vencellados con esta figura do san de Antioquía.

Durante o acto de inauguración, o representante autonómico explicou que esta mostra “permite afondar na pegada desta personaxe tan popular no imaxinario de Galicia, Europa, África e parte de Oriente para protexer de meigallos e males de ollo”. Neste sentido, Anxo M. Lorenzo agradeceu o labor do antropólogo Félix Castro Vicente, que durante os últimos 20 anos recompilou estes obxectos nos que queda patente a relación de San Cipriano con tesouros escondidos, a maxia e a relixión.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ata decembro do vindeiro ano poderase ver  máis de 150 obxectos sobre o patrón e protector dos practicantes das artes máxicas e contra os maleficios. Deles, máis de 50 son pezas relixiosas vencelladas a San Cipriano e procedentes de diferentes países como España, Portugal, Italia, Francia, Rusia, Grecia, Armenia ou Etiopía.

Ademais, tamén estarán expostos obxectos máxicos relacionados co culto a San Cipriano en todo o mundo e máis de 60 libros de maxia e sobre esta figura.