O bono comercio chega ós 2.000 veciños en tres días

O luns pola tarde comezou a distribución  das  tarxetas bono “O Carballiño Contigo” para todas as persoas maiores de 18 anos. Na mañá de hoxe, xoves 31 de decembro, entregábase a última das 2.000 tarxetas ofertadas.

Polo previo pago de  25 €, estes dous millares de veciños recibiron unha tarxeta bono de 50€ por persoa presentando o seu DNI, implicando deste xeito a toda a poboación activa na reactivación da economía local. Durante os tres días, a iniciativa amosou un éxito de participación, entregando xa a metade das tarxetas, ó redor do millar, nas primeiras 24 horas. Nas primeiras horas puidéronse ver colas de xente esperando para adquirila, cumprindo as medidas sanitarias.

AVANTAR ACTIVIDADES

A campaña terá un gran impacto na vila, xa que se distribuirán un total de  2.000 tarxetas e  poden participar todas as empresas excepto os espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados), as estacións de servizo de combustible e as salas de xogo/apostas; e ademais, dado que haberá que gastar os bonos nun prazo determinado, garántese a recuperación do consumo a curto prazo.