A Xunta destina máis de 6 millóns de euros para as víctimas da violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe unha nova convocatoria das axudas periódicas de entre 200 e 800 euros mensuais coas que a Xunta de Galicia apoia ás vítimas da violencia de xénero co obxecto de que gañen independencia económica dos seus agresores e consigan saír da situación de perigo. Tamén hoxe o DOG anuncia as axudas de pago único para apoiar ás vítimas con especiais dificultades para a busca de emprego e, por outra banda, a liña destinada a garantir que as mulleres que sofren violencia de xénero e/ou os menores ou persoas dependentes delas, perciban as indemnizacións que lles corresponden polos danos ou perdas ocasionadas pola situación de violencia e decretadas mediante sentenza xudicial. En total a Xunta destina a estas axudas 6,5 millóns de euros, contía ampliable para atender as necesidades de todas as mulleres que o precisen.

O Goberno galego destinará, por unha banda, máis de 5 millóns de euros para facer fronte durante 2021 e 2022 aos pagos periódicos. Galicia é a única Comunidade que ofrece estes apoios individuais mensuais ás vítimas de violencia de xénero, que resultan fundamentais para que as mulleres avancen no camiño da súa recuperación.

AVANTAR ACTIVIDADES

As axudas, cuxo prazo de solicitude está aberto durante todo o ano, teñen como potenciais beneficiarias ás mulleres vítimas de violencia de xénero que racharan a convivencia co agresor no último ano, ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e ás vítimas de violencia vicaria, é dicir, aquelas mulleres que padezan o asasinato dos seus fillos ou fillas a mans do maltratador.

O apoio concrétase nun pago mensual destinado directamente á beneficiaria, de carácter periódico e individual e por un período máximo de 12 mensualidades. A cantidade vai dos 200 euros aos 800 euros mensuais, en función dos ingresos da muller, dos fillos ou fillas menores que teña ao seu cargo e doutras circunstancias como as relacionadas con condicións de discapacidade.

A Xunta convocou hoxe tamén as axudas económicas de pago único previstas na lexislación estatal para axudar as vítimas que pola súa idade ou outras circunstancias, presenten especiais dificultades para obter un emprego que garanta a súa integración social. Nesa mesma orde se recollen as bases que regulan a concesión de indemnizacións por parte da Xunta cando correspondan por sentenza ás mulleres en situación de violencia e exista constatación xudicial de que non están a percibilas.

O Goberno autonómico destina en 2021, 1,2 millóns de euros ao aboamento das axudas de pago único, con cargo aos orzamentos xerais do estado. Neste caso o importe a aboar sitúase entre o equivalente a 6 meses e 24 meses do subsidio por desemprego vixente, en función das circunstancias familiares e de discapacidade dos descendentes ou ascendentes ao seu cargo. Diríxense a mulleres vítimas de violencia de xénero con residencia na Comunidade e que acrediten recursos insuficientes e dificultades especiais para acceder a un emprego.

En canto ás indemnizacións, a Xunta reserva 55.000 euros (ampliables tamén) para garantir que as mulleres que a teñen recoñecida por sentenza dos tribunais galegos reciban o seu aboamento en concepto de danos e perdas causados, a pesares dos presuntos incumprimentos que se poidan producir, e que deberán quedar tamén constatados polos tribunais. Neste caso son beneficiarias mulleres que sofren situacións de violencia de xénero, e/ou os menores ou persoas que dependan delas.

Con todas estas medidas a Xunta tenta garantir ás mulleres vítimas da violencia de xénero unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor. Trátase de que conten con ferramentas para dar o primeiro paso de ruptura cunha situación na que corren perigo e acompañalas para rachar coa violencia.