Ribeiro en Común reclama nunha Moción un Plan económico de axudas sociais

Ribeiro en Común reclama nunha Moción un Plan económico de axudas sociais que se plasme nos Orzamentos de Ribadavia: Asilo, Axuda no Fogar, Parados, Autónomos e Hostalaría.

Ribeiro en Común inclúe tamén no Pleno a reclamación á Xunta do traspaso de Fondos sociais contra a COVID ao Concello de Ribadavia.

AVANTAR ACTIVIDADES

O actual goberno está exercendo de obstáculo para ter uns Orzamentos sociais, e unha vez máis é a oposición quen toma a iniciativa, como xa aconteceu en 2020. Algo que non estamos dispostos a que se repita.

Onte tiveron lugar as Comisións informativas, nas que destacou a ausencia premeditada do actual Alcalde para non ter que explicar nin o novo adiamento dos Orzamentos nin o bloqueo do alcalde á Xunta de Portavoces para abordar a situación sanitaria e de confinamento en Ribadavia.

Este goberno non só impediu ter uns Orzamentos sociais que urxen, senón que tamén bloquea os organismos nos que dar información sobre a grave situación que padece Ribadavia.

Nin convoca aos portavoces municipais para informalos da situación que vivimos en Ribadavia nin das medidas que a Xunta e dirixentes da Área Sanitaria da Provincia lle trasladan ao Alcalde. Tampouco o alcalde quixo informar nas Comisións informativas sobre a situación, e nin se quer participou nelas, sempre con escusas que non son reais.

O alcalde na súa defensa di que levará os Orzamentos para o próximo Pleno, pero iso é o mesmo que xa dixo en novembro, en decembro e agora en xaneiro. Non ten credibilidade nin respecto polos grupos municipais, que somos tan representantes cidadáns como pode ser el.

Diante desta actitude tan destrutiva, temos que ser os grupos da oposición quen tomemos a iniciativa no Concello de Ribadavia, tal e como xa aconteceu no 2020.

OS CONCELLOS PRIMEIRA LIÑA DE COMBATE DO VIRUS E DAS SÚAS CONSECUENCIAS SOCIAIS.

Os concellos unha vez máis somos a primeira liña de combate contra a crise e contra os seus efectos na sociedade. A pesar disto, a día de hoxe, a Xunta de Galicia non transferiu nin un só euro aos concellos galegos para este fin, e non o fixo a pesar de ter recibido fondos extraordinarios do Goberno do Estado para atender moitas das frontes abertas pola covid19.

Por este motivo levamos ao Pleno que o Concello de Ribadavia lle reclame á Xunta de Galicia fondos para reorientalos cara medidas sociais en Ribadavia. Ninguén mellor que a propia Ribadavia para decidir as necesidades e prioridades que existen nas axudas sociais.

Ribeiro en Común propón un Orzamento 2021 que recollan unha Batería de Medidas Sociais:

1. Plan de Inserción Laboral e Fomento de Emprego.

2. Bono social parados/as de produtos de primeira necesidade.

3. Bono para pago de facturas de primeira necesidade como Luz, Auga e Aluguer.

4. Bono de compra no comercio local co obxecto de dinamizar e revitalizar o consumo no comercio de Ribadavia.

5. Axudas a Autónomos, PEMES, e hostalaría de Ribadavia.

6. Compra de mascaras para persoas con menos recursos, e instalación de sistemas purificadores do aire para os colexios de Ribadavia nos que se poida instalar, sobrepasando o bloqueo da Xunta.

7. Partida importante de axuda ao Asilo de Ribadavia.

8. Reforzamento da área de servizos sociais do Concello e de Axuda no Fogar.