O Psdeg-Psoe esixe que Jácome dea explicacións públicas dos motivos polos que a cafetería do xardín xaponés está pechada 6 meses despois da súa “sospeitosa” adxudicación

s socialistas denuncian que o Concello aínda non recibiu a día de hoxe o canon correspondente trala formalización do contrato e sospeitan de “intereses espurios” na adxudicación do espazo

Alertan de que o “microgoberno” fala agora da necesidade de levar a cabo obras de acondicionamento no interior da cafetería, que Jácome pretende sufragar desde as arcas municipais

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE esixe explicacións públicas a Jácome e ao PP sobre os motivos polos que a cafetería do Xardín Xaponés leva seis meses pechada despois da súa “sospeitosa adxudicación”, ao tempo que denuncian que o Concello aínda non recibiu o canon correspondente trala formalización do contrato, por valor de 57.000 € + IVE.

Os socialistas lembran que xa manifestaran a súa discrepancia cos pregos de licitación e futura viabilidade da cafetería cando, en xaneiro de 2020, o bipartito PP-DO anunciara a aprobación do expediente de xestión por un importe de 51.272,44 € (IVE incluído), correspondente a un alugueiro mensual de 4.272,70 € por un prazo de cinco anos improrrogables.

“Naquel momento dixemos que o canon non era viable e amosamos a nosa desconformidade co prazo establecido para a súa explotación, posto que ambos extremos dificultan que calquera empresa ou persoa do sector rendibilice ou amortice o investimento en tan curto período de tempo”. E engaden: “cómpre resaltar que nese momento as instalacións municipais do Xardín Xaponés levaban pechadas dous anos e medio, tras resolverse o seu desafiuzamento administrativo, despois dun longo procedemento que puxo fin á polémica xestión anterior”.

Destacan, ademais, que o propio alcalde “alardeaba dos seus logros” en febreiro de 2020, tras recibir tres ofertas para a explotación das instalacións municipais, e afirmaba que estaba “tremendamente satisfeito” polos ingresos que o contrato suporía para o Concello. Porén, os socialistas lamentan que tras adxudicarse a xestión en xullo de 2020 por un importe de 57.000 euros + IVE –un total de 68.970 € ao ano–, e formalizarse o contrato correspondente en setembro de 2020, “a cafetería segue pechada e o canon aínda non foi aboado”.

“Preguntámonos que intereses tiña o alcalde-empresario Jácome en adxudicar tan axiña este espazo público municipal e que intereses ten agora en que permaneza pechado e abandonado”, indican desde o grupo socialista.

Novas obras de acondicionamento

Desde o grupo municipal socialista denuncian que o actual “microgoberno” anuncie agora a necesidade de reformas no interior da cafetería que o alcalde pretende sufragar con diñeiro das arcas públicas, cando no expediente de licitación constaba un informe sobre o estado do local no que xa se detallaban claramente as deficiencias no interior das instalacións.

“Esiximos saber por que o local non foi debidamente acondicionado polo goberno do PP no ano 2018, ou por que non requiriron aos anteriores administradores que se fixeran cargo dos danos ocasionados nunhas instalacións de titularidade municipal”, subliñan os socialistas.

“Entendemos que o tempo nos dará a razón ante a denuncia da dubidosa adxudicación deste contrato”, manifestan, ao tempo que acusan a Jácome e ao PP de “vender fume” e tentar agochar “intereses espurios que nada teñen que ver coa defensa do público”.