Publicado no DOG o Anuncio de aprobación do texto inicial do convenio urbanístico entre Carballiño e Maside para o desenvolvemento de solo industrial.

ANUNCIO do 1 de decembro de 2020 de aprobación do texto inicial do convenio urbanístico co Concello do Carballiño para a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Carballiño e das normas subsidiarias de planeamento municipal de Maside para o desenvolvemento de solo industrial.

O Pleno municipal do Concello de Maside, na sesión ordinaria celebrada o día 25 de novembro de 2020, acordou: Aprobar o texto inicial do convenio urbanístico entre o Concello do Carballiño e o Concello de Maside para a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Carballiño e das normas subsidiarias de planeamento municipal de Maside para o desenvolvemento de solo industrial.

AVANTAR ACTIVIDADES

Unha vez asinado o convenio, sométese ao trámite de información pública, mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión da provincia, por un período dun mes.

O anuncio indicará o lugar ou o punto de acceso electrónico a un enderezo en que se poida consultar o seu contido íntegro; no anuncio constará a identidade das partes. Tras a información pública, de non se presentaren alegacións, o texto inicial aprobado e o documento administrativo asinado entenderase definitivo sen necesidade de nova sinatura nin da súa ratificación polo Pleno municipal, quedará aprobado e a formalización acadará plenos efectos xurídicos.

Calquera das partes poderá solicitar a elevación do documento administrativo a escritura pública. O texto íntegro do convenio publicarase no Diario Oficial de Galicia, anotarase no Rexistro de Convenios e remitirase copia ao Arquivo de Convenios, de conformidade co previsto no artigo 403 do regulamento da Lei do solo de Galicia. A eficacia deste convenio queda condicionada á aprobación definitiva das modificacións dos respectivos planeamentos urbanísticos.

Durante o período de información pública, o texto íntegro do convenio, xunto co resto do expediente administrativo, atoparase á disposición do público en xeral, na páxina web do Concello de Maside https://concellodemaside.gal/, así como nas dependencias municipais (sitas na casa do concello, no núm. 1 da praza Maior de Maside), das 9.00 ás 13.00 horas, para a súa consulta e a presentación de cantos documentos ou escritos de alegacións consideren convenientes.

Maside, 1 de decembro de 2020