Polo Avieiro de dona Emilia (30) : Curros en El cisne e outro retrinco de egohistoria

O Moncho, fillo dun colega paterno, decidira ir de voluntario á “Marina” para ver de aprender algún oficio. Deixaba libre un traballo estival e temporeiro no bar da residencia de “educación y descanso General Moscardó”.

Residencia General Morcardó. O Carballiño

Xa saben, e senón dígollo, o heroe do Alcázar de Toledo, un dos máis glosados e reiterados mitos do franquismo; quen queira e teña interese pode botarlle un ollo ao libro de hai xa ben anos de Herbert R. Southworth[1]. O asunto é que, durante tres veráns, acabei ocupando a vacante.

AVANTAR ACTIVIDADES

Aquel edificio, con acenos imperiais de escorial filipino e unha inservíbel, tortuosa e desértica escalinata, era máis un lugar de descanso que de educación. Non o digo pola xente que alí acudía, senón porque non lembro nin unha actividade que puidese ser alcumada de cultural ou educativa, agás o baile de fin de quincena. Este tipo de residencias eran territorio ocupado polos dirixentes do único sindicato, profesores de “Formación del Espiritu Nacional” e outros falanxistas exercentes de actividades similares que gozaban dunhas vacacións baratas a cargo da delegación nacional de sindicatos que dirixiu durante moitos anos o chamado “sorriso do réxime”, Solís Ruiz.

Aínda que as quendas eran quincenais, había algún mandamais provincial que se establecía, coa familia ao completo, durante todo o mes de agosto. A muller deste xefe de algo tíñao marcado por mor da súa afección polo viño; mais, coa mesma habilidade que lle permitira ascender no “escalafón” do réxime, o primeiro día de estancia achegábase para darme instrucións sinxelas e concretas. Pola mañá, bastante antes da hora do xantar, e pola tarde, cando o momento da cea estivese aínda nun horizonte difuso, achegaríase á esquina da barra, faría un repenique de dedos para indicarme que encetase a miña misión: manter sempre cheo un vaso de clarete, de Coes; el encargaríase tanto de baleiralo como de levar a conta das veces que o facía.

Coes

Así que, naquel recanto da barra, había sempre un vaso cheo de viño, que de cando en vez, uns días con máis frecuencia que outros, aparecía baleiro, para ao pouco volver estar cheo. Evidentemente eu levaba a conta, máis el nunca se enganou, nin coa propina, nunca excesiva. Era incríbel a cantidade de viño que engulía aquel home e non entendo como a muller non se decataba ou, quizais, só facía que non se decataba.

Así que un “canijo” que viña de rematar o que na altura se chamaba “bachillerato elemental”, tendo que comezar a procurarse a vida, facíao nun bar, traballo de moita menor dureza física que outros, e substituía o forte e musculado Moncho. Un rapaz que, agás que, e este foi o caso, se abrise algunha “fiestra de oportunidade”, estaba a poñerlle o ramo ao seu período escolar. Seica foi tamén o “sorriso do réxime” quen lle deu pulo ás chamadas “universidades laborales”, dotadas dunhas becas que permitiron a moitos fillos de traballadores facer estudos profesionais ou “superiores”, dicíaselle “bachillerato superior”, pois os universitarios semellaban, eran, inalcanzábeis.

Botei co Ernesto e a súa irmá, Carme, tres anos.


Unha foto egohistórica co Corcheiro vixiante por si botaba de máis, como é evidente; o Mocho coa camiseta negra

El viña nas horas de apuro, cando as chiquitas, antes do xantar, e durante a hora do café, e o mesmo antes e despois da cea. No medio atendía o seu oficio de “corcheiro”, de distribuidor de augas de Mondariz que viñan en fermosas e punteadas botellas verdes de groso cristal, nunha pesadísima e enorme caixa cadrada de madeira, ou de camareiro en vodas e banquetes, oficio que aprendera no Buenos Aires dos anos trinta.

Augas de Mondariz

Comiamos no acougo tras a barafunda do café, e a conversa do Ernesto ía dun lado para outro, dos asuntos do bar ao saboroso xantar que preparara a Carme, dos viños do ribeiro a que o vermú se debía tomar, pouco, do tempo e unha lasquiña de codia de limón refugando todas as galdrachadas de moda, dun castro por alí a un topónimo por acolá, do sobreiral do Arnego aos brancos de Beade e os tintos de Cabanelas, das acepcións de tal ou cal termo ou de que os camareiros debían andar con présa pero sen correr.

Polas noites baixábame á vila nun estartelado seiscentos que do lado do pasaxeiro levaba unha táboa e polas regañas víase circular o asfalto; logo cambiouno por un, tamén veterano, Saab co característico ruído dos motores da marca sueca. Unha daquelas noites deume un libro para ler, díxome que o salvara do lume por catro patacos. Quedoume a frase prendida dun fío na memoria. Durante medio século coidei lembrar que a edición era 1904, andei a mirar e debín prender mal na memoria. Deduzo, agora, que se trataba do primeiro tomo das obras completas de Curros editados en 1917, que xuntaba Aires d´a miña Terra con O Divino Sainete.

O Curros e a Bazán eran tan da mesma quinta, que o de Celanova só lle levaba un día. O quince de setembro de 1851 naceu el, o dezaseis ela. A de Meirás foi máis lonxeva, chegou ata os setenta, mentres que o noso “rexurdidor”, tras unha penosa enfermidade, faleceu aos 57 na Habana. O seu cadáver regresou a Galicia e foi soterrado en Santo Amaro, na Coruña. Dona Emilia, faleceu en Madrid e alí ficou, aínda que degoiraba acougar na Coruña. Quizais fose un castigo á súa prepotente indiferenza pola cultura do país.

Ilustración de O divino sainete

En El cisne… deixou dona Emilia algunha mostra dese seu desdén, poñendo en boca de Elvira, unha das irmás Molende, namorada de Segundo “o cisne”, uns versos “buenos y malos, por lo regular pertenecientes al género tristón, erótico y elegiaco”, que a señorita ribeirá sabía de memoria, sen ignorar ningunha de “las flores y ternezas que constituyen el dulce tesoro de la poesía regional” que “al pasar por sus delgados labios, por su suave voz, timbrada con timbre cristalino, al entonarlos con su mimoso acento del país, los versos gallegos adquirían algo de lo que la saeta andaluza en la boca sensual de la gitana”, pois aquela poesía “íntima y penetrante (…) ganaba (…) en dialecto y parecía aumentarse su frescura y agreste aroma al decirlas una mujer” aínda que de “tan plañideras estrofas se alzaba a veces irónica risa” e “Elvira se pintaba sola para entonar aquella popularísima y saudosa cantiga de Curros, que parece hecha para las noches druídicas de lunar”. Non intuía dona Emilia que aquela “cantiga” na eira non era só para unhas cantas noites; case dous séculos despois segue a emocionar milleiros de persoas; certo é que Chané axudoulle na súa vida permanente.

Era esa a actitude consciente de dona Emilia ante a lingua e a cultura da nación. Como sinala Isabel Burdiel, ben sabía que esa toma de postura significaba o rotura cunha parte, aínda que fose minoritaria, representativa da intelectualidade galega; mais como indica a súa última biógrafa “el horizonte (de dona Emilia) hacía ya tiempo que había dejado de ser Galicia”[2].

A referencia pardobazaniana sentoulle mal a don Manuel. Quizais o peor foi que o achegase a Grilo, tan popular e adulador cortesán, protexido por Isabel II e Alfonso XII, como pouco considerado como poeta pola crítica. Curros zorregoulle a dona Emilia, tres anos despois de publicarse El cisne…, todo o III canto d´O Divino Sainete dedicado á envexa: “D´a Envidia estás frente a frente/E convén que non te colla/por diante; este monstro vive/somentes d´o que desolla”, agradecendo o consello o poeta ouviu unha brava disputa e como era sobre letras púxose a escoitala: “- Dígame miña señora:/ ¿É certo que n´a sua terra/renace a poesía agora?/-Boubas que ceiban ó vento/catro soñadores tolos…/ !Non ll´hai tal renacemento!/ -Non haberá; mais non quita/ pra que Castelar o afirme./ – Xa ll´eu tiréi da lavita/en certa ocasión…!Ten gracia/ eso de chamar poetas/á esas rans d´a democracia”.[3]

En verdade todo O divino sainete (1888)é unha rexouba, unha parodia, dunha serie de crónicas, publicadas en El imparcial entre decembro de 1887 e febreiro de 1888, de dona Emilia, unha romeira exaltada de fervor católico e nostalxias carlistas, que teñen a súa epifanía na misa xubilar do primeiro Papa que non era rei, León XIII, que ademais procedía da aristocracia rural, e na entrevista en Venecia co pretendente don Carlos.

O Divino Sainete ( Premer na Imaxe )

Capa da primeira edición do O divino sainete

Aquel viacrucis polos camiños de ferro da Francia e Italia liberais, arrexuntounos despois dona Emilia en Mi romería (1888). Curros imaxinou unha viaxe en tren acompañado de Añón, ao xeito de Dante con Virxilio, como retruque ridiculizante e humorístico daquela mobilización internacional para reapropiarse simbolicamente de Roma.

O masón, republicano e demócrata arrepuxéraselle á Bazán por mor da súa conduta nunha homenaxe a Rosalía que acababa de morrer. O acto, argallado polo Círculo de Artesáns coruñés presidido por Pepiño, o seu home, converteuse nunha lanzadeira estelar da futura condesa que se puxo á beira de Castelar, precedéndoo no uso da palabra e guindándolle un discurso de trinta páxinas sobre “La poesía gallega”, na que as dedicadas a Rosalía non pasaban de seis. Non temos noticia do que dixo o prologuista de Follas novas naquel acto de encomio a Rosalía á que non só non asistiu Murguía, inimigo da Bazán, senón ao que nin sequera foi convidado.

Moitas das persoas estudosas da obra de dona Emilia sinalan as súas continuas e permanentes contradicións, quen non as ten?, cualifícana como unha aristócrata, conservadora e católica cuns atrevementos propios dunha mentalidade liberal. Non estou moi seguro. Paréceme máis ben que unha muller tan intelixente non podía carecer dun nidio e matinado programa político. Dona Emilia era unha xacobina que gustaba máis da “grandeur” que da “république” e tiña un proxecto nacional para España que pasaba pola adaptación á modernidade dos seus sinais de identidade: a monarquía e o catolicismo. Nese proxecto non tiña cabida o “rexionalismo do rexurdir nacional” que representaba a obra poética de Rosalía e Curros e personificaba Murguía.

Aquel libro que me emprestou aquela noite o Ernesto “o corcheiro” foi o primeiro libro en galego que lin. Nos fíos da memoria ficaron enguedellados para sempre o de que o demo me leve, o cró cró co que repuxo o sapo, a traxedia de Rosa e Martiño e a cativiña virxe do cristal ou o gaiteiro de Penalta. Pouco despois, o vello militante arredista da Pondal bonaerense, un daqueles que foron patear a Blanco Amor, “aínda que fose dos nosos”, por dar unha conferencia en español, en Buenos Aires, abriume a súa biblioteca. Alí estaba o que había daquela, Galaxia, á que el cotizaba como socio aínda que fose un traballador manual e non un home de letras, dicía.

Aquel libro de Curros ao mellor mudou a miña vida, e tamén, ao mellor, sen sabelo nin pensalo, o Ernesto “o corcheiro” cumpriu co seu labor militante.


[1] R. Southworth, H. (1963): El mito de la cruzada de Franco. París: Ruedo Ibérico

[2] Burdiel, I. (2019): Emilia Pardo Bazán. Madrid: Taurus, p.267

[3] Curros Enríquez, M (1917) Aires da miña terra/ O Divino Sainete. Tomo 1 das obras completas. Madrid: Hernando.

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego


———————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro

Polo Avieiro de dona Emilia (25): Vendimas.

Polo Avieiro de dona Emilia (26): Tostado.

Polo Avieiro de dona Emilia (27) : Dona Mariquiña

Polo Avieiro de dona Emilia (28) : Un segredo de familia?

Polo Avieiro de dona Emilia (29) : Outro segredo de familia