O pp veta unha proposta socialista para reclamarlle á Xunta que actualice as aportacións aos salarios dos brigadistas do servizo de prevención de incendios

Carmen Rodríguez denuncia que Medio Rural “elude as súas responsabilidades” poñendo en risco a prevención de incendios logo de que o PP se negara tamén a mellorar a calidade da formación destes profesionais

A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, acusou hoxe á Xunta de “eludir as súas responsabilidades” para garantir as condicións dos traballadores do Servizo de Prevención de Incendios Forestais de Galicia. Así o dixo logo de que o PP rexeitara hoxe en Comisión dúas iniciativas socialistas destinadas a actualizar as aportacións da Xunta para os salarios dos brigadistas e mellorar a formación destes profesionais.

AVANTAR ACTIVIDADES

A responsable socialista presentou en primeiro lugar unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta que incremente as aportacións no convenio coas entidades locais para actualizar os salarios dos brigadistas logo do incremento do Salario Mínimo Interprofesional. Explicou que os concellos tiveron que incrementar as partidas para os salarios en torno a 7.000 euros máis que hai dous anos, “no caso de contar con dúas brigadas”.

Rodriguez dixo que o goberno galego leva sen actualizar as súas aportacións dende hai oito anos, explicou, máis alá dos 1.600 euros por brigada remitiron no ano 2020 como medida extraordinaria para facer fronte aos gastos derivados dos protocolos de desinfección e medidas de prevención pola covid. Advertiu de que estas aportacións “en ningún caso” cobren o incremento dos gastos que está a ser asumido polos concellos en solitario.

Explicou que o goberno galego está a dificultar o traballo das brigadas, contratadas unicamente en temporada de incendios e que se ven incapaces de cumprir ao mesmo tempo coas labores de extinción e o desbroce obrigado dos montes. Reivindicou así un “contrato laboral estable para os traballos de prevención durante todo o ano, que serían facilmente sufragables co diñeiro destinado a paliar os danos producidos no monte”.

A parlamentaria socialista acusou ao goberno galego de “intentar repartir e difuminar entre os propietarios, as deputacións e os concellos unha responsabilidade que lle corresponde plenamente á Consellería do Medio Rural”.

Formación

Carmen Rodríguez Dacosta esixiulle ao goberno galego que inicie un “calendario de reunións cos sindicatos” para tratar a actualización da formación do Servizo de Prevención de Incendios Forestais, establecendo un protocolo de formación que actualice aos 3.000 efectivos cos que conta Galicia. Advertiu que estes profesionais están a recibir “unha oferta formativa escasa, que ademais non é nin integral nin actualizada”.

Criticou o veto do PP a esta iniciativa dirixida a “desenvolver as enormes capacidades do servizo de bombeiros forestais, claramente desaproveitado” que está a ver como “ano tras ano o mellor servizo e coa maior experiencia en toda Europa está a quedar obsoleto debido á falla de inversión e iniciativa do goberno autonómico, que ano tras ano tan só ofrece promesas sen concretar unha oferta real”. Reivindicou a reciclaxe duns profesionais que están a recibir formación en incendios de primeira xeración “cando xa vamos pola sexta xeración”. Reclamou unha programación concreta e planificada que incorpore os incendios urbano – forestais, condución de vehículos todoterreo, protección de edificacións, comunicacións, uso de lume técnico, mobilización de medios, coordinación en grandes incendios ou busca de desaparecidos, entre outros