O Psdeg-Psoe de Ourense alerta de que Jácome está a bloquear o labor fiscalizador da oposición

O Psdeg-Psoe de Ourense alerta de que Jácome está a bloquear o labor fiscalizador da oposición e solicita a convocatoria urxente das xuntas de área do concello

Os socialistas denuncian que o rexedor decidiu deliberadamente non convocar a xunta de área que preside para eludir “dar a cara” e responder a cuestións clave que levan catro meses estancadas

AVANTAR ACTIVIDADES

Villarino sinala que “os tres membros do grupo de goberno do Concello non son quen de atender as súas funcións” despois de que a meirande parte das xuntas de área foran pospostas

O PSdeG-PSOE alerta de que Jácome está a bloquear o labor fiscalizador da oposición ao non convocar a Xunta de Área de Urbanismo e pospoñer as restantes. Os  socialistas tachan de “inadmisible” que o rexedor “furte” o dereito de información da corporación municipal, e aseguran que se trata dunha nova “artimaña” para eludir “dar a cara” e responder a cuestións clave que levan catro meses estancadas pola súa “total incapacidade”. Neste sentido, dende o grupo municipal do PSdeG-PSOE critican a “actitude obstrucionista” de Jácome e esíxenlle ao alcalde que proceda á convocatoria urxente das Xuntas de Área do Concello, e nomeadamente da Xunta de Urbanismo, ou que abandone as súas responsabilidades como presidente da mesma.

Os socialistas lembran que, durante a última Xunta de Área de Urbanismo, celebrada o pasado 16 de marzo, Jácome deixou constancia do seu malestar pola cantidade de preguntas dos concelleiros socialistas, que “non foi quen de responder por descoñecemento” e cuxa réplica delegou nos funcionarios, dos que afirma que “non poden dedicar todo o seu tempo aos requirimentos dos membros do PSOE”.

“A información solicitada nalgún caso xa data de hai máis de catro meses, dende finais de 2020, e non hai escusa posible posto que é unha obriga da Alcaldía render contas e non bloquear o labor de control da oposición en áreas fundamentais como son o urbanismo, as infraestruturas, o medio ambiente ou a cultura, das que o alcalde ten as competencias delegadas”, poñen de manifesto dende o grupo socialista.

 “A pregunta que nos facemos é para que ten o alcalde o staff de asesores máis numeroso da historia do Concello de Ourense”, inquiren, ao tempo que aseguran que “os deberes pendentes de Jácome” son proporcionais á “incapacidade” do microgoberno para xestionar con solvencia e dilixencia as áreas municipais.

“Aldraxe do PP”

A este respecto, nunha comparecencia aos medios durante a visita de Gonzalo Caballero a Ourense este martes, o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino, subliñou que a situación de parálise nas xuntas de área é mostra de que “os tres membros do grupo de goberno do Concello non son quen de atender as súas funcións”.  

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, sinalou ao PP como principal responsable da situación na que atopa a cidade de Ourense e cualificou de “aldraxe” o pacto entre Democracia Ourensana e os populares: “Utilizaron os seus votos para colocar a Jácome coa única intención de manter a Baltar na Deputación de Ourense e evitar que gobernase un alcalde de primeira nunha cidade de primeira, e iso é unha aldraxe que os ourensáns non lle van perdoar nin a Baltar, nin a Feijóo nin ao PP”, sentenciou Caballero.

Finalmente, o voceiro municipal preguntouse que vai facer o PP “cando Jácome someta os orzamentos a unha aprobación pola vía da cuestión de confianza e sexan incapaces de colaborar a prol dunha alternativa para que non se materialice unha nova aldraxe contra unha cidade que está totalmente inactiva, gastando a mans cheas en asesores e centros de Intelixencia Artificial, mentres está todo sen atender”, concluíu Villarino.