Baltar afirma que o labor das grandes alianzas institucionais “potenciará a eficacia dos fondos de recuperación europeos”

O presidente da Deputación de Ourense expuxo na Comisión Executiva do Eixo Atlántico, celebrada hoxe en Viana do Castelo, a estratexia de captación de financiamento europeo que está a levar a cabo o goberno que preside, iniciativa da que tamén informará ás redes de cooperación europea que preside –Partenalia e EHTTA- e á Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios (CEPLI), da que é vicepresidente 

Ademais, como presidente do Foro Termal do Eixo Atlántico, Baltar expresou a necesidade “de aproveitar a fortaleza que o turismo termal vai ter nos vindeiros temos de pospandemia”, e a “singularidade competitiva que nos da a relación Galicia-Norte de Portugal para todos os ámbitos económicos”  

AVANTAR ACTIVIDADES

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe, na reunión extraordinaria da Comisión Executiva do Eixo Atlántico, celebrada en Viana do Castelo (Portugal) que o labor das grandes alianzas institucionais “potenciará a eficacia dos fondos de recuperación europeos”. Non momento crucial para as economías das administracións públicas e para toda a veciñanza en xeral, Baltar considera que a cooperación “será a palabra clave para que ese fondos europeos cheguen e tempo e onde sexan máis necesarios”, e dixo que o goberno que preside –a Deputación de Ourense- vén de pór en marcha unha estratexia de captación de financiamento europeo para o período 2021-2027, sendo a provincia de España en desenvolver dito plan cuxo montante económico estima que supere os 85 millóns de euros, destinados a proxectos baseados na “economía verde” nos ámbitos do turismo, o reto demográfico, o termalismo, as infraestruturas e a innovación. 

Na Comisión Executiva do Eixo Atlántico -da que Manuel Baltar forma parte desde hoxe- o presidente da Deputación de Ourense salientou que tamén informará desta estratexia de captación de fondos europeos ás redes de cooperación europea que preside –Partenalia e EHTTA- e á Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios (CEPLI), da que é vicepresidente. Nestes sentido, expresou, como presidente do Foro Termal do Eixo Atlántico, a necesidade “de aproveitar a fortaleza que o turismo termal vai ter nos vindeiros temos de pospandemia”, e a “singularidade competitiva que nos da a relación Galicia-Norte de Portugal para todos os ámbitos económicos”. 

Colaboración, previsibilidade, rapidez e eficacia. Esta é a receita coa que Manuel Baltar defende a xestión do que será o vindeiro plan plurianual de fondos europeos, “máis ca nunca, da recuperación económica”, uns proxectos que “encaixan cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que en Ourense pensamos en clave de provincia para reactivar a economía dos nosos municipios, nunha etapa na que temos que recoñecer o gran traballo realizado polos concellos durante a pandemia”, afirmou Baltar, salientando que non só se trata dos fondos Next Generation senón tamén outras importantes partidas orzamentarias contempladas no plan plurianual da Unión Europea, un plan no que o traballo en rede que realizamos con entidades como Partenalia, a Asociación Europea de Cidades Históricas Termais, a CEPLI e o Eixo Atlántico, poderá estenderse ás mesmas para que desde o seu posicionamento de cooperación a través dos gobernos locais intermedios poidan chegar eses fondos aos nosos territorios e favorecer a creación de máis emprego e fixación de poboación nas contornas rurais”, afirmou Manuel Baltar. 

Baltar destacou a cooperación que xa se está a dar en proxectos transfronteirizos como o Raia Termal, e citou iniciativas como EmprendOU e o proxecto “Ourense, destino turístico intelixente”, salientando a importancia do “emprego verde”, que integra os obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030. Explicou que a planificación da Deputación de Ourense para a captación de financiamento europeo para o período 2021-2027 abrangue ámbitos como o reto demográfico, o desenvolvemento dixital, a mobilidade sostible, a produción ecolóxica, o termalismo, o turismo e a cooperación territorial con redes ás que se suman tamén as comunidades intermunicipais do Alto Támega e Terras de Tras Os Montes, incluíndo a eurocidade Chaves-Verín, para garantir a captación de fondos europeos. 

Na reunión de hoxe, ademais dos temas organizativos e de xestión do Eixo Atlántico, a Comisión Executiva constituíu as comisións políticas e debateu sobre os procesos de reconstrución e dos fondos destinados a tal fin, no que atinxe aos fondos de recuperación e resiliencia pospandemia de España e Portugal, así como o papel que as autoridades local xogan na xestión da crise e o que asumirán na xestión de fondos. Nas conclusións da reunión considerouse necesaria unha maior participación dos concellos e que poidan xogar un papel máis activo na estratexia de recuperación económica, tanto na programación dos fondos europeos como na súa execución, para garantir a eficiencia dos mesmos para os obxectivos aos que van destinados.