A Deputación de Ourense destinará 750.000 euros ao Concello de Toén no mandato 23-27 a través do Plan CooperOU

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo hoxe no Pazo Provincial unha reunión de traballo co alcalde de Toén, Ricardo González, para analizar as accións estratéxicas a desenvolver neste mandato entre ambas administracións. Co novo plan de Cooperación da Deputación de Ourense, o Concello de Toén recibirá este ano un orzamento de 177.000 euros da institución provincial. Este investimento irase incrementando en cada exercicio e permitirá ao Concello de Toén “dispoñer de 750.000 euros no mandato 2023-2027”, destacou Luis Menor. 

Durante o encontro, analizaron os proxectos que se van a desenvolver e que amosan “unha gran planificación para lograr os obxectivos marcados desde as diferentes áreas de traballo do Concello de Toén”, salientou o presidente provincial. Máis concretamente, Luis Menor explicou que en materia de infraestruturas abordouse a mellora de estradas provinciais como a que une Toén e Xestosa e a de Moreiras e Trelle. Ademais, este ano comezarán as obras do novo campo de fútbol municipal e continuarase co Plan Urbe en Moreiras onde se contempla a creación dun parque municipal. 

AVANTAR ACTIVIDADES

No apartado cultural, o presidente provincial e o rexedor de Toén abordaron a “Casa do Pai Miño”, un proxecto estratéxico para toda a provincia que rende homenaxe á identidade do río Miño, “polo que trataremos de que se impliquen neste proxecto outras administracións”, asegurou Luis Menor.