O BNG reclama da Xunta prazos e orzamento para un novo Centro de Saúde no Carballiño

Publicidade ASPADISI

Noa Presas reclama celeridade xa que “os meses pasan, o centro de saúde cae a cachos e a Xunta do PP non actúa”

A deputada por Ourense no Parlamento de Galiza Noa Presas e a concelleira nacionalista na vila do Arenteiro Sofía García, reclamaron esta mañá a construción dun novo centro que de cobertura ás necesidades da zona xa que o actual “quedou raquítico e desfasado”.

HIPER MASIDE

Segundo Noa Presas, “Despois de anos de demandas, en xaneiro Feijóo xuntábase co Alcalde e afirmaban que os técnicos da Xunta ían avaliar se facer unha reforma ou construír un novo”, ao que engade, “Pasaron seis meses e a semana pasada escoitamos como vén Feijoo a Ourense facer promesas en materia de infraestruturas sanitarias, comprometer obras ou novas construcións para 13 concellos e do Carballiño o único que di é que están a avaliar se ampliar este centro ou facer un novo”.

Para Presas “seis meses despois seguimos igual nin un euro consignado para o centro de saúde do Carballiño nin un prazo temporal, e isto é un escándalo”.

Desde o BNG, demandan compromisos claros da Xunta e que pare de tomarlle o pelo ao Carballiño.  “Esiximos prazos e orzamentos porque a partida para os centros de saúde que vai nos orzamentos é raquítica, unicamente hai dúas partidas xenéricas para todo Galiza que suman 9 millóns dos que a Ourense lle correspondería só o 4 por cento, polo que resulta difícil de crer que cunha contía aproximada de 360.000 euros se poidan financiar un novo centro de saúde, a reforma de 12 e engadir algunha actuación no Carballiño”.

Noa Presas é clara á hora de reclamar da Xunta “menos anuncios e máis compromisos”. “Hoxe tiña que estar decidido xa se ampliar ou construír un novo centro, tiñamos que estar falando de proxectos e de ubicacións e no lugar diso o que temos son anuncios e propaganda. Ademais, reclamamos que se adopten medidas urxentes de reforzo de persoal para o mantemento de servizos xa que desmantelaron xinecoloxía, cun día a semana, cun profesional distinto cada vez, non teñen servizo de pediatría polas tardes, nin de radioloxía,e iso non é tolerable”.

Ademais de propostas para O Carballiño, o BNG rexistrou no Parlamento galego unha batería de iniciativas para achegar solucións á situación de deterioro e colapso na que se atopa a Atención Primaria ao longo do país cun Plan de reforzo dos recursos humanos e a incorporación á carteira de servizos de Atención Primaria das categorías imprescindibles para prestar unha atención integral, como profesionais de psicoloxía clínica, terapia ocupacional, traballo social, logopedia ou podoloxía.