O Psdeg-Psoe de Ourense destaca o “ambicioso” plan do executivo de Pedro Sánchez cun investimento de 1,35 millóns de euros en materia de termalismo na provincia

Os socialistas apuntan a que namentres a Xunta e o Concello de Ourense “abandonan o termalismo a súa sorte”, o Goberno decide apostar por un dos bens “máis prezados” na nosa provincia.

O deputado no Congreso, Pérez Abellás, afirma que este investimento “vén a confirmar o compromiso do Goberno coa provincia e o traballo do PSOE en favor da potenciación dos recursos da nosa terra”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca o “ambicioso” plan do executivo de Pedro Sánchez en materia de turismo na provincia, que suporá un investimento de 1.350.000 euros en materia termal na provincia, gracias aos Plans de Sostibilidade en Destinos aprobados polo ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Os socialistas congratúlanse deste investimento no plan Ourense Termal levado a cabo polo Goberno central e apuntan a que namentres a Xunta e o Concello de Ourense “abandonan o termalismo a súa sorte”, o Goberno decide apostar por un dos bens “máis prezados” na nosa provincia.

Para os socialistas ourensáns trátase dun compromiso que permitirá “mellorar” a experiencia dos turistas, “atraer novos visitantes” á provincia e “explotar” os recursos termais de Ourense, permitindo “investigar” novos usos das augas termais, así como “xerar” emprego e “potenciar” o termalismo por toda a nosa provincia. Un plan que contempla un desembolso total de 23 millóns de euros por todo o territorio nacional.

Para o deputado do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso e voceiro da Comisión de Industria, Comercio e Turismo, Adolfo Pérez Abellás, este investimento de 1,35 millóns de euros “vén a confirmar o compromiso do executivo de Pedro Sánchez coa provincia de Ourense e o traballo do PSOE en favor da potenciación dos recursos da nosa terra”. O parlamentario socialista tamén destaca que este programa “iniciouse o ano pasado, pero conta cunha clara vocación de continuidade, xa que ten un efecto tractor na transformación dos destinos cara un modelo baseado na sostibilidade”.

Pérez Abellás tamén aproveita para lembrar que estes plans “estiveron 10 anos gardados nun caixón durante os mandatos do Partido Popular” e apunta a que “tivo que ser un goberno socialista o que os rescatou fai xa dous anos”. O deputado dos socialistas ourensáns aproveita tamén para amosar a súa sorpresa pola “rapidez do PP ourensán en sacar peito destes plans” e aféalles que “durante anos optasen polo desleixo e o abandono, cando puideron ter traballado para que Ourense contase cun plan ambicioso para o desenvolvemento do termalismo”.

O Plan Ourense Termal representa unha estratexia específica para o desenvolvemento termal dos territorios rurais da provincia. Componse dun conxunto de actuacións orientados á captación de axentes do territorio mediante unha “innovadora” combinación de medidas. Destacan a xeración de coñecemento e intelixencia turística, a creación de aplicacións de contratación dun estudo que demostre a eficacia dos tratamentos termais, a declaración de utilidade pública de determinados manantiais, a realización de fam trips con asociacións de pacientes para verificar a eficacia dos tratamentos, os programas itinerantes de micro emprendemento, un programa de atracción de investimentos termais ou outras accións máis clásicas de creación de produto.

O investimento material máis importante é un ecobarco termal que permite unha actividade de ocio ao tempo que recupera a conexión por embarcación de 10 dos 15 municipios afectados polo plan.