Emilio González destaca a relevancia das prácticas externas na Subdelegación

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias, recibiron ao alumnado da Facultade de Dereito do Campus de Ourense que cursará prácticas externas neste organismo durante un período de 135 horas, froito do Convenio de Cooperación Educativa entre a Administración Xeral do Estado e a Universidade de Vigo asinado no ano 2019.

Emilio González sinalou a importancia da realización deste tipo de prácticas que permiten que o alumnado “adquira novas competencias e coñecementos preparatorios para o exercicio profesional e que fomenten a súa empregabilidade, así como achegar esta experiencia a aquel alumnado que desexe proxectar a súa carreira na propia Administración Pública”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así mesmo, o subdelegado do Goberno sinalou que “a acollida de estudantes na Subdelegación do Goberno suporá unha experiencia enriquecedora non só para o alumnado, senón tamén para os empregados públicos, que poderán compartir experiencias laborais co mundo universitario”.

A Subdelegación do Goberno deseña un programa de prácticas de amplo espectro que abarca todos os servizos do organismo: Avogacía do Estado, Dependencia de Traballo e Inmigración, Oficina de Estranxeiría, Infraccións administrativas, Autorizacións de armas e explosivos, Control da legalidade das Administracións Locais, Xestión de recursos humanos, Protección Civil, Unidade de Violencia sobre a Muller, Oficina de rexistro e información.

Entre as tarefas que levarán a cabo os catro estudantes está o seguimento de procedementos administrativos, a realización de informes e outros cometidos de natureza homóloga vinculados á súa formación académica. O titor do alumnado será o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias.

A última parte do período de prácticas externas levarana a cabo na Audiencia Nacional en Madrid baixo a supervisión do maxistrado do Xulgado Central de Menores Único, José Luis Castro Antonio, onde poderán coñecer o funcionamento deste órgano xudicial.