O PP insta ao Goberno de Sánchez a adoptar medidas urxentes para frear o impacto da suba dos custos de produción no sector agrogandeiro

Tras unha reunión de traballo co presidente da Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello

Os representantes ourensáns nas Cortes Xerais comprometéronse a promover cantas iniciativas sexan necesarias defender a agricultura e a gandeiría, “principal motor económico das zonas rurais, que no caso da nosa provincia constitúen o piar fundamental para o mantemento da poboación”

AVANTAR ACTIVIDADES

Os representantes ourensáns do Partido Popular nas Cortes Xerais adoptarán cantas iniciativas sexan necesarias para esixir ao Goberno de Sánchez, de modo urxente, a adopción de medidas para frear o impacto da suba dos custos de produción no sector agrogandeiro. Así o afirmaron os senadores Miguel Ángel Viso, Carmen Leyte e Francisco José Fernández, que xunto ao deputado Celso Delgado mantiveron hoxe na sede provincial do PP unha reunión de traballo co presidente da Asociación Agraria Galega (Asaga), Francisco Bello.

Os participantes no encontro abordaron entre outros asuntos as novidades que vai incorporar a Política Agraria Común (PAC) para o período 2023-2027, entre as que destacan a inclusión dos “ecoesquemas” ou accións voluntarias dos agricultores para a defensa do medio ambiente e polas que obterán pagos; a prohibición do control das poboacións do lobo trala inclusión deste animal na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE); ou as declaracións do ministro de Consumo nas que atacaba á produción e calidade da carne en España.

Non obstante, entre os temas analizados cómpre destacar “a asfixia económica de agricultores e gandeiros”, sinalaron os representantes populares, “que ademais de sufrir o baixo prezo das súas producións teñen que facer fronte agora ao brutal incremento de custos”.

Unha difícil situación que escoitaron en detalle a través da exposición do presidente de Asaga, onde se puxo de manifesto un escenario insostible co aumento do prezo da enerxía eléctrica, dos combustibles, os abonos, produtos fitosanitarios, sementes e mesmo os plásticos.

“Todo ten un límite”, afirmaron os populares, “máxime para un sector que vén sendo obxecto desde hai demasiado tempo da irresponsable actitude e ataques dos socios de goberno de Sánchez, con acusacións moi graves que só fan un enorme dano a agricultores e gandeiros, e ademais co silencio cómplice do ministro de Agricultura que non fai nada para defender a este sector”.

No caso concreto de Ourense, durante a reunión quedou patente o gran peso económico, pero tamén social, que ten na provincia o sector agrícola e gandeiro. “O campo e maila gandeiría son o principal motor económico das zonas rurais, que no noso caso abranguen o 80 % do territorio, e constitúen o piar fundamental para o mantemento da poboación”, destacaron os representantes nas Cortes Xerais, “polo que atacar á agricultura e á gandeiría é atacar ao futuro do rural e polo tanto da nosa provincia, por iso imos estar ao carón destes profesionais e das súas xustas reivindicacións”.