O Psedg de Cartelle denuncia que o alcalde do PP destina cartos e recursos públicos para arranxar a asociación cabalista

O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia que o alcalde do municipio, Jaime Sousa, e o equipo de goberno do Partido Popular “confunden” o público co privado e están a destinar recursos dos veciños e veciñas do concello para realizar tarefas de mantemento e posta a punto na asociación privada de cabalistas “O Mundil”. Os socialistas afirman que o alcalde e o presidente da asociación, tal e como se pode comprobar na páxina web da asociación, na que tamén figura como teléfono de contacto o propio número do Concello de Cartelle.

Dende o Grupo Municipal Socialista critican que o goberno municipal do PP destine cartos e recursos públicos nunha asociación de índole privado, “algo que vén acontecendo ao longo de todo este mandato e que demostra que Sousa e o seu equipo de goberno non saben diferenciar o público do privado”. Unha situación que para os socialistas “é moi preocupante”, xa que tal e como explican “namentres lle dan as costas á veciñanza, desleixando o municipio, descoidando o patrimonio municipal e os camiños, e non apoiando as reivindicacións sobre a parcelaria e o plan xeral de urbanismo, empregan os recursos de todos e todas en pór a punto unha asociación privada que preside o propio alcalde”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas relatan que este mesmo mes, o Concello “recibiu a un penado dos que Institucións Penitenciarias envía aos concellos co obxectivo de realizar tarefas orientadas a labor social”. Segundo remarcan dende o PSOE de Cartelle, “houbo unha inspección que comprobou que o penado se atopaba pintando nas cadras da asociación cabalista, polo que procederon a realizar un agravio contra o Concello, xa que non se estaba cumprindo co acordado e esas tarefas non formaban parte da labor social, que era ao que se tiña que dedicar o penado”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, considera que o que está a facer o goberno municipal “non é xusto, nin tampouco normal” e apunta a que “non se pode destinar recursos públicos e cartos de todos e todas para manter o chiringuito privado do alcalde”. O edil socialista tamén relata que en “O Mundil” “cóbrase por servizos e cursos, polo que non se trata dunha asociación sen ánimo de lucro, o que agrava aínda máis o destino de fondos públicos e de recursos a dedo para esta asociación.

Pereiras Vázquez sinala que “están empregando constantemente todos os recursos dispoñibles para mellorar e arranxar o recinto desta asociación” e afirma que “temos serias dúbidas de que o acontecido durante a inspección de Institucións Penitenciarias, non acontecese nalgunha ocasión previa”. O voceiro socialista tamén destaca que “vimos de presentar un escrito no que lle reclamamos ao goberno municipal que nos facilite copia de todos os convenios asinados entre o Concello e a asociación cabalista”, xa que segundo apunta “queremos analizar toda a documentación con calma antes de tomar medidas ao respecto desta mestura entre o público e o privado”.

Unha situación que o PSdeG-PSOE de Cartelle xa denunciou en varias ocasións, xa que segundo relataron entón, o Concello “empregaba ao alumnado do obradoiro municipal para realizar tarefas na asociación cabalista “O Mundil”, en lugar de arranxar o patrimonio municipal e limpar os camiños e vías de acceso aos núcleos de poboación, que se atopaban nunha situación total de abandono”. Os socialistas esíxenlle a Sousa e ao Partido Popular que “rematen con esta forma de actuar que é inmoral, carece totalmente de ética e que está a beneficiar ao propio alcalde na asociación que preside con cartos e recursos que pagamos os veciños e as veciñas de Cartelle”.