O PPdeG critica que o PSdeG pretenda paralizar a obra na estrada entre Luíntra e Esgos cando non afecta ao mosteiro de San Pedro de Rocas

Carlos Gómez afirmou que esta actuación da Deputación de Ourense “conta con todos os permisos e informes favorables”

Esta mellora lévana reclamando durante décadas os veciños desta zona e pretende mellorar a seguridade viaria para evitar accidentes

AVANTAR ACTIVIDADES

O deputado do Grupo Popular Carlos Gómez criticou hoxe no Parlamento galego que o PSdeG “pretenda que a Xunta paralice a obra na estrada OU-0509 entre Luíntra e Esgos, cando non afecta en absoluto ao mosteiro de San Pedro de Rocas e conta con todos os permisos e foi informada favorablemente por todos os órganos sectoriais que estudaron o pacto destes traballos”.

Carlos Gómez lembrou que a obra na estrada OU-0509 é unha actuación que leva a cabo a Deputación de Ourense, “que levan reclamando durante décadas os veciños desta zona e pretende mellorar a seguridade viaria para evitar accidentes aos usuarios locais e aos visitantes”.

“Esta obra non afecta á contorna do mosteiro de San Pedro de Rocas, nin en ningún caso ao Camiño Real, pois limítase exclusivamente á estrada OU-0509 e non ao ramal que conduce ao mosteiro”, concretou o deputado popular.

CON TODOS OS PERMISOS FAVORABLES

Ademais, apuntou que esta estrada “ten un significativo movemento de tráfico, incrementándose cos anos todo tipo de vehículos de dous e catro rodas que se dirixen ao cenobio de San Pedro de Rocas, o monumento máis visitado da Ribeira Sacra con máis de 60.000 visitas ao ano”.

Carlos Gómez incidiu que esta obra “conta con todos os permisos e foi informada favorablemente por todos os órganos sectoriais necesarios”, entre os que figuran a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Consellería de Medio Ambiente, o Instituto de Estudos do Territorio, a Dirección Xeral de Patrimonio, a Deputación Provincial ou o Concello de Esgos, co voto favorable do único concelleiro socialista nesta corporación municipal.

Neste sentido, lembrou que ICOMOS estudiou e informou as actuacións proxectadas, concluíndo que se trataba dunha obra “necesaria, a xulgar polas características do trazado xeral da estrada, que non afecta á contorna do mosteiro de San Pedro de Rocas”. Do mesmo xeito que a Sociedade Galega de Historia Natural non emitiu informe algún respecto deste proxecto, o que pon de manifesto que non observaron cuestión algunha sancionable.