Pepe Cruz e Jorge Guitián coinciden na necesidade de ter “unha marca propia potente” na xornada adicada ao deseño e ao patrimonio gastronómico

IES CHAMOSO LAMAS

Ousadía e atrevemento á hora de considerar ideas para proxectos de deseño. Ese foi o consello ofrecido polo deseñador Pepe Cruz ao público asistente esta mañá, e de maneira especial ao alumnado das escolas Antón Faílde e da Farixa

Jorge Guitián, na súa intervención, destacou a gastronomía coma un valor cultural, patrimonial e turístico que define quen somos e o que nos define e diferencia e polo que temos que apostar”.

A xornada continuará ás 20 horas coa charla do coronel e conferenciante Pedro Baños sobre O poder: un estratega le a Maquiavelo. No Centro Cultural Marcos Valcárcel

O remate terá lugar no Teatro Principal coa homenaxe ao xornalista e letrista Xaime Noguerol. Contará coa presenza de Yosi Domínguez, o músico Manuel Recio Patacho” e o xornalista musical Mariano Muniesa. O acto contará coa actuación do grupo Habitación Vudú

Ourense, 27 de abril de 2022. Deseño e patrimonio gastronómico. Eses foron os eixes que marcaron a mañá da Ourense ICC Week cos relatorios do deseñador e arquitecto Pepe Cruz e o “axitador gastronómico” Jorge Guitián. Dúas charlas que atoparon un punto común: a importancia de ter unha marca propia potente e única.

SPORTUR GALICIA 2022

Pepe Cruz intervino para falar do estudo “Cruz más Cruz” que co dirixe co seu pai, Cruz Novillo, creador da maioría dos logotipos máis coñecidos da historia deste país. Ante un público atento e moi interesado, entre o que se atopaba alumnado das escolas da Farixa e Faílde, fixo unha recomendación: “Sede ousados e proactivos e propoñede cousas, aínda que non estean ao principio dentro do proxecto que vos pidan.”

Pepe Cruz fixo un repaso por varias das campañas e as marcas que levou a cabo -de maneira totalmente innovadora- o estudo que co dirixe co seu pai e iniciou o relatorio cun repaso á campaña presentada para “Cuenca 2016”: “O presuposto non era moi grande. Fixemos múltiples propostas e creamos unha web para que os conquenses elixiran a súa identidade. O que empezou sendo Cuenca 2016, que non saíu adiante por falla de presuposto, xa é agora a marca Cuenca, quitaron 2016 e así quedou”.

Cruz tamén abordou a introdución de esculturas de marca corporativas, idea de Cruz Novillo. O exemplo: Repsol. “Foi un gran encargo do estudio. A implantación dunha marca ten unha grande complexidade porque son moitas cousas. E é importante que perdure, non só por connotacións económicas, senón tamén ecolóxicas, así non e necesario renovar todo o material de papelería da marca”. Tras mostrar unha imaxe do logotipo de Repsol nun sumidoiro, aconsellou: “Sede o máis potentes que podades cando fagades unha marca porque pode ser reproducida en condicións do máis diversas e algunhas non moi boas”.

Entre anécdotas, reflexións e un repaso rápido polas marcas máis destacadas creadas por este estudo, Pepe Cruz contou coma se atopou cun billete de 1.000 pesetas no Museo Arqueolóxico. “O Banco de España puxo coma única condición para os billetes adicar a serie a escritores. Incluír no reverso algún dato biográfico dos mesmos foi proposta do meu pai. Esa serie de billetes foron moi revolucionarios no seu momento. Así que  atopar ese billete no Museo fíxome pensar no deseño como algo arqueolóxico, que tamén pode ser”. Pepe Cruz tamén falou da apropiación dalgunhas creacións, “non sabes onde poden parar”. Narrou coma recibiu unha felicitación de Nadal do seu propio estudo “á que lle quitaron o texto da autoría da tarxeta”.

Patrimonio gastronómico con Jorge Guitián

O segundo relator da xornada desta mañá, Jorge Guitián, falou de Ourense e do seu potencial turístico. “Hai que potenciar o feito diferencial da súa gastronomía. Non é unha provincia de mar, pero está ao carón, a so 60 quilómetros. Pero sobre todo ten unha gastronomía galega tradicional de interior propia, con produtos que son desta terra e iso hai que explotalo. Sen esquecer os viños. Aínda que segundo varias enquisas o motivo principal para vir a Ourense é o gozo termal”.

“Pasamos do mundo da creación ao mundo da reflexión”, iniciou Guitián a súa charla e relatou as súa orixes profesionais. “Fixen Historia da Arte. Empecei a facer un blog e pasados moitos anos, Ferrán Adriá chamoume para colaborar nun proxecto que unía restaurante, cultura e gastronomía. Aí empecei a pensar a gastronomía doutra maneira”.

Incidiu en que a “gastronomía é algo que se pensa, que se constrúe arredor da necesidade fisiolóxica de alimentarnos, pero é cultura, e nos representa ao mesmo que o turismo, que se practica e tamén se pensa. Cultura, patrimonio, gastronomía  e turismo van da man e así o debemos entender”. Falou do que que representa a cada sociedade, as iconas que a sustentan. “Cando se fala de cultura non todo é cultura con maiúsculas. Los Suaves son cultura ourensá, icónica, porque representan a cidade. O lacón tamén nos identifica coma persoas, como grupo cunha maneira propia de celebrar. Por iso a gastronomía é cultura tamén”.

“Hai xente que ven a Galicia, ve a verdura e non sabe o que é. Nós a comemos pero non se ve nos restaurantes, e iso fíxome pensar nas cousas diferentes que comemos  segundo onde e con quen o fagamos. Temos un potencial que esquecemos. O que pensamos  que é especial non sempre coincide co que os demais ven de nos. E iso o temos que ter en conta. A cada público podémoslle contar cousas diferentes e todas reais”, afirmou Guitián.

O turismo foi outro dos piares da charla. “É diversión, certo, pero tamén ves cousas que nada teñen que ver coa tua cultura e que te acercan a outra maneira de ver o mundo, e iso é unha porta de entrada moi potente. É unha maneira  de dicir: así somos. É a nosa imaxe de marca”.  Subliñou a importancia de captar público. “Pero para iso non podemos comunicar o mesmo cos demais, porque non lles damos alicientes para que nos visiten. Iso foi un erro que se cometeu moitos anos. Tes que vender o teu propio e diferencial, sen comparacións con outros lugares”.

Rematou con algunhas reflexións no aire: “Que turismo queremos? O masificado é realmente un éxito?” Puxo coma exemplo a Ribeira Sacra: “Podemos convertela en icona, pero si nos pasamos pode ser un fracaso. Hai que ter coidado para modelar estas cuestións”.

POLA TARDE

Pedro Baños, ás 20 horas, dará unha conferencia sobre “O poder: un estratega le a Maquiavelo”. No Centro Cultural Marcos Valcárcel. E ás 21,30 horas comezará, no Teatro Principal, a homenaxe ao xornalista e letrista Xaime Noguerol con Yosi Domínguez, o músico Manuel Recio “Patacho” e o xornalista musical Mariano Muniesa e a actuación do grupo Habitación Vudú.