A Xunta aproba a bandeira e o escudo de Punxín

O Consello da Xunta deu o visto e prace aos decretos polos que se aproban o escudo
e a bandeira do concello de Punxín, o escudo de Mugardos e as bandeiras de
Soutomaior e Alfoz
― O Goberno autonómico leva aprobados un total de 274 escudos e bandeiras das
entidades locais de Galicia atendendo ás peticións dos concellos para adoptaren os
seus símbolos segundo o decreto que os regula

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace aos decretos polos que aproban o escudo e
a bandeira do concello ourensán de Punxín, así como o escudo do municipio coruñés de
Mugardos e as bandeiras dos de Soutomaior (Pontevedra) e Alfoz (Lugo), que xa
recibiran informe favorable na reunión da Comisión de Heráldica do 29 de abril.
Este órgano consultivo da Xunta de Galicia, adscrito á consellería competente en
materia de réxime local, é o encargado de emitir informes vinculantes de aprobación,
modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras das entidades locais
galegas.
Segundo vén definido no decreto, no caso de Punxín o escudo é de ouro (amarelo) e
sobre ondas de azur (azul), dúas cabezas de boi ao natural, surmontadas no centro do
xefe dunha póla de vide coas súas follas e acio de sinople (verde). No timbre, a coroa real
pechada. Na bandeira deste concello ourensán o pano é amarelo e, no centro, ao igual
que no escudo, as dúas cabezas de boi ao natural, surmontadas da póla de vide, coas
súas follas e acio de verde. Todo vai flanqueado de dúas franxas verticais (ondadas) de
azul, unha á hasta e outra ao batente.

AVANTAR ACTIVIDADES