A MIT de Ribadavia concederá o Premio de Honra 2022 a Eduardo Rodríguez Cunha, “Tatán”

Será nun acto o día da inauguración da 38ª MIT, o 15 de xullo.

O próximo día 15 de xuño, mércores preséntase en Ribadavia, ás 11h30 a programación completa desta edición do festival. Contará coa presenza de autoridades e representantes das coproducións da MIT 2022. Será na Praza de Buxán, fronte ña Igrexa da Madalena.

AVANTAR ACTIVIDADES

A Redondela natal de Tatán conmemorou este 2022 os 40 anos de Tanxarina Títeres e dende Ribadavia queremos sumarnos á familia dos monicreques e do teatro de obxectos de Galicia para celebrar tamén o Premio de Honra da MIT 2022 a quen foi fundador dunha das compañías de referencia dos títeres de Galicia. Xunto con Kukas, Cachirulo ou Viravolta, Tanxarina construíu a partir dos anos 80 unha gran tradición e público afeccionado á arte dos obxectos animados, tanto a través de creacións propias, na organización de festivais coma na divulgación dun oficio entre o artesanal e o experimental.

Tatán é máis ca ese prestixioso titiriteiro que acabou en Barcelona no taller do mestre Harry Tozer por circunstancias do destino e por inquedanza artística e formativa. Tatán é teatreiro de vocación (xa dende a Compostela da súa época universitaria nas aulas de Dereito), músico, actor de cine, activista nun sentido estrito da palabra, activista da arte e da cultura do país. Defensor da lingua, do traballo da xente nova, participante de históricos proxectos na historia do teatro galego coma aquela cooperativa chamada Producións Teatrais do Sur na que se xuntaron as compañías Teatro do Morcego (do sempre inesquecible Celso Parada), Teatro de Ningures e Tanxarina. Tatán foi facilitador, é unión e alento e acolle ensinanzas e impulsos que seguramente deberían concluír na concreción dun desexo seu e de moitos: unha especialidade de teatro de obxectos na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que na súa época de estudo non existía e que hoxe tanto nos podería distinguir.

O Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño desta edición de 2022 recoñece a figura solidaria, amable, inqueda e sensible que vimos tamén en varios traballos escénicos na MIT ao longo destes anos, dende os alleos ao seu grupo, como Terceiro Acto, baixo a batuta de Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, ata as pezas de A galiña azul, Titiricircus ou Contaloucos, coa súa familia escénica habitual, Miguel Borines e nos últimos tempos Andrés e Pablo Giráldez.

Parabéns a Tatán e á familia dos títeres galegos. Orgullo e esperanza.