Marina Ortega do grupo socialista leva mañá ao parlamento unha proposta para que a Xunta resolva a falla de recursos en pediatría no Chuo e nos hospitais de Verín e Valdeorras

A parlamentaria socialista Marina Ortega, levará á Comisión de Sanidade que se celebra mañá venres, a partir das 10,30 h.,unha proposición non de Lei para reclamarlle á Consellería de Sanidade que resolva de inmediato a falla de medios nos servizos de Pediatría do CHUO e dos hospitais comarcais de Verín e de Valdeorras, para dar cobertura a todos os menores que o precisen, así como nas subespecialidades e atención de prematuros.

AVANTAR ACTIVIDADES

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa das súas
deputada e dos seus deputados, Marina Ortega Otero, Julio Torrado
Quintela, Carmen Rodríguez Dacosta e Eduardo Ojea Arias, a través do seu
portavoz, e ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara,
presentan ante esa Mesa a seguinte Proposición non de lei para o seu debate
en Comisión 5.ª, Sanidade, Política Social e Emprego

Exposición de motivos
A situación na sanidade pública da provincia de Ourense minguou na última
década pola desidia coa mesma por parte do Goberno galego do Partido Popular.
Os hospitais comarcais tiveron que soportar numerosos recortes nos seus
servizos e recursos humanos. Ao mesmo tempo, a falta de recursos e o recorte
de especialidades nos comarcais, fixo que o hospital de referencia na provincia,
o CHUO, viva unha situación de sobrecarga agraviada pola falta de recursos
humanos para facer fronte á mesma, na provincia máis envellecida de Galicia.
A gravidade da situación levou aos pediatras do Complexo Hospitalario de
Ourense (CHUO) a poñer en coñecemento da Valedora Pobo a situación de
“vulneración dos dereitos asistenciais dos menores de 14 anos que se están a
producir na actualidade na provincia de Ourense pola falta de previsión e mala
organización da xerencia deste centro”.
A realidade é que dende o mes de febreiro hai unha xubilación e cinco baixas de
longa duración, das cales a maioría foron previsibles. De feito coñecíanse antes
de que os médicos internos residentes finalizaran a súa especialización, polo
tanto nun momento no que existía dispoñibilidade de pediatras que buscaban
ofertas de traballo. A xerencia decidiu a pesar da grave falta de recursos
humanos, non cubrir ditas baixas. Este feito derivou non só na sobrecarga
laboral dos pediatras, senón tamén na diminución dos servizos de consultas.
Ademais os hospitais comarcais de Verín e Valdeorras levan arrastrando ditas
carencias, incluso co cese dun facultativo recentemente no hospital de
Valdeorras no cal queda tan só un único pediatra.

O último calendario que a xerencia ordenou non logrou cubrir todas as gardas do
mes en ambos centros (CHUO e Hospital de Valdeorras). Esta situación deriva
na práctica na supresión total das consultas de subespecialidades durante todo o
verao e posteriormente por un tempo indefinido.
Por parte da xerencia non se está a informar desta situación ás familias dos
menores, polo que se limitan a anular citas e dicir que serán citados
proximamente.
O máis grave acontece cando a propia xerencia admite que renuncian á atención
a prematuros menores de 30 semanas, polo que terán que ser derivados a outro
centro, neste caso a Vigo. Así mesmo comunicouse tamén aos hospitais
comarcais de Verín e Valdeorras.
Dende o Grupo Parlamentario Socialista consideramos que a situación é
inadmisible xa que se está a poñer en perigo a saúde dos menores da provincia
de Ourense por falta de dilixencia e investimento nunha cuestión vital.
Polo exposto, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta a
seguinte Proposición non de lei:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia, a través da Consellería de
Sanidade, que de inmediato solucione a falta de medios nos servizos de pediatría
do CHUO, do Hospital comarcal de Verín e de Valdeorras, para dar cobertura a
todos os menores que o precisen, así como nas subespecialidades, e atención de
prematuros.”