“Fisterra”, de autoría de de Saúl Aguado de Aza, composta sobre o poema homónimo de Manuel María, foi a canción lírica gañadora da 1ª edición do concurso Manuel María de composicións musicais

A COMPOSICIÓN GAÑADORA SERÁ EDITADA XUNTO ÁS OUTRAS PEZAS FINALISTAS NUNHA PUBLICACIÓN QUE SERÁ DISTRIBUÍDA GRATUITAMENTE POR TODOS OS CONSERVATORIOS DE GALIZA

“Fisterra”, da autoría de Saúl Aguado de Aza, composta sobre o poema homónimo de Manuel María, foi a canción lírica, para voz e piano, que resultou gañadora da primeira edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais celebrada esta tarde, cunha gala-concerto, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. O autor que levou un premio de mil euros en metálico, verá a súa composición editada xunto as obras das outras finalistas nunha publicación que será distribuída gratuitamente por todos os conservatorios de música de Galiza.

AVANTAR ACTIVIDADES

A gala-concerto encadrouse ao redor do aniversario de Manuel María, o 6 de outubro, e contou coa presenza do barítono Gabriel Alonso e o pianista Aurelio Viribay que interpretaron nunha primeira parte as cancións finalistas Orballo de Teo Montero, A lúa de Saúl Aguado, Rosas de Teresa Bretal e Fisterra de Saúl Aguado. E nunha segunda parte presentaron en concerto o seu traballo No Camiño -dous séculos de canción galega-.

O gañador Saúl Aguado de Aza é un compositor e pianista acompañante no Conservatorio Superior de Música de Madrid.