O PSDEG sinala que os orzamentos para construción de vivenda de promoción pública é “moi baixo

Eduardo Ojea sinala que os orzamentos para construción de vivenda de promoción pública é “moi baixo”, con apenas 8 millóns en 2023, fronte aos 52 millóns consignados en 2009

Santiago de Compostela, 07 de decembro de 2022. O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Eduardo Ojea, urxiu hoxe á Xunta a incrementar as partidas previstas para Vivenda pública e alertou da baixa execución dos orzamentos dispoñibles. Ojea presentou unha pregunta oral na Comisión de Infraestruturas, na que reclamou “medidas correctoras” por parte da Xunta para poñer no mercado vivendas de carácter público, sinaladamente dirixidas ao alugueiro social.

AVANTAR ACTIVIDADES

O responsable socialista deu a voz de alarma diante da escaseza de vivenda protexida en Galicia como consecuencia do desleixo do goberno galego, que tan só puxo no mercado 268 vivendas de promoción pública dende o ano 2014. Sinalou que o ano 2021 pechou con apenas 66 inmobles, e o primeiro semestre de 2022, o último dato dispoñible, apenas foron rematadas unha decena de vivendas, mentres hai 15.583 persoas inscritas no Rexistro de Demandantes da Xunta.

O Orzamento para a construción de vivenda pública, dixo, rexistra cifras “pírricas”, con apenas 8 millóns de euros previstos para 2023, moi lonxe dos 52 millóns de euros orzamentados no último ano de goberno do socialista Pérez Touriño. Á falla de previsión orzamentaria, dixo, hai que sumarlle unha “inaceptable falla reiterada de execución” por parte do goberno galego, que en 2021 deixou sen executar o 77,1 por cento do programa de Acceso á Vivenda.

Eduardo Ojea reclama unha actuación decidida por parte do goberno galego diante da difícil situación dos galegos e das galegas para afrontar o alugueiro, cun mercado limitado, poucas vivendas nun estado adecuado e os prezos cada vez máis elevados. De acordo coa Federación Galega de Empresas Inmobiliarias, o circuíto de comercialización de vivendas para o alugueiro limítase a apenas 3.900 inmobles.

De acordo co Informe da rede Galega contra a Pobreza, elaborado en 2021, o 25,2 por cento dos galegos e galegas están en risco de pobreza ou exclusión social. Ademais, as persoas que se retrasan nos pagos da vivenda aumentaron de 5,6 a 8,5 por cento, e os que non poden manter unha vivenda en condicións de temperatura adecuada pasaron do 6 ao 9,6 por cento.

Lembrou que os prezos dos alugueiros continúan a subir logo de terse disparado un 25 por cento dende o ano 2016, pero os orzamentos que o goberno galego destina a vivenda en 2022 son un 45 por cento inferiores aos do ano 2009.

Reclamoulle ao goberno galego que inicie unha política decidida para facilitar o acceso á vivenda, “tan necesaria en momentos de crise como o actual”, na liña do goberno de España, que o pasado mes de febreiro aprobou o proxecto de Lei polo dereito á Vivenda, a primeira norma que desenvolve o dereito constitucional a unha vivenda digna e axeitada.