Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (II): Gozar dunha atmósfera saudable

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid.


Curriculum de Pablo Álvarez Guillén:

AVANTAR ACTIVIDADES
Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo, pola Universidade  Politécnica de Madrid, na Especialidade de Economía Agraria. Consultor  medioambiental especialista en ecoloxía aplicada e en servizos  ecosistémicos.

Como xa lles anunciei a semana pasada propóñome escribir unha serie de “breves escritos” co obxectivo de intentar actualizar a información medioambiental o alcance dos veciños, e das diferentes entidades sociais, para contribuir a facer un Carballiño mais saudable. Nesta ocasión tratarei o tema da contaminación do aire.

Comezarei por sinalar que aínda que se pode establecer un amplo consenso ao redor de que os residentes no Carballiño gozamos habitualmente dunha boa calidade do aire, o cal seguramente é moi acertado, sobre este idealizado escenario cabería considerar certos matices.

No Carballiño existe un importante número de caldeiras de calefacción comunitarias a base de gasoil, combustible con alto poder de contaminación, e que ademáis pola súa antigüidade son enerxéticamente pouco eficientes. Para mellorar este tipo de sistemas enerxéticos, é recomendable que as comunidades de veciños aproveiten as subvencións que a Administración autonómica ofrece. Para facilitar o acceso ás axudas, proceso que non é sinxelo, sería conveniente que as institucións municipais contasen con persoal cualificado para asesorar e apoiar técnica e loxísticamente aos interesados na tramitación da solicitude ante a Xunta de Galicia.

Así mesmo, cabe mencionar que as subvencións da Administración tamén van destinadas á mellora enerxética dos edificios, elemento imprescindible para reducir o consumo de calefacción.

Dentro deste contexto, de reducir o consumo en calefacción, tamén hai que subliñar que o próximo mes de maio entra en vigor “a obrigación de instalar contadores individuais que midan o consumo de cada consumidor, …”. Para levalo a cabo “…sempre que non sexa tecnicamente viable o uso de contadores individuais, imponse a obrigación de instalar repartidores de custos de calefacción…”, en cada vivenda (Real Decreto 736/2020, do 4 de agosto, polo que se regula a contabilización de consumos individuais en instalacións térmicas de edificios).

Neste sentido, tamén cabe lembrar que ao reducir a factura da calefacción, non só mellora a nosa economía se non que contribúe a retardar o cambio climático.

Por outra parte, en certas épocas do ano e baixo determinadas condicións meteorolóxicas, especialmente nos días máis fríos dos períodos anticiclónicos, en algunhas rúas do centro do Carballiño, é fácil percibir ese nostálxico cheiro das chemineas das aldeas.

Nestes casos, a calidade do aire podería verse cuestionada por contaminación de partículas finas (diámetro inferior a 10 micras), que son as máis prexudiciais para a saúde. Este fenómeno débese principalmente tanto polo uso de cociñas e calefacción a base de leña, como pola utilización de pellets nas calefaccións das vivendas, uso que se estendeu moito os últimos anos debido a que a madeira é máis barata que os combustibles alternativos para calefacción.

Para limitar o risco de contaminación do aire interior dos edificios e da contorna exterior, producido polos aparellos de calefacción doméstica de pellets e biomasa en xeral, ademais de ser recomendable a utilización de estufas de alta eficiencia e combustibles de calidade (Clase A1), hanse de dar as seguintes condicións:

  • Débese comenzar por lembrar que é obrigatorio que a saída directa dos fumes de combustión se realice por encima da cuberta do inmoble, tal e como se establece no Regulamento de Instalacións Térmicas dos Edificios (RITE, RD 1027/2007, de 20 de Julio), en ningún caso está permitido facelo pola fachada.
  • A instalación dunha cheminea de evacuación de fumes, en edificios multifamiliares, polo patio de luces ou pola traseira do edificio, necesita a súa aprobación por unha maioría de tres quintas partes dos veciños do inmoble.
  • Cada aparello deberá dispoñer da súa propia cheminea de fumes. Se se conectan varios aparellos a un mesmo conduto, poderíanse producir revocos, co alto risco de intoxicación que iso supón.

É por iso que as instalacións de pellets están fundamentalmente indicadas para vivendas unifamiliares.

Neste contexto, o grupo político que teña a responsabilidade de goberno ten o deber de facer cumprir a normativa vixente e de actuar identificando e eliminando as instalacións que non cumpran coa lexislación para protexer a saúde dos seus veciños.

Finalmente, non se debe esquecer que a incidencia sobre a contaminación atmosférica non está só relacionada coas instalacións de combustión para calefacción, se non que tamén se debe á circulación de vehículos de motor.  De todos é coñecido ese desagradábel cheiro que producen esas bafaradas dos tubos de escape de certos vehículos, especialmente os dos coches de gasoil.

Neste eido, cabe sinalar que segundo a Lei 7/2021, do 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética, os municipios de máis de 50.000 habitantes e os de máis de 20.000 habitantes, estes últimos cando superen certos valores límite de contaminación, adoptarán antes de 2023 plans de mobilidade urbana sostible que introduzan medidas de mitigación que permitan reducir as emisións derivadas da mobilidade.

É evidente que O Carballiño non se atopa nos supostos que obrigan á adopción dun plan de mobilidade urbana sostible, nin por número de habitantes nin previsiblemente por superar os valores límite de contaminantes, aínda que como medida preventiva non estaría demais que os grupos políticos asumisen este compromiso.

O medio ambiente non se debe entender como o obrigado cumprimento dunha norma que impón unha instancia superior, se non que a regra debe constituír tan só unha referencia de mínimos a bater. Desfrutar dun ambiente o máis saudábel posible debe ser un obxectivo prioritario para todas as organizacións sociais, porque o que está en xogo é a saúde das persoas e a subsistencia da propia natureza.


Outros artigos de Pablo Álvarez Guillén:

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (I): Gozar de confort sonoro

Otras consideraciones medioambientales para la ampliación del Polígono Industrial

Las alternativas para la ampliación del polígono industrial

La ampliación del polígono industrial en información pública

Ahorro de energía en el alumbrado público

Ahorro energético en comunidades de vecinos

Sequía y agua de boca

El protocolo de colaboración para el nuevo Centro de Salud

Chega o contedor de lixo de cor castaño ás nosas rúas

Un Centro de Salud amigable en un Carballiño saludable

Carballiño: Puerto seco de Galicia

Las claves medioambientales y sociales para la ampliación del Polígono Industrial

La ampliación del Polígono y el Paisaje

La ampliación del Polígono y el ciclo hídrico

La ampliación del polígono y el patrimonio natural

Consideraciones sobre el agotamiento de suelo empresarial

El poligono industrial de Maside

Síntese do modelo urbano “Carballiño Saudable 2030”

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (1) aspectos xerais da mobilidade urbana

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (2) Itinerarios de preferencia peonil.

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (3) Reordenar a configuración do tránsito motorizado

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (4) Coser o tecido urbano norte sur (I)

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (5) Coser o tecido urbano norte sur (II)

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (6) Gañar funcionalidade na “Avenida”.

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (7) Achegar o parque ao centro urbano