O PPdeG demanda a mellora urxente da N-120 e a reactivación do proxecto da autovía A-76

  • A principal vía de conexión entre as provincias de Lugo e Ourense rexistrou nos últimos días varios sinistros, como o múltiple con 15 vehículos implicados entre Monforte de Lemos e a Pobra de Brollón ou un accidente mortal en Quiroga
  • “O deplorable estado actual e os graves defectos no firme están a xerar un elevado risco para a seguridade viaria” indica a deputada popular Raquel Arias
  • A falta de avances no proxecto da autovía entre Ponferrada e Ourense e a súa mala situación están provocando unha perda de competitividade e o agravamento dos problemas demográficos destas zonas

14 de xaneiro de 2023. O Partido Popular de Galicia demanda ao Goberno central a mellora integral da N-120 para reducir os riscos de seguridade viaria e a súa falta de funcionalidade, así como a reactivación das obras de construción e posta en servizo da A-76 por considerar que o seu atraso está provocando a perda de competitividade e o agravamento dos problemas demográficos da Comunidade.

A través dunha proposición non de lei rexistrada esta semana no Parlamento de Galicia, os populares solicitan a reparación urxente da N-120 para avanzar na mellora integral da vía –incluída a implantación de terceiros carrís de adiantamento– e reducir os riscos para a seguridade viaria que presenta neste momento debido ao deterioro do seu firme.

AVANTAR ACTIVIDADES

Reclaman ao Goberno central que actúe de xeito urxente nos treitos especialmente deteriorados e garanta as condicións de seguridade e viabilidade en todo o percorrido da principal vía de conexión entre o sur da provincia de Lugo e a zona máis oriental de Ourense.

A deputada popular Raquel Arias destaca que toda a estrada “desde a súa entrada en Galicia por Valdeorras ata a súa chegada ás cidades de Monforte de Lemos e Ourense presenta deficiencias no firme, pero hai tramos nos que a sucesión de gretas e fochancas obriga a extremar o coidado”.

Esta situación provocou que as últimas semanas foran especialmente negativas en canto á sucesión de accidentes na vía. Moitos deles vinculados ao mal estado do firme, como o sinistro múltiple que tivo lugar entre Monforte de Lemos e A Pobra do Brollón –no que resultaron danados 15 vehículos– e o accidente mortal acontecido nesta estrada ao seu paso polo municipio de Quiroga. Aos que se suman outros accidentes que se produciron con anterioridade, indican os populares.  

Na iniciativa parlamentaria  tamén se solicita reactivar, tanto desde o punto de vista técnico como económico, as obras de construción e posta en servizo da A-76 entre Ponferrada e Ourense como itinerario alternativo para a mellora da comunicación e da vertebración das provincias de Lugo e Ourense e destas coa Meseta.

A falta de avances neste proxecto, que acumula atrasos de máis de dous anos sobre os prazos previstos, está provocando unha perda de competitividade importante e agrava os problemas demográficos. Non en balde, a interrelación económica e laboral entre as dúas zonas é moi relevante e vese prexudicada polas  malas comunicacións viarias, así como polo conseguinte impacto na actividade turística, comercial e industrial.