O pleno do concello de Ourense aproba impulsar o primeiro proxecto de cohousing senior na cidade grazas a unha iniciativa do grupo municipal socialista

Democracia Ourensana e o tránsfuga Laureano Bermejo abstivéronse na iniciativa a prol de pór en marcha un pioneiro proxecto de vivendas colaborativas para o envellecemento activo das persoas maiores

Os edis do Partido Popular, Democracia Ourensana e Bermejo votaron en contra de solicitar fondos europeos para o desbloqueo do proxecto de reforma integral da Praza de Abastos número 1 e da súa contorna

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 3 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE vén de lograr a aprobación plenaria dunha iniciativa pioneira para impulsar o primeiro proxecto de cohousing senior na cidade de Ourense. A moción saíu adiante grazas aos votos a favor de toda a corporación a excepción do grupo de Democracia Ourensana e do edil tránsfuga Laureano Bermejo, que se abstiveron de apoiar a posta en marcha dun innovador proxecto de vivendas colaborativas para o envellecemento activo das persoas maiores.

A este respecto, a propoñente da moción e voceira socialista, Natalia González, aproveitou para lembrar que “hai escasas semanas as persoas maiores que viven en soidade enterábanse de que o servizo de acompañamento telefónico anunciado polo alcalde Jácome tres anos atrás o ían proporcionar dúas empresas relacionadas co mundo da comunicación e sen relación co ámbito dos servizos sociais”, unha cuestión que suscitou a denuncia do grupo socialista, grazas á cal se rescindiron eses contratos.

A concelleira lembrou tamén que a cidade de Ourense reúne todos os requisitos necesarios para motivar a necesidade dun proxecto desta natureza en canto a franxas de idade, número de persoas maiores que viven soas e carencia de prazas en residencias públicas. Ademais, González destacou os beneficios do cohousing, “un modelo de éxito en países escandinavos que forma parte do Plan Estatal de Vivenda para que os Concellos xestionen o solo a nivel dotacional e habiliten espazos de convivencia interxeracional”.

Concretamente, o grupo socialista reclamou que o Concello leve a cabo un estudo pormenorizado sobre as demandas das persoas maiores de Ourense en canto ás súas necesidades de vivenda, coa finalidade de impulsar este innovador proxecto de cohousing senior e piden que o goberno local organice xornadas de información da cidadanía sobre vivenda colaborativa e casos de éxito en marcha no noso país.

Urbanisticamente tamén reclaman que o Concello obteña e xestione o solo público necesario, en función da demanda existente, poñéndoo a disposición doutras administracións para acadar fondos europeos e abordar un proxecto deste tipo.

Fondos europeos para a Praza de Abastos

En canto á moción relativa á solicitude urxente das axudas do programa de apoio ao patrimonio histórico con uso turístico do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para sufragar as obras de reforma da Praza de Abastos número 1 e da contorna do ‘rianxo’, o Partido Popular e Democracia Ourensana, xunto co edil tránsfuga Laureano Bermejo, tentaron bloquear a iniciativa, que foi aprobada cos votos favorables do resto da corporación.

A concelleira Juana Ageitos lamentou a falta de apoio á iniciativa por parte dos populares “logo de oito anos de abandono e desleixo”, se ben salientou que “o responsable último e directo da perda deliberada da subvención da praza de abastos é o alcalde Jácome”. Neste sentido contrapuxo que “agora a cidade ten unha nova oportunidade para captar fondos e blindar esta imprescindible obra”.

I Plan contra a Violencia Machista do Concello de Ourense

A iniciativa para a elaboración, aprobación e posta en marcha do primeiro Plan municipal contra a Violencia Machista acadou o apoio unánime do plenario.

A edil Concha García asegurou que é “prioritario” dotar a acción contra a violencia machista en Ourense dun plan propio que complemente o IV Plan de Equidade do Concello, recentemente aprobado, ao tempo que puxo o foco na preocupante repunta de denuncias por violencia contra a muller en Ourense e o colapso dos xulgados na cidade.

“A necesidade desta iniciativa está sobradamente motivada, de feito esta semana soubemos pola prensa que os xulgados de Ourense están desbordados e que somos o primeiro partido xudicial en número de casos de violencia machista, superando a Santiago ou Lugo e por primeira vez sobrepasamos as 1.100 asuntos no Xulgado de Instrución número 3 de Ourense, encargado en exclusiva de casos de maltrato”, salientou a socialista.

Así as cousas, dende o grupo socialista reclaman reforzar o compromiso da administración local coa erradicación da violencia contra as mulleres e “dotar a cidade dunha estratexia de acción global contra a discriminación, a desigualdade e a violencia de xénero.