Gabriel Alén visita o centro de educación e promoción de adultos que a Xunta de Galicia ten na prisión de Pereiro de Aguiar

Esta mañá, acompañado polo equipo docente do centro así como polo director da prisión de Pereiro, Francisco González

  • O delegado territorial coñeceu de primeira man o seu funcionamento, onde 8 docentes atenden a máis de 59 internos matriculados este curso nas diferentes ensinanzas que se imparten como alfabetización ou a ESO
  • Gabriel Alén puxo en valor o cometido fundamental destes profesionais non só dende o punto de vista do coñecemento, senón como parte indispensable para a reinserción e reeducación dos internos
  • O profesorado explicoulle o funcionamento dalgunhas da iniciativas máis valoradas polos internos, como a dos clubs de lectura, que contan coa participación en moitos casos dos autores das obras seleccionadas
  • O representante do Goberno galego lembrou tamén a colaboración da Xunta coa Asociación para a Prevención e Educación Social (APES) para desenvolver no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar o proxecto Punto de Partida

Ourense, 10 de febreiro de 2022.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel alén, desprazouse esta mañá ao Centro de Educación e Promoción de Adultos que a Xunta de Galicia ten na prisión de Pereiro de Aguiar para coñecer de primeira man o seu funcionamento, onde 8 docentes atenden a máis de 59 internos matriculados este curso nas diferentes ensinanzas que se imparten como alfabetización ou a ESO.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial eloxiou a este equipo de profesores pola súa dedicación e enxalzou o compromiso e entrega que demostran os 53 docentes que prestan servizo nos cinco centros penitenciarios galegos.

Gabriel Alén puxo en valor o cometido fundamental destes profesionais non só dende o punto de vista do coñecemento, senón como parte indispensable para a reinserción e reeducación dos internos, permitíndolles volver á sociedade nas mellores condicións posibles. “A educación é un dos factores que máis inflúen no avance e progreso das persoas e das sociedades. Ademais de achegar coñecemento e aprendizaxe; a educación enriquece a cultura, o espírito, os valores e todo o que nos caracteriza como seres humanos”, sinalou o delegado territorial.

En Galicia, son preto de 800 os alumnos matriculados este curso nestes centros de educación e promoción de adultos, que ofertan tanto Ensinanzas Básicas Iniciais como Educación Secundaria e Bacharelato. Cómpre sinalar que o alumnado das prisións oscila ao longo do curso, de tal xeito que ao longo do ano académico 2021/22 melloraron a súa formación nestes centros un total de 1074 persoas.

Gabriel Alén, que estivo acompañado polo equipo docente do centro así como polo director da prisión de Pereiro, Francisco González, tivo a oportunidade de coñecer as instalacións do pavillón educativo, dotadas tanto de varias clases como de biblioteca e a aula de informática e de estudo.

Ademais, o profesorado explicoulle o funcionamento dalgunhas da iniciativas máis valoradas polos internos, como a dos clubs de lectura, que contan coa participación en moitos casos dos autores das obras seleccionadas.

Colaboración con APES

O delegado territorial lembrou tamén a colaboración da Xunta coa Asociación para a Prevención e Educación Social (APES) para desenvolver no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar o proxecto Punto de Partida, a través da Orde de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2022e  2023, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

A través deste proxecto, financiado con máis de 21.000 euros pola Consellería de Política Social e Xuventude, e que se ven desenvolvendo desde o ano 2009, realízase un acompañamento social a través dos itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral a 22 persoas reclusas,

A súa finalidade é a de fortalecer progresivamente as competencias persoais e sociais para unha reinserción con éxito. Entre outras, realízanse accións como Obradoiros do delito e vitimoloxía que facilita ás persoas asumir e coñecer as causas que a levaron a delinquir e entender o papel da vítima, Obradoiros de intelixencia emocional ou Sesións de competencias persoais.

A entidade intercala actuacións dentro do centro penitenciario como fóra, cando as persoas se atopan en permisos, co fin de facilitar unha transición inclusiva cara o momento de liberdade.