O concello de Piñor pon en marcha unhas olimpiadas infantís

O Programa de Educación Familiar do Concello de Piñor pon en marcha unha nova actividade para os nenos e nenas, trátase das OLIMPIADAS INFANTIS DE PIÑOR “MOVÉMONOS XUNT@S”.  

O Programa de Educación Familiar, que se leva ofrecendo dende o Concello de Piñor dende o ano 2006, é servizo que ademais de trallar de forma individualizada coas familias diferentes problemáticas (menores en situación de risco ou desamparo, conflitividade familiar, dificultades educativas, drogodependencias, etc) tamén leva a cabo actividades comunitarias que permitan traballar aspectos preventivos que favorezan o desenvolvemento axeitado da familia e infancia. Dende devandito programa, financiado pola Consellería de Política Social e polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, levarase a cabo a actividade OLIMPIADAS INFANTÍS DE PIÑOR “MOVÉMONOS XUNT@S”, unha maneira orixinal, lúdica e chamativa de traballar cos nenos e nenas os distintos valores que deben estar presentes nas familias, pero a través do deporte. O deporte é algo moi importante no desenvolvemento dos nenos e nenas xa que é beneficioso para a súa saúde, polo tanto con esta actividade tamén se busca fomentar a actividade física, previr o sedentarismo… Pero, á súa vez, no deporte tamén se traballan valores e habilidades como a cooperación, o traballo en equipo, a resolución de conflitos… é dicir, aspectos que tamén se precisan no ámbito familiar.

AVANTAR ACTIVIDADES

     As actividades están destinadas a nenos e nenas de 4 a 12 anos, levándose a cabo en horario de 9:00h a 14:00h no Centro Social de Albarona, os días 3,4,5 e 10 de abril. A inscrición deberá formalizarse en Servizos Sociais dende o día 20 de marzo ás 10h ata o 28 de marzo ás 14h. Hai prazas limitadas. Pódense consultar as “Bases de admisión” na sede electrónica do Concello de Piñor.

Animan á poboación a inscribir ós seus fillos e fillas nesta actividade, que ademais de mellorar a conciliación da vida familiar e laboral, permitirá que os nenos e nenas desfruten aprendendo.