O Psdeg-Psoe denuncia un novo episodio de “desleixo e abandono” do PP que provocou que as pistas de acceso a parcelaria de Cartelle estean “impracticables”

Os e as socialistas critican o “lamentable” estado no que se atopan a

os accesos a parcelaria de Cartelle e as beiravías das estradas, cheas de maleza ante a falta de limpeza por parte do concello

AVANTAR ACTIVIDADES

Jesús Pereiras afirma que a situación que se vive coa parcelaria de Cartelle “é insostible” e esíxelle ao goberno municipal “accións urxentes para recuperación das pistas de acceso a mesma”

Cartelle, 20 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia un novo episodio de “desleixo e abandono” por parte do goberno municipal do Partido Popular. Os e as socialistas critican o “lamentable” estado no que se atopan as pistas de acceso a parcelaria de Cartelle, totalmente cheas de maleza ante a falta de limpeza por parte do concello.

Dende o Grupo Municipal Socialista de Cartelle afirman que os accesos a parcelaria desta parroquia do municipio “están totalmente impracticables, pola ausencia total de limpeza destes camiños”. Unha situación que segundo explican dende o PSOE “repítese sistematicamente ano a ano, por mor da desidia do goberno municipal, o que converteu os accesos, as pistas e incluso as beiravías das estradas en auténticas selvas, onde a natureza se abre paso e a maleza non deixa de aumentar”.

Os e as socialistas fan fincapé en que o concello de Cartelle “está sumido no caos absoluto” da man do alcalde Jaime Sousa e da alcaldesa na sombra, a senadora Carmen Leyte. Acusan aos populares de “mirar para outro lado, namentres a maleza invade o municipio e de facer caso omiso as reclamacións dos veciños e veciñas que viven unha situación límite”.

O voceiro do PSdeG-PSOE no municipio, Jesús Pereiras Vázquez, afirma que a situación que se vive coa parcelaria de Cartelle “é insostible” e esíxelle ao goberno municipal “accións urxentes para a posta en valor e recuperación das pistas de acceso a mesma”. O concelleiro socialista reclámalle a Sousa e Leyte que “se centren” e que comecen a “traballar dunha vez por todas por mellorar un municipio que abandonaron a súa sorte durante décadas”.

Pereiras Vázquez relata que Cartelle “non pode agardar ata as eleccións municipais para lavar a súa imaxe e rematar coas políticas de desleixo e abandono do Partido Popular”. O voceiro socialista afirma que “xa vai sendo hora de que os populares lembren cal é o seu papel e asuman as responsabilidades propias de gobernar un concello, entre as que se atopa o coidado e mantemento das zonas verdes, das pistas e camiños de acceso a parcelaria e do patrimonio municipal para uso e desfrute dos veciños e veciñas”.