O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe na entrega de premios da cata popular da 60ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, celebrada no concello ourensán de Ribadavia. Alí, puxo de relevo o apoio da Xunta a este sector, con iniciativas como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia ou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas.Nesa liña, o conselleiro fixo fincapé en figuras da Lei de recuperación como os polígonos agroforestais, que no ámbito das cinco denominacións de orixe galegas do viño -tamén na do Ribeiro- buscan darlle un pulo ao cultivo de viñedo, posibilitando o incremento da produción vitivinícola de calidade por medio de actividade económica que contribúe a frear o abandono e, ao tempo, a avanzar na anticipación aos incendios forestais. Tal é o caso -dixo- do polígono de Barzamedelle, en Leiro, ou o de Prado, en Castrelo de Miño. José González tamén fixo alusión á Estratexia sectorial, que busca mellorar o posicionamento dos nosos viños, aumentar a súa competitividade en mercados nacionais e internacionais e transformar, de aquí a 2026, a capacidade de xeración de valor dos territorios nos que se produce. Nese senso, lembrou tamén apoios anuais do Goberno galego como os destinados á promoción do viño en terceiros países, á elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, pero tamén á reestruturación e reconversión do viñedo. A maiores, segundo sinalou, hai outras liñas de achegas como a recentemente convocada para a nova participación de produtores en réximes de calidade -como as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do viño-, que se poden solicitar ata o vindeiro 26 de maio. Así mesmo, a Xunta está ao carón dos consellos reguladores, con apoios para consolidar o seu funcionamento e o seu labor de control como garantes da calidade.
O conselleiro do Medio Rural participou o pasado venres na inauguración da 60ª edición da Feira do Viño do Ribeiro e hoxe faino na súa última xornada, logo dunha fin de semana na que o evento estivo marcado por degustacións, obradoiros de cociña e catas comentadas con cociñeiros e sumilleres de prestixio.