Luis Álvarez denuncia o “silencio cómplice” de Rueda co “esperpento” provocado por Baltar e Jácome en Ourense

O portavoz do Grupo Socialista denuncia que o PP “nin escoita nin atende” ás necesidades dos concellos mentres “amparan a persoas que nos avergoñan a todos e todas”

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2023. O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, denunciou hoxe o “silencio cómplice” do presidente da Xunta diante da situación dos titulares do goberno local e da Deputación Provincial de Ourense. Na sesión de control ao presidente da Xunta, criticou que lle dea “amparo” a Baltar logo de ser detectado conducindo un vehículo oficial a 215 quilómetros por hora, e de Jácome, alcalde da capital da provincia cos votos do PP, polo presunto uso ilícito de fondos.

AVANTAR ACTIVIDADES

O responsable do Grupo Socialista dixo no Pleno do Parlamento que Baltar e Jácome son neste momento ‘Dous Homes e un Destino’, e emprazou a Rueda a “tomar medidas xa”, fronte ao risco de que “se converta vostede no ‘Terceiro Home”, en alusión ás coñecidas películas. Criticou que, polo contrario, teñan escollido “o silencio radiofónico: calar e agocharse nunha estratexia de control de danos”.

Álvarez acusou a Rueda de amparar o “esperpento” xerado polo PP na provincia e na cidade de Ourense, demostrando que “entenden a política local no todo polo poder sen importar nada, nin a exemplaridade pública”, para “vergoña de toda a provincia”. Mentres, lamentou, “nin escoita nin atende ás necesidades dos concellos” galegos e reparten o 80 por cento do fondo de cooperación adicional de forma dirixida, demostrando “pouca querencia pola equidade e a transparencia”.

Criticou que o presidente da Xunta se teña negado a apoiar a proposta socialista presentada onte para regularizar a participación dos concellos nos ingresos da Comunidade Autónoma e actualizar o Pacto Local. Alertou de que o goberno galego obriga ás administracións locais a asumir competencias que non lles corresponden pero sen garantir recursos adicionais, provocando un déficit de 620 millóns de euros no exercicio pasado.

Lamentou que o PP se teña negado a garantir o financiamento adecuado para os concellos, xa que manteñen o Pacto Local conxelado en 119 millóns de euros dende o último aumento que garantiu o presidente socialista Pérez Touriño, demostrando que o PSdeG “pensaba, pensa e pensará sempre nos concellos”. Mentres, o PP “terá o atrevemento agora de pedirlles aos veciños e ás veciñas que lles voten” nas campaña das eleccións municipais que comeza esta semana.

Explicou que os entes locais “precisan de máis recursos” para facer fronte ao déficit de financiación provocado polas competencias que lle delega a Xunta, e que provocou que o ano pasado tiveran que investir 279 millóns de euros en servizos sociais, 115 en educación ou 93 en fomento do emprego. Advertiu que os cidadáns teñen que acudir a centros de saúde ou escolas de educación infantil “en mal estado” porque “a Xunta non os financia axeitadamente”.

Lembrou así que o goberno galego presumira de escolas de educación infantil gratuítas “sen pararse a ver o financiamento”, que teñen que asumir os gobernos locais porque “eles pagan e vostedes venden a moto”. Tamén advertiu que mentres os concellos recadaron 57 millóns de euros por infraestruturas hidráulicas, que deberan ser entregados á Xunta para que esta os devolvera en forma de investimento, “reciben 0 euros porque non son do PP”.