O candidato do BNG Luís Seara comprométese como alcalde a”esixir a inmediata execución do Centro de Saúde do Vinteún”

Desde a formación nacionalista denuncian unha vez máis o desleixo da Xunta de Galiza para con esta infraestrutura tan necesaria e reivindicada pola veciñanza e comprométense a reactivar a súa urxente execución

Tamén cuestionan a falta de liderado político do actual alcalde á hora de reivindicar diante doutras administracións a execución de proxectos, equipamentos e infraestruturas necesarias para Ourense

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 24 de maio de 2023. O Centro de Saúde do barrio do Vinteún será para o BNG, “unha das nosas prioridades de goberno pois dentro do noso proxecto, o reequilibrio territorial entre os diferentes barrios e a dotación de novas infraestruturas e servizos é fundamental no desenvolvemento do Ourense que queremos”.

Para o candidato do BNG á alcaldía Luís Seara, “non é de recibo que catorce anos despois e co PP na Xunta de Galiza, aínda non se executase unha infraestrutura que é de vital importancia, non soamente para mellorar a asistencia sanitaria á veciñanza do barrio senón tamén para desconxestionar o xa de por si saturado Centro de Saúde da Ponte”.

Lembran os nacionalistas que a reivindicación da súa construción “leva sido unha constante ao longo dos ultimos anos tanto a través do Parlamento galego como do propio Pleno do Concello sen que até o de agora a Xunta do PP tivera feito nada”.

Seara tamén aféalle ao actual rexedor a súa “nula capacidade para xestionar e reivindicar diante doutras administracións os proxectos e os equipamentos e infraestruturas que Ourense precisa”, e engade, “se algo ten demostrado Jácome ao longo deste mandato é carecer totalmente de liderado político”.

Por todo o anterior é polo que o candidato Seara afirma que “unha das prioridades do novo Goberno Local encabezado polo BNG será a de solicitar unha reunión urxente co Conselleiro de Sanidade e reclamar a reactivación inmediata do proxecto de construción do Centro de Saúde do Vinteún”.