A Deputación concede 700.000 euros en subvencións para unha vintena de iniciativas municipais, culturais e deportivas

Xunta de Goberno da Deputación Ourense. Asisten Rosendo Fernández (Vicepresidente 1º da Deputación de Ourense); César Fernández Gil (Vicepresidente 2º da Deputación de Ourense); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Jorge Pumar (Deputado PPOU); Luz Doporto Real (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU); Ana María Villarino Pardo (Deputado PPOU); Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense); Adamantino Barreiro García (Vicesecretario da Deputación de Ourense).

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a concesión de máis de 700.000 euros en subvencións para financiar unha vintena de proxectos municipais e iniciativas culturais e deportivas.

En cooperación local, na sesión de hoxe aprobouse unha subvención de 18.000 euros para o Concello de Bande destinada á adquisición de terreos para proxectos termais, así como outra axuda de 20.000 euros para a reforma do local municipal de cazadores en San Xoán de Río e preto de 37.000 para traballos de restauración ambiental en Laias (Cenlle).

AVANTAR ACTIVIDADES

O Concello de Sarreaus contará con dúas subvencións, por importe de 48.000 euros cada unha delas, para obras en camiños municipais e de mellora de abastecemento e saneamento. Tamén o Concello da Rúa vai dispoñer de senllas achegas para obras de humanización na rúa As Guindeiras (48.000 euros) e maila urbanización do Barrio (40.000). Muíños recibirá outras dúas axudas: 140.000 euros para a mellora do acceso de Prado-Reparade na estrada de Lobios e 10.000 euros para as Portas do Xurés.

O capítulo municipal complétase coas seguintes subvencións: 48.000 euros a favor de Coles para arranxos na hípica municipal; case 37.000 para reparacións dos danos ocasionados polas choivas na Peroxa; 32.000 para o acondicionamento dun lavadoiro e maila contorna de Ricobanca, en Beariz; 20.000 para o arranxo dun depósito de auga potable en Riós; e 48.000 euros para a mellora de accesos en poboacións de Nogueira de Ramuín.

En colaboración con entidades, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 80.000 euros para actividades da Academia Galega do Audiovisual; tamén co mesmo destino, a Fundación Insua dos Poetas recibirá 15.000 euros; a agrupación musical Os Caliqueños disporá de algo máis de 7.000 para a adquisición de material; e a asociación Lembranza Solpor terá unha achega de 5.000 euros para gastos de funcionamento e instrumentos. Mentres, a Federación Galega de Hóckey contará cunha subvención de 10.000 euros para o Campionato de España Sénior.