O escritor Frutos Fernández presentou a nova edición do libro Nomes do Ribeiro

Este pasado venres día 16, ás oito da tarde, no Museo Etnolóxico de Ribadavia celebrouse o acto de presentación da nova edición, corrixida e ampliada, do libro Nomes do Ribeiro de Frutos Fernández González. No acto participaron: César Llana, director do museo; Rita Abraldes, profesora de galego; Xosé Carballido, enxeñeiro agrícola, experto en viticultura; Secundino Lorenzo, profesor do instituto de Ribadavia entre 1968 e 1977, e o autor, Frutos Fernández. O acompañamento musical do acto estuvo a cargo do grupo Ronsel de Vigo.

Frutos Fernández González por razóns familiares e de traballo ( foi catedrático de Fisica e Química no IES Nº 1 ) é veciño do Carballiño pero leva ao Ribeiro ( en particular a San Clodio a súa terra de nacemento) no corazón.

AVANTAR ACTIVIDADES

Frutos é multidisciplinar: docente, investigador, escritor, gran conversador e outras moitas cousas.

Este último libro únese a outros xa publicados:

Hai que engadir : “O padrón de San Clodio de 1580. Estudo histórico e onomástico (2008)”

Actuación do Grupo Ronsel interpretando a Fuxan os Ventos


A primeira edición deste libro “Nomes do Ribeiro” , xa esgotada, fora realizada polo Instituto de Estudios Carballiñeses, dirixido por Avelino Muleiro, no ano 2007. A nova edición, da Editorial Andavira, ademais do estudo dos topónimos ribeiraos que contiña a primeira, inclúe un completo e novidoso estudo sobre os nomes das castes de uvas características de Galicia (godello, treixadura, torrontés, …), campo totalmente inédito en Galicia. O libro tamén se amplía co estudo etimolóxico e semántico dalgúns dos vocábulos máis característicos do Ribeiro (cavadura, culeiro, moio, …)


TEXTO DA INTERVENCIÓN DE RITA ABRALDES IGLESIAS

O departamento de lingua galega do IES O Ribeiro é un espazo máis ben limitado onde se amorean libros, exames e apuntamentos. Perdón. No departamento de lingua galega e literatura do IES O Ribeiro conviven Rosalía e Arantza Portabales, Celso Emilio e Pondal. Ás veces discuten Otero Pedrayo e Blanco Amor… A historia da nosa literatura, as gramáticas e dicionarios, os nomes dos nosos referentes máis inmediatos permanecen á espera de saír alá onde recuperan a vida e expresan tanto do que son: a aula. Os nosos nomes tamén.

Arnoia, Avia, Francelos, Abelenda… Estes nomes, os nomes do Ribeiro no IES O Ribeiro, teñen rostro. Son os nosos alumnos. E nome do Ribeiro es ti, Frutos, alumno que fuches. Frutos de San Clodio…

O libro Nomes do Ribeiro, cariñosamente adicado polo autor, que nos visitou e falou no salón de actos hai xa uns anos,  tamén espera impaciente no departamento de galego a que unha man o recolla e o leve á aula.  Ler en voz alta na clase a Rosalía, Ferrín, Celso Emilio ou Castelao, emociona. Reflexionar sobre as súas mensaxes tan vixentes, emociona. Comprobar que algún mozo ou moza tamén se sente afectado polas súas palabras, emociona.

Os días nos que o libro Nomes do Ribeiro sae do departamento e as súas páxinas se abren na aula, son días do curso nos que o éxito e a emoción están asegurados. Porque os estudantes senten con orgullo que son eles, os seus nomes, os seus lugares, os protagonistas e obxecto do estudo. Eles e os seus nomes son o libro minuciosamente rexistrado. Todos e todas queren saber que significa, e cal é a orixe do seu lugar. Sorpréndense primeiro e decontado presumen da antigüidade documentada e queren saber máis. E preguntan cal é a orixe de Muimenta, onde naceu o meu avó, ou de Abelenda, de onde á niña nai… e xorden etimoloxías populares escoitadas na casa e sempre hai sorrisos e bromas e moita satisfacción. Porque nada emociona máis ca coñercerse a si mesmo. Achegarse ás orixes. Saber de onde somos sabendo o que significa ábrenos os ollos e sempre, sempre hai emoción no descubrimento. E non hai nada como aprender desde as emocións.

Eu asegúrolles a todos e todas vostedes que, cando chega o exame, porque por desgraza aínda temos que facer exames, hai unha pregunta que os nosos estudantes ribeiraos responden en primeiro lugar e nunca nunca queda en branco: “Describe a orixe e etimoloxía do teu topónimo e engade a explicación doutros tres nomes do Ribeiro”.

Moitas grazas, Frutos, polo teu traballo. Xa sabes que no IES O Ribeiro agardámoste o próximo curso con esta reedición ampliada e mellorada dos Nomes do Ribeiro. (Igual tes que vir tamén a visitarnos ao ciclos medio e superior de vitivinicultura…)


TEXTO DA INTERVENCIÓN DE XOSÉ CARBALLIDO PRESAS

En primeiro lugar agradecer a Frutos Fernández que teña contado comigo para formar parte deste quinteto de persoas para falar deste libro. Compartir mesa co propio autor, co director do Museo César LLana, coa miña veciña Rita Abraldes ou con Secundino Lorenzo, o mellor profesor que tiven nunca hai xa preto de corenta anos, cando fixen os meus estudos de COU no Instituto de Ribadavia, fai que me sinta estar entre persoas sabias, cunha importante dose de autoestima. Un privilexio, certamente.

Emoción. Emoción foi o primeiro sentimento que experimentei ao ter o libro nas miñas mans. Xa tiña lido e relido a primeira edición rematada de imprentar o 25 de outubro de 2007, festividade de San Frutos, patrón da cidade de Segovia. Esta segunda edición e algo máis pesada; si, 631 gramos fronte os 489 gramos da primeira publicación.

Pode haber causas puramente físicas, como o tipo de papel, pero tamén hai outras de tipo intelectual: aquel ímprobo traballo vese agora completado co estudo dos nomes das castes e aqueloutros chamadoiros de uso ancestral neste Ribeiro onde desenvolvín unha importante e feliz etapa profesional.

Neste libro atopei a miña amiga Treixadura, acompañada doutras amizades das que presumo: Albariño, Godello, Lado, Loureira, Torrontés, Brancellao, Caíño, Ferrón, Mencía ou Sousón … e tampouco quero desprezar ao Alicante nin o Xerez  que adquiriron grande presenza nos nosos viñedos ata hai uns anos.

A busca da orixe etimolóxica ten grande importancia, para satisfacer a curiosidade do lector e tamén por respecto aos nosos antepasados, que as usaron e bautizaron. E polas grandes penurias que tiveron que padecer que ocasionou que moitas destas castes desapareceran para sempre.

A aparición do oídium cara a 1850 causou verdadeiros estragos nos viñedos galegos, que provoca a desaparición de moitos e ocasiona unha terrible miseria no Ribeiro, que desencadea unha vaga de roubos e asaltos (en 1856 o concello de Ribadavia acorda crear 3 prazas de policías armados, con soldo de 3.300 reais anuais e outros 600 reais para armamento).

Aparece o mildium pouco máis tarde, en 1886, e a filoxera que entra polo Val de Monterrei en 1892, producindo esta praga unha verdadeira devastación dos nosos viñedos. Estas patoloxías producen un éxodo masivo cara a América, e tamén a desaparición de moitas castes de uvas que, posiblemente, nunca saibamos delas.

Toda vez que as raíces da vide americana demostraron a súa resistencia a este insecto, comezou xa na primeira metade do século XX a recuperación do viñedo mediante a utilización de patróns americanos sobre o que se enxertaban viníferas europeas, optando preferentemente polo Palomino de Xerez en brancos ou Alicante Bouschet (garnacha tintoreira) en tintos, xa que o mercado demandaba grandes cantidades e, como ben insinúa o autor, teñen sacado moita fame  e permitido que moitas das persoas deste país tiveran accedido á brilantes expedientes académicos nos institutos e universidades, como ben poden acreditar os sabios que me acompañan.

Xa nos anos oitenta do século XX, a conservación de algunhas pre-filoxéricas permitiu recuperar felizmente estas castes tradicionais. Tiven a fortuna de formar parte do primeiro Plan de Selección Clonal e Sanitaria da Vide de Galicia e probar ducias de elaboracións monovarietais.

Gardo na mente as extraordinarias cualidades do Clon RA-36, unha das catro Treixaduras seleccionadas que, por estar ademais exenta das viroses recollidas no Regulamento de Control, puido ser certificada para a multiplicación de material vexetal. Hoxe, unha parte importante das Treixaduras que atopamos nos viños galegos son fillas daquela nai RA-36.

Non tardaría Frutos en atopar as raíces etimolóxicas da RA-36, acrónimo do clon 36 de treixadura, o M-14 da mencía, igual que ES-23 correspóndese co Torrontés ou o A-181, dos mellores clons do Albariño.

E quero rematar entonando un mea culpa. Quizais aquelas aberracións toponímicas nas estradas que os máis maiores aínda lembramos partisen dos enxeñeiros das obras públicas que castelanizaban “a súa maneira” os nomes propios dos lugares, que logo o goberno estatal oficializaba: Pungín, Niño de La Guía, Ginzo de Limia, Puenteareas … ou o meu Carballino natal.

No agro, este labor correspondería os enxeñeiros “da parcelaria”, meus colegas e eu mesmo, que puidemos facer un gran traballo para reorganizar a propiedade pero con escasa sensibilidade -as veces- na conservación desta micro-toponimia. Tampouco foi a norma xeral, claro.

O desprezo a toponimia e a ignorancia do léxico tardaría anos en corrixirse no nomenclátor oficial. Pero hai outros nomes de lugares, paraxes ou pequenas singularidades xeográficas que aínda seguen a utilizarse na documentación oficial de xeito incorrecto; as veces, con tal deturpación dos nomes orixinarios que pode chegar a producir espasmos intelectuais na súa lectura: Veigina, La Tejera

A administración debería velar pola conservación deste patrimonio inmaterial e poñer os medios. As veces sobra enxeñería e falta filoloxía. Aínda estamos a tempo. Por que senón, o seguinte traballo de Frutos podería titularse “A deturpación dos nomes do Ribeiro”

Parabéns e grazas polo teu libro, Frutos.


TEXTO DA INTERVENCIÓN DE SECUNDINO LORENZO FERNÁNDEZ

Boas tardes a todos. Quero deixar moi claro,  que me sinto afortunado de que Frutos Fernández pensase en mín para presentar, con outros,  a segunda edicción do seu libro “Nomes do Ribeiro”. Para  mín é un honor e un agasallo. Moitas gracias Frutos.

Indicar primeiramente uns puntos aclarando por qué é un honor e un agasallo para mín estar  nesta presentación:

Hai algunhas razóns:

1.-Frutos Fernández foi meu alumno no curso 1968-69, 69-70 e 70-71 que foi o meu debut no ITEM de Ribadavia.

Xa fai 55 anos , eu tiña 23.

Por certo o ITEM de Ribadavia era o único instituto que había na provincia de Ourense, quitando a capital. Nacera no curso 1953-54 precisamente con clases no Museo Etnográfico de Ribadavia, onde estamos hoxe. Logo inaugurouse o 07/09/1958 o actual.

Un instituto onde se facía o bacherelato laboral ata que foi suprimido no ano 1967. Por eso en 1968-69 deuse aos alumnos que entraban a posibilidade de pasarse o bachillarato normal elemental de 4 anos, e logo o que quixera facer o superior ata o  PREU no ano 1974. Os anteriores  siguiron facendo o Bachillerato Laboral, como Frutos por exemplo.

Frutos era o terceiro ano que estaba no centro.  Dinlle tres anos clase, 3º , 4º e 5º curso do Bacherelato Laboral, modalidade Agrícola-ganadeira. Alumno excelente con notas medias conmigo de sobresaintes. Nota media 8,2 en 5º curso fimado polo tutor, curiosamente Secundino Lorenzo. (A materia non era moi doada nin tempo nin lugar, estudíabase no autobús e na casa na cociña moitos deles, había que axudar nas viñas, novato o profesor, o meu caso) Decir que Frutos fixo logo os cursos , 2 anos de bachiller universitario e logo a súa carreira. Licenciatura en Cencias Químicas na USC  que xunto cos estudios que fixo da parte que lle faltaba de Física, permitiulle nos anos noventa aprobar a oposición e ser  nada menos que Catedrático de Fisica e Quimica en Educación secundaria.

Posteriormente  fixo a licenciatura de Cencias Económicas  e empresariais pola UNED.

Así:

2.- Foi colega dentro do ensino e inda por riba dentro do eido científico. Un orgullo e unha felicidade para calquera profesor que lle dera clases. Soio estos dous puntos xustificarían que sinta orgullo e sexa un agasallo esta presentación para mín.

Pero hai máis motivos, moitísimos máis.

 3.- No terreno das súas inquietudes e das súas afeccións coincidimos en moitas cousas. Teño que contar unha anécdota curiosa:

Coincidimos nas nosas inquietudes un día do ano 2005 nada menos que no Archivo Histórico de Ourense, na rúa Hernán Cortés. Pola miña parte  en torno a búsqueda duns datos históricos  en torno as casas dun pueblo de A Veiga, concretamente Alberguería, que quedou asolagado polo encoro de Prada en 1958  e Frutos investigando e buscando  datos para o seu libro “Nomes do Ribeiro”, libro que publicou dous anos despois.

Curioso encontro. E máis:

4.- Posteriormente descubrín que Frutos estaba investigando temas históricos que deron lugar a moitos traballos, algunos que eu mismo utilicei nas miñas páxinas web como por exemplo: o traballo titulado “Anotacións históricos da pesca en Francelos”, un traballo de 2010.

Tamén leo varios traballos de Frutos como “Disfrazados de maiores” de 2009,  “Jeanfrujo un pequeño pobo a carón do instituto” e descubro una marabillosa forma de escribir que confirmo coas colaboracións no diario La Región . O traballo Jeanfrujo deu lugar seguramente a un blog que actualmente mantén como páxima web e que podedes atopar en internet simplemente escribindo jeanfrujo.blogspot.com

Estos textos tamén podedes atopalos na páxina web do que escribe iribeiro.es

De feito, do diario La Región  sairon escritos entre 2013 e 2018 polo menos 200 artigos de todo tipo e sempre moi ben feitos e pensados, con moito xeito e con varias características en común: temas moi actuais, exposición dunha opinión ou hipótesis e  demostración  da súa tesis ou da súa afirmación. Tamén descripcións marabillosas, perfectamente escritas, moitas delas rozando a poesía e todas elas con gran coñecemento dos temas.…

Así lembro temas como: a proposito do pulpo; falsedade do nós; esperanza de vida; buscando emigrados, de peixe e pescantins falando do mal que están os ríos, cambio climático; paxaros;  outono; a fermosura de Galicia;  o tío Serafin, mestres gratuitos e alumnos ventureiros, agora entendo a dedicatoria do primeiro libro de Nomes do Ribeiro de Frutos;

 A propósito do nobel; Libros, o gran libro  , e así ducias de temas, que daban,  dende logo,  para un libro ben interesante, lembro varios libros parecidos , como Escritos en do menor do gran Víctor Campio Pereira. Non entendo como Frutos no publica estos artigos que son auténticas xoias, o mismo que fixo Victor. Teñen calidade de sobra. Xa debera estar pensando no título “Escritos do día a día” ou similar.

Sei que é membro do Instituto de Estudios Carballiñeses e ten publicados numerosos traballos en revistas prestixiosas como Boletín Auriense,  Ágora do Orcellón ou Argentarium.

Por certo Frutos é membro  da Asociación Galega de Onomástica (rama da lexicografía que estudia os nomes propios).

Ten escrito algúns libro, aparte do que estamos a presentar, como Toponimia do Carballiño, e recentemente un traballo de máis de 20 anos a Historia de San Clodio publicado no 2021 pola editorial Andavira, que é a misma que publica os Nomes do Ribeiro. Na historia de San clodio botou 20 anos de investigación. A historia abarca dende o século X ao século XX datos sobre a Parroquia, sobre o mosteiro de San Clodio e a xurisdicción da zona. Unha obra fora de serie.

Aquí podo citar unha frase que indica en algún momento do libro e que atribue a Castelao, seguramente tomada de Heine “…Igual que dende a máis pequena fiestra pode contemplarse a inmensidade do ceo, dende a máis pequena terra pódese comprender a grandeza do mundo…”

Descubro con todo o anterior un Frutos, con moitísimos méritos ao longo da súa carreira.  Tanto no mundo das Cencias como no das letras,

Vemos…un home de Cencias como dice Avelino Muleiro no prólogo da primeira edicción de Nomes do Ribeiro. Un home de cencias que fai un marabilloso traballo en terreo de letras, ademais pódese detectar perfectamente nos seus traballos a súa formación científica que, sigue a decir Avelino “… detéctase inmediatamente ó comprobar o rigor metodolóxico e o enfoque preciso que lles imprime os seus traballos de investigación…”

E xa remato;

5.- Falarei do libro “Nomes do Ribeiro” que publica no ano 2007. Coñecía o libro xa que utiliceino nun dos meus traballos, concretamente nunha páxina que teño sobre O río Miño.  Ao falar da palabra Miño, collín o seu estudio da palabra. Pequeno comentario sobre o orixen esta palabra…

Posteriormente e xa no traballo “O Ribeiro dende o ceo” montaxe en internet que estou a facer coas marabillosas fotografía de Carlos Miguel Menacho García e que consiste en visionar un mapa do Ribeiro e  pulsando nos lugares correspondentes aparecen  as fotografías sensacionais que está a facer Menacho e o mismo tempo ofrecemos mapas e explicacións, xunto coa procedencia dalguns nomes, onde facemos resúmenes do traballo do libro “Nomes do Ribeiro” de Frutos Fdez. por certo coa autorización e o asesoramiento do autor. Ese traballo levoume a profundizar no libro e a afecionarme a súa lectura, disfrutando moítisimo e descubrindo significados incribles como por exemplo nas explicacións de palabras como Cenlle,    Beiro, Aquelcabo,  Esposende, Arenteiro, Faramontaos, Fiscás, Regodeigón, Merens e un longo etc. Auténticas xoias

Frutos aporte o seu parecer  e o seu razoamento. Eso é unha das cousas que descubrí, e eso é o que me enganchou. Un libro marabilloso, moi traballado.

Recollo ademais unha frase súa básica e que ben a resumir os traballos das súas afeccións: “…Está vostede diante dun libro escrito por quen quixo aprender algo sobre a toponimia do Ribeiro, non por quen lle quere ensinar ó que sabe sobre este tema”.

Estamos agora ante un novo libro, mellorado en motísima das palabras, si xa estaba convencido da marabilla do libro  está claro que o novo é moito mellor e máis fundamentado.

De todo esto debe deducirse de forma lóxica, que debedes comprar o libro e disfrutalo, merece a pena.

Para rematar gustaríame facelo cun ofrecemento que ten moito que ver con esta presentación:

A sorpresa  parte dunha charla que tuvemos sobre o este  tema  Carlos Miguel Menacho García e máis eu e que explico a continuación:

Dende este suposto o noso ofrecemento é simplemente que si algun día chega a facerse outra edicción, por ejemplo porque se agota esta, que o libro levara un pendrive, con  16 Gb sería suficiente, poden sair a 3,50 €,   no que se poida buscando o nome acceder directamente o lugar, coas fotografías de Menacho Garcia dende dron, e por suposto cos datos do concello, onde está o lugar,  e da  parroquia, e do lugar en sí e un resumen do topónimos correspondente  Sería unha triple colaboración.

O algoritmo do programa debera  permitir estos accesos sin entrar en Internet, ou sexa todos os datos no pendrive. O acceso en principio sería alfabético.

Gustaríanos, a idea é de Menacho e miña,  que Frutos aceptara o noso ofrecemento..E nada máis, larga vida a este traballo de Frutos. Enhoraboa polo gran traballo. E gracias.


TEXTO DA INTERVENCIÓN DE FRUTOS FERNÁNDEZ

Presentación do libro Nomes do Ribeiro, Ed. Andavira 2023.

Museo Etnolóxico de Ribadavia, 16 de xuño do 2023

Intervención de Frutos Fernández González  (autor)

Amigos, amigas. Boas tardes a todos.

Quixera comezar esta intervención cunha lembranza. Hai dezaseis anos presentábase a primeira edición de Nomes do Ribeiro no Carballiño, e algunhas persoas queridas que me acompañaban naquel acto xa non están con nós. Alí estaban: Manuel Vilanova, o poeta de Barbantes, que presentou este libro aquí en Ribadavia no verán do 2008; o meu primo Eduardo López, de Lebosende, mestre na Peroxa e estudoso da historia local; veciños de San Clodio, coma Rosa Lourido, dona Alicia Eiján, a súa filla Elísabet e o seu xenro Luís Saavedra, matrimonio co  que compartiamos aquí mesmo hai apenas dous anos a ledicia da homenaxe ó seu tío Samuel Eiján polo centenario da súa Historia de Ribadavia. E tamén estaba miña nai. Pois ben, quero dicir que todos seguen moi presentes no meu corazón, o mesmo que a memoria do tío Serafín a quen lle dedicara este libro.

A segunda manifestación será de agradecemento. Primeiro, a tódolos asistentes. Logo ós que ó longo destes anos me fixeron saber que Nomes do Ribeiro era un libro que tiñan sempre á man, ás veces case como libro de cabeceira, porque por eles sei  que pagou a pena escribilo. A César Llana, director do Museo, por facer posible a celebración do acto neste simbólico edificio, o mesmo que ó amigo Juan Bande, que non nos pode acompañar hoxe. Tamén ó meu cuñado Frank Díaz e ó grupo Ronsel por esa marabillosa música que adornou o acto. Á Editorial Andavira, e especialmente á súa directora, Lucila Ventoso, sempre tan amable comigo E, por suposto, a Rita Abraldes, a Xosé Carballido e a Secundino Lorenzo por prestarse a presentar o libro. Con respecto a estes últimos quixera destacar algo que me une cos tres: a nosa relación co Instituto de Ribadavia. O instituto é algo moi importante na vida das persoas, ata tal punto que Max Aub, deixou escrito que “un é de onde fixo o bacharelato”; por iso sempre digo que eu son de Ribadavia e de Miranda de Ebro, sen esquecer O Carballiño, a miña vila de acollida, nin San Clodio,  a miña  verdadeira patria. Pois ben,  Xosé e máis eu fomos alumnos do instituto, eu entre 1966 e 1971 e el algo máis tarde,  e Secundino e Rita profesores, Secundino entre 1968 e 1977, e Rita exerce nel desde hai dezaseis anos. E creo que, xunto con algúns dos presentes, cubrimos a case a totalidade de vida desta institución educativa, sen dúbida é a máis importante da historia do Ribeiro, e que comezou as súas actividades aquí neste nobre edificio no ano 1953, pasando ó novo en 1958, sendo durante máis de vinte anos o único instituto da provincia de Ourense, aparte do da capital. Tamén quero facer unha saudosa lembranza dos profesores da miña época: don Gerardo, don Guillermo, dona Antonia Orosa, dona Conchita Rodríguez e o seu home D. José María, a profesora Cachafeiro, don Julio Freijido, director daquela, don José o de correos, D. Javier de Burgos, don Jesús Gómez, don Manolo Portela, don Pedro Moreno, dona Lula Lira, dona Margarita Souto, don José Benito Sieiro. E, por suposto, o presente Secundino Lorenzo.  De Secundino tería que dicir moitas cousas, e todas boas, pero dado que hoxe viñemos a falar do meu libro, limitareime a dicir que telo de profesor foi  unha gran sorte, e que diante dun mestre coma el toma todo o seu sentido un epigrama grego que escollín para encabezar o capítulo dedicado ó ensino do meu libro Historia de San Clodio, que di: “Desde o ceo, Deus mira compracido ó mestre xentil”... Secundino chegou ó Instituto no ano 1968, e aportou unha imaxe de cambio e de modernidade ó centro: coa súa xuventude, co seu Renault 8 TS azul, coas súas gafas de sol  de aviador …, e especialmente co seu trato fraternal e amigable para cos alumnos; en liña cos cambios que trouxo aquela década dos sesenta: dos Beatles, do Vaticano II, da minifalda, do maio francés, e aquí en Ribadavia de Abrente. O cambio comezara a sentirse no instituto en 1967 trala chegada de José Benito Sieiro como profesor de relixión, e coa incorporación das alumnas, cando pasou a ser centro mixto, claro que daquela maneira, pois alumnos e alumnas compartíamos  edificio e profesores, pero non aulas nin planta, nin tan sequera recreos. Eran sinais de apertura, anuncios da vindeira transición, que se completaría formalmente cando Secundino abandonou o centro en 1977, o ano das primeiras eleccións democráticas. Eu veño daquel instituto, daquel tempo e daquela Ribadavia, e polo tanto o meu libro tamén é debedor de todo iso.

Do libro xa se falou bastante, e moitos xa o coñecen, así que tan só farei un par de reflexións, por se poden axudar a interpreta-lo mellor. Pero antes quixera explicar o por que da nova edición. Na introdución explico que dúas foron as principais razóns: a primeira, que a edición do IEC xa estaba esgotada; a segunda corrixir certas eivas que presentaba. Pero debería ter anotado unha terceira, a que veu do interese de  Secundino por introducir algunhas citas do libro como complemento das fotografías dos lugares ribeiraos que, realizadas por Miguel Menacho, estaba subindo á súa interesantísima web de lembranzas do instituto.  Posto á revisar esas citas, pensei que xa era hora de estender a revisión a todo o texto e proceder á nova edición. Ademais, e isto creo que é o máis interesante, decidín incluír  dous apéndices novos con traballos inéditos relacionados con outros nomes do Ribeiro, aparte dos toponímicos: un primeiro que aborda o estudo dos nomes das castes de uvas, tema totalmente inexplorado en Galicia, e outro no que estudo catro dos vocábulos máis característicos do Ribeiro: cavadura, culeiro, moio e sucalco. O traballo, que precisou da renovación completa dalgunhas entradas, foi moito máis complexo do que pensaba, e estiven tentado de abandonalo. Se non o fixen foi por  un mandato moral que aprendín de Isaac Díaz Pardo,  que di: “Todos temos a obriga de intervir aportando o que sabemos”.  Por iso estamos aquí presentando esta nova edición.

Con respecto ás reflexións prometidas, a primeira versará sobre de que trata Nomes do Ribeiro. A resposta parece obvia: trata de nomes, de saber sobre os nomes, algo que os que só valoran as utilidades materiais considerarán totalmente inútil, pero direilles que é xustamente a realización de actos inútiles o que distingue ó home do resto dos animais; e que o home de ciencia non estuda as cousas pola utilidade que lle poida traer sabelas, senón polo pracer que lle produce satisfacer a súa curiositas. No que nos ocupa, convén comprender que un territorio abandona a súa condición de terra incógnita cando aparecen os nomes, cando a través deles se converte nun cosmos de palabras, un cosmos formado polos nomes dos lugares, das plantas, dos animais, das persoas que o habitan, dos negocios que alí se instalan, das actividades que se realizan, etc. E o número de nomes que contén un territorio danos unha idea da súa humanización. Logo, a través da verbalización e da conexión deses nomes o territorio pasa a ser tamén un cosmos da linguaxe, e esta un elemento fundamental da súa identidade. Por iso,  para o home hai poucos estudos de máis interese có do idioma que se fala no seu país natal. Pero claro, máis alá do seu estudo, os nomes teñen unha dimensión  evocadora que souberon aproveitar moi ben os poetas, especialmente os do Ribeiro. Comezando por don Eladio, pasando por Manolo Vilanova e rematando en X. C. Gómez Alfaro. De don Eladio dicía Otero Pedrayo, que “con  só lembrarlle un nome, unha cantiga ou un topónimo de entre o Barón e Francelos se lle acendían no mirar larganzas e recantos da terra nativa”. E así quedou demostrado no seu poema máis sobranceiro, Meu Ribeiro, talvez o máis toponímico da literatura galega, do que entresaco estes poucos versos:

Arriba,…,

están Lebosende e Banga,

Lentille i-o Formigueiro;

abaixo, â beira do río,

Esposende e Pazos Ermos;

máis abaixo, Ventosela,

Regodeigón e Francelos;

máis arriba, Roucos, Cenlle,

San Fiz, Anllo e Figueiredo;

aquí, Gomariz i-a Ponte

e Barzamedelle e Leiro;

Tamén os nomes das castes, por esa forza evocadora, mereceron a atención de Gonzalo Navaza, cando, como poeta, que non como toponomista que tamén é, veu pregoar a feira do viño do 2012, con versos coma estes,

Santa Treixadura, tes

para nós, os teus romeiros,

o don de volver lixeiros

os pensamentos e os pés.

Se acaso San Torrontés

tamén acode á xuntanza

e ademais entran na danza

Santo Albariño rideiro,

San Godello e San Loureiro…

Pero hai outra dimensión dos nomes, que é a semántica ou significativa, que en moitos casos se perdeu co paso do tempo. Francelos denomina á poboación de Francelos, pero que significa Francelos? Treixadura designa a unha caste de uvas, pero que significa Treixadura? Xusto esa dimensión, perdida na maior parte dos casos, é a que quixen recuperar neste libro para todos eses nomes do Ribeiro.

Así, podería deducirse que este é un libro de toponimia, ou de onomástica con algo de lexicografía, se contamos os apéndices. E no fundamental é iso, pero non nun sentido estrito nin exclusivamente. E non o é, primeiro porque eu non son un especialista da onomástica nin da lexicografía, tan só un estudoso nun sentido máis xeral. E segundo, porque o meu interese, máis alá de descifrar ese enigmas lingüísticos, está  en transmitir unha imaxe do Ribeiro, fundamentalmente a do Ribeiro que vivín e coñecín, xa moi diferente do actual, despois de medio século de profundas transformacións. Talvez a necesidade  de escribir este libro partiu dunha sensación de perda semellante á que experimentara o P. Eiján, hai arredor dun século, cando vía que o xeito de vida que el coñecera de neno, en San Clodio, estaba en perigo de desaparecer, e iso foi o que o levou a escribir toda a súa obra relacionada co Ribeiro. E esa semellanza na motivación talvez veña de que a  perda que temía o P. Eiján aínda  non se detivera cando naceu Nomes do Ribeiro; se cadra nin sequera agora se detivo, aínda que case ninguén a observe. Porque as perdas e as ausencias soamente son visibles para os que coñeceron o pasado. 

Aparte de todo iso, quixera subliñar os contidos históricos do libro. Poñerei dous exemplos. O primeiro relacionado coa entrada Ribeira, Ribeiro; cando un lingüista estuda o topónimo Ribeiro, céntrase na súa etimoloxía, é dicir, no latín riparia, ribeira dun río,  na sonorización da consoante oclusiva, na evolución da sufixación e en explicar o masculino de Ribeiro polas connotacións de xénero relacionadas co tamaño propias do galego. Máis difícil sería que encadrase o uso do topónimo no espazo e no tempo, é dicir, en como deu nome primeiro a unha circunscrición medieval, a Terra do Ribeiro da Avia, como logo se mantivo no complemento do nome dunha xurisdición na idade moderna, a Xurisdición de San Clodio do Ribeiro de Avia, e como despois sobreviviu como nome desta terra e do seu viño durante un par de séculos, sen que ningunha circunscrición administrativa o levase. Porque todo iso son cuestións de tipo histórico, fóra do estrito campo da lingüística. O outro exemplo refírese a entrada O Chao, Os Chaos; nela, aparte de desvelar a etimoloxía e o significado destes topónimos, e de descubrir a antiga circunscrición da Terra do Chao de Castela, que abranguía as terras da penechaira existente entre os vales do Avia e do Barbantiño, infórmase que o apelido Chao, tan importante en Ribadavia -por levalo, entre outros: Eduardo Chao, ministro de fomento da I República natural desta vila; Luís Chao Sobrino, o máis importante emprendedor que tivo Ribadavia, patriarca de importantes empresas de reloxería, fotografía e fábrica de ataúdes, e máis recentemente o actor Ernesto Chao, o inesquecible Miro Pereira da TVG- ten a súa orixe no nome dun pequeno barrio de Lebosende… Outra vez datos que non tería porque coñecer o lingüista.  Así, por eses contidos complementarios, creo que o verdadeiro atractivo do libro está máis alá do estritamente toponímico para entrar dentro do histórico, fundamentalmente, pero tamén do socio-cultural.

A segunda reflexión, máis xeral, partirá dos temas sobre os que escribo e desembocará na valoración da cultura e da educación, pois arredor dun libro sempre gravitan eses dous conceptos. Neste senso, direi que  os meus traballos céntranse sempre en temas que non atopei resoltos na bibliografía; tratan de dar, polo tanto, respostas a enigmas que tiven que investigar e estudar para satisfacer a miña curiosidade. Pero non se pense que as descubertas ou os novos enfoques son sempre ben recibidos, nin sequera en campos tan aparentemente inocuos como semellan ser os da onomástica ou os da lexicografía; ó contrario, a maior parte das veces esas revelacións o que provocan principalmente é a repulsa dos que non queren que certas verdades se saiban, e a de aqueles que cren ter o privilexio de estudo de certos temas, crenza bastante común na actualidade no ámbito académico universitario e no das camarillas culturais. Non obstante, en tódolos espazos da cultura, especialmente nos que poderíamos chamar de cultura humanística, son moi necesarios os investigadores e os autores independentes. Xa o apuntara Américo Castro referíndose á historia, pero o mesmo se podería aplicar a calquera outra disciplina humanística. Escribía don Américo: “Los adscritos a las rutinas tradicionales y profesionales patrocinadas por las academias, las universidades y análogas instituciones, se retraen defensivamente para no lesionar mal creados intereses. Quienes gozan de mayor libertad de movimientos van paulatinamente reconociendo la invalidez de la historiografía consagrada”. Sánchez Ferlosio incluso ía máis alá cando se refería ó coñecemento do propio, apuntando: “La toma de distancia, el extrañamiento, es la única actitud metodológica indicada para el que pretenda alcanzar algún conocimiento de lo propio; pues lo propio es, en cierto sentido, lo más difícil de conocer”.  Os que me coñecen saben que non simpatizo coa “Cultura de Estado”, é dicir, coa cultura fomentada, programada e subvencionada polo poder político, un invento do século XIX con raíces en Prusia, primeiro estado que uniu cultura e politica, conceptos ata entón independentes, ou incluso antagónicos, como defendía Nietzsche. Pero o modelo actual de política cultural vén de Francia, de cando en 1959 se creou o primeiro ministerio de cultura con André Malraux á fronte, modelo que adoptaría España unha vez recuperada a democracia. Non obstante, eu estou cos críticos do “Estado Cultural”, encabezados polo intelectual francés Marc Fumaroli, quen pensa que contra o  “sopicaldo turístico” no que se converteu a cultura,  centrada no fomento do espectáculo e na diversión das masas, só hai unha alternativa, á que denomina “ocio estudoso”, consistente en fomentar un hábito de estudo e unha inquietude intelectual que permita cultivar a intelixencia e a sensibilidade de cada persoa. E para lograr eses obxectivos o que se precisa é Educación, é dicir: escolas, institutos, universidades, arquivos, bibliotecas, conservatorios, museos, e persoas competentes traballando neles. Porque a educación, non o esquezamos, constitúe o verdadeiro corazón da democracia. E se hai educación, a cultura florecerá  de xeito espontáneo, diverso e radiante, como florecen os campos na primavera.

Rematarei botando man dun dos meus autores favoritos, o catalán Josep Pla. O seu libro Viaje a pie, de 1949, é unha viaxe de coñecemento polo Ampurdán, a terra natal do autor. A viaxe, exenta de calquera afán turístico ou deportivo, realizouna a pe, paseando polos camiños, botando un pito de vez en cando, e falando coa xente. E nunha pasaxe do libro escribe:   “Me parece que  nada hay que ofrezca tanto interés para el ciudadano como saber exactamente en qué consiste su país”. Con Nomes do Ribeiro non pretendo que o lector acabe sabendo exactamente en que consiste este país, e xa me contentaría con que lle axudase a coñecelo un pouco máis.

Iso foi todo. Moitas grazas.