O delegado territorial da Xunta lembra que ata o 17 de xullo poden solicitarse as axudas para mellora da accesibilidade en vivendas e edificios residenciais

  • Gabriel Alén lembrou que a Xunta de Galicia ten aberto dende o pasado 15 de xuño a convocatoria do programa de axudas para financiar obras de mellora da accesibilidade no eido residencial, cun orzamento previsto para este ano de 9 millóns de euros
  • Estas subvencións van dirixidas a apoiar aos propietarios no financiamento de intervencións sobre vivendas unifamiliares e edificios de uso colectivo, incluíndo obras tanto nos espazos comúns do inmoble como individualmente nas vivendas que o compoñen
  • Os incentivos poden chegar ata os 18.000 euros por vivenda

Ourense, 12 de xullo de 2023.- O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén,  desprazouse esta mañá á Rúa Filomena Dato, 7 de Ourense para informar da convocatoria de axudas para mellora da accesibilidade en vivendas e edificios residenciais.

O delegado territorial lembrou que a Xunta de Galicia ten aberto dende o pasado 15 de xuño  a convocatoria do programa de axudas para financiar obras de mellora da accesibilidade no eido residencial, cun orzamento previsto para este ano de 9 millóns de euros e incentivos que poden chegar ata os 18.000 euros por vivenda en determinados supostos; un 80% do investimento total (DOG do 2 de xullo). O Prazo remata o vindeiro 17 de xullo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Estas subvencións -explicou Gabriel Alén- van dirixidas a apoiar aos propietarios no financiamento de intervencións sobre vivendas unifamiliares e edificios de uso colectivo, incluíndo obras tanto nos espazos comúns do inmoble como individualmente nas vivendas que o compoñen. Poderán acollerse ao programa as persoas propietarias ou usufrutuarias dos inmobles, as comunidades de veciños ou as sociedades cooperativas.

O obxectivo é levar a cabo actuacións que permitan suprimir barreiras arquitectónicas en edificios e vivendas de uso residencial. En concreto, entre as obras subvencionables inclúese a instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou motorizados para a apertura de portas; as reformas dos accesos desde a vía pública; a colocación de produtos de apoio como guindastres, sistemas tecnolóxicos de guiado, sinais luminosos e visuais e dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior.

No que respecta á contía das axudas, chegarán a, como máximo, o 60% do custo da actuación, aínda que esta porcentaxe poderá subir ata o 80% se na vivenda ou no edificio en cuestión reside unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

A contía das subvencións será variable en función da tipoloxía e características dos inmobles obxecto da intervención (vivenda unifamiliar, edificio residencial, local comercial ou vivenda integrada nunha edificación de tipo colectivo) e das circunstancias persoais dos seus residentes (persoa con discapacidade, persoa con discapacidade do 33% ou superior,…).

As actuacións non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2023 nin finalizadas antes do 2 de xuño deste ano, coincidindo coa data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, o prazo de execución de cada obra non poderá exceder de 12 meses en vivendas unifamiliares e de 24 meses en edificios residenciais.